Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 agosto 2011

MULLERES EN ITALIA


Tomo datos para a socioloxía low cost que practico (pesimamente) de antigo. As fontes son 1) as conversas con varias mulleres italianas, ultraquarantenni, con fillos xa algo emancipados alomenos para xantares ou ceas diarias, e con maridos alontanados, esquecidos ou a piques de seren desaparecidos das súas vidas; 2) os consultorios sexo/sentimentais dos xornais italianos (de fin de semana) e de revistas de moda ou de reflexión política; e 3) os movementos sociais de donne que xorden no país itálico, trasladados moitas veces ás redes de comunicación social.
Non fai falta ser un observador perspicaz para se dar de conta do machismo case atávico dos italianos. Non fai falta tampouco nin contar a porcentaxe de participación na vida pública das mulleres para corroboralo, pero se cadra convén falar sobre este asunto con elas para certificar que na vida doméstica o traballo é case exclusivamente femenino. Sen paliativos e sen avances significativos nos últimos anos. As mulleres italianas con quen falei, entre a resignación e o enfoque irónico, non queren saber nada con homes. Todas elas renegan das súas relacións e non intentan atopar outras substitutivas. Semellan estar contentes con esta situación, alonxada xa do compromiso matrimonial ou de parella. Quedan cos labores da casa, pero prefiren estar soas que mal (moi mal) acompañadas.
Estas conversas, moi divertidas agora tras os procesos supoño de duras crises, desengaños ou desilusións evidentes, compadécense coas cartas que moitas mulleres dirixen aos xornais nas que describen ese mesmo ambiente familiar, o deterioro da convivencia doméstica (moitas veces provocado polo esgotamento mental e físico que a ocupación da casa lles trae) e o descubremento, arredor da idade de corenta anos, dun certo fracaso nas relacións amorosas. A compoñente sexual é fundamental nos seus relatos e adoitan preguntar polo camiño que poden seguir. Moitas delas confesan unha constante inapetencia sexual, o abandono permanente do desexo. E algunhas, non poucas, admiten estar moi contentes con esta nova fase do que a especialista en materia de sexualidade do xornal chama a castidade voluntaria. E esta cuestión a que nunha das últimas consultas (nunha revista de moda, por certo que edita La Repubblica con miles de fotos de mulleres fastuosamente vestidas coa moda italiana) suscitou a miña curiosidade, xa que a especialista da publicación atopaba que as mulleres "de hoxe non teñen ganas, nin tempo, para a paixón, para a loucura sexual que fai perder a cabeza, nin cun rapaz nin co seu compañeiro". Para Natalia Aspesi, que así se chama a especialista que escribe, na revista Il venerdì que acompaña ao diario La Repubblica, as páxinas do consultorio, "as mulleres desta idade (30/40) están sometidas á carreira profesional e ao tempo dedican o tempo ao coidado dos fillos. Para o sexo conxugal non teñen nin tempo nin desexo, nin siquera para aquel adulterino. Os momentos de éxtase ou de ledicia convírtense en inútiles, cando non en insoportables. As discusións sobre sexo fan a esta muller aínda menos disponible e as pequenas liortas relativas ás diferencias sobre as relacións sexuais aumentan. Durante miles de anos, as mulleres sometéranse ao pracer dos homes para non os perder, pero hoxe non conseguen facelo: non queren perder ao seu home, pero pretenden que se adapte a ser parte dunha parella casta, que ten tantas cousas que facer ou que compartir sen perder o tempo co sexo."
Deixo o asunto así esbozado. Son incapaz, polo de agora, de ir máis alá, pero parece certo que as relacións de parella, tamén en Italia, están a piques de transformarse. Os movementos en Italia protagonizados por mulleres que saen á rúa a mostrar que non aceptan o sistema aumentan cada ano. Pero xa no ámbito doméstico as cousas está a experimentar un cambio serio e probablemente definitivo.

Nessun commento: