Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 agosto 2011

DOLCISSIMO FAR NIENTE


A temperatura media de 30 graos, perfecta para o que eu entendo como verán, acompañou os nosos días en Italia. Á hora da comida, o termómetro aumentaba algo máis e había que reducir o nivel de movementos. As rúas ficaban baleiras e conviña procurar a sombra para chegar a casa. A tarde pasaba nun dolce far niente, de lecturas interminables. Chegado o serán e coas mellores galas (sempre hai que ir elegante, bello, para saír de noite en Italia), conviña dar a obrigatoria passeggiata cara ás rúas do centro para cear algo (unha pizza, uns cappellaci ferraresi di zucca, pouca cousa, acompañada dun lixeiro dolce e un caffè caffè) e disfrutar dun dos momentos clave do verán italiano: o dopocena. Ese tranquilo camiñar, case parado, mesmo con retrocesos, ese paseniño trascurrir polas ruelas do ghetto, coas farolas a luz escasa para non turbar en exceso a escuridade da noite. Ese chegar case sen pretendelo á antiga piazza dell'Erbe e contemplar o antigo oratorio agora convertido en fastuosa librería aberta ata a medianoite, chea de xente agarimando libros. Ese preguntarse por se cabe un xeado de iogur (pronunciado iógur) ou de fragole, mentres pasan ao lado centos de bicicletas que circulan por inercia pola via Mazzini. Ese atoparse no medio da praza, co castelo ao fondo, coa catedral á dereita, co palazzo ducal á esquerda, entre a xente que se xunta para falar e falar, de pe, para aproveitar a mínima brisa cálida da noite. Non adoitan sentarse en terrazas, apenas procuran os poucos bares abertos (salvo o mércores, día do estudante, que se enchen de balbordo xuvenil): simplemente permanecen, falando en voz baixa, no medio dese centro case umbilical da cidade. 
A noite vai pasando aos poucos. Sentamos nunhas bancadas da praza e vemos retirarse a xente. O ceo está limpo e a lúa ilumina o campanile. Non chega a hora de se marchar para casa. Sinto que aínda estou alí naquela praza de Ferrara contemplando pasar a vida. 

Nessun commento: