Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 agosto 2011

O PEIXE DE RIALTO


Donna Leon é autora célebre de intrigas desenvoltas en Venecia. Agás en Italia, onde non permite sexan vendidos os seus libros, é novelista de grandísimas ventas. Hoxe sae nunha entrevista en EL PAíS tratando de vender, xunto a unha gastrónoma italiana, as marabillas da cociña veneciana. Non pretendo desmontar o mito da sinxela comida veneciana, que non é diferente da sinxela comida toscana, nin da sinxela comida romana, salvo en que as ameixas e os mexilóns están case sempre polo medio. Para o turismo centro e nordeuropeo e americano, todo aquilo que leve berenxenas, aceite, allo, tomates nas súas miles de variantes, pimentos e algo de peixe/marisco comprensible tipo calamar ou gamba, xa é o summum. Ver, como este ano, despois do Palio os espectadores de indiscutida fasquía centroeuropea, co cheiro ao súor de cabalos aínda no aire, comer unha ensalada de rúcula con parmiggiano na praza do Campo, probablemente por algo máis de 10 euros, explica a completa devoción que eles sinten polo que entenden como comida italiana. 
Pero ao que vou. Eu entendo o empeño comercial, supoño que da propia editorial, que, con disimulo de entrevista, pretende que merquemos o libro destas dúas mulleres entregadas ao que espilidamente chaman "o sabor de Venecia". Pero si quixera deixar constancia aquí, visto que ámbalas dúas andan nas fotos arredor do mercado do peixe de Rialto na procura dos materiais imprescindibles para a encantadora e gorentosa comida veneciana, que boa parte dos peixes e mariscos que alí se venden procede de Galicia. Eu teño o pequeno vicio de mirarlle as etiquetas ao peixe nos mercados (tamén ás conservas e aos productos conxelados) e podo asegurar que o marisco e o peixe exposto fresquísimo baixo os arcos seudogóticos do marabilloso Mercado de Rialto provén do Atlántico Nordeste, máis concretamente desta fisterra europea. Os mexilóns, non (seica lles gusta moito aos italianos o pequeno que atopan máis saporito), pero o resto, pixín, polbo, raia, robaliza, algunhas ameixas (téñoas visto de Daporta), en particular, si. 
A marabillosa cociña veneciana tradicional, a que vende Donna Leon e Roberta Pianaro, para satisfacción de Seix Barral, faise con peixes e mariscos atlánticos e con cociñeiros na súa meirande parte (en Venecia case exclusivamente) asiáticos. Un spritz glorioso (por certo, aos poucos bebida italiana completa tras nacer en Venezia: atentos á súa chegada aquí) na súa honra.   

Nessun commento: