Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 agosto 2011

A MESMA PELÍCULA DE WOODY ALLEN


A especie de que Woody Allen fai a mesma película e a decisión, adoptada por moitos/as, de non volver película algunha do ao parecer repetitivo director neoiorquino, datan de 1979, ano en que deu a coñecer Manhattan, esa película en branco e negro, de semellantes vimbios á célebre Annie Hall. Un, ás veces, exhibe boa memoria (sempre cando interesa, coma sempre) e lembra á perfección as primeiras frases dos amigos/as contra a deriva reiterativa de Allen. E foi daquela, cando encadeou dúas películas co fondo escenográfico dun Manhattan encantador e con un par de historias melancólicas, cando o persoal empezou a virarlle as costas ao xenial director co argumento de que facía sempre (sempre, sempre) a mesma película. 
O curioso do caso é que a especie dura e dura: fica instalada no subconsciente lendario de persoas que mesmo naceron moitos anos despois daquela data, xente que, preguiceira, non mirou unha película de Allen durante os últimos anos. Ninguén está obrigado a disfrutar dos seus filmes, pero conviría que o/a que pronuncia con tanta seguridade a diatriba contra un Allen ensimesmado revisase ese tópico á luz dos case cincuenta títulos dirixidos desde entón. Zelig, Días de radio, A rosa púrpura do Cairo, Delictos e faltas, Deconstruindo a Harry ou mesmo Setembro, por poñer uns poucos, son tan suficientemente diferentes como para, polo menos, ir mudando algo o pouco pensado estribillo.
Onte mirei os vinte últimos minutos de Broadway Danny Rose, ese tipo de películas de Allen que repousan na segunda liña dos andeis. Cada escea deses vinte minutos podería servir de exemplo para cineastas modernos, postmodernos e tutti frutti, pero a de Danny Rose saindo da súa casa baixo a chuvia, cruzando entre os coches, correndo pola beirarrúa mentres parecen soar con acordeón ecos de Torna a Surriento para ir buscar a Tina Vitale que acaba de abandoar a festa dos artistas representados por ese manager de pouca monta é das que fican para sempre na memoria. Convido a botarlle unha ollada de novo a este director, que, para ser repetitivo, para facer sempre a mesma película, adoita construir unhas cantas obras mestras mentres tanto.

1 commento:

xos ha detto...

Cando ao final de Broadway Danny Rose o personaxe de Allen, nesa reunión cos seus artistas, abre a porta a Tina Vitale, para min é unha das mellores esceas do cineasta. É unha imaxe, a da sorpresa na súa faciana, o sentimento de derrota que amosa a escea, tanto nel como na muller, de tremenda expresividade. Ademáis, a propia festa de perdedores que son os artistas a quen representa, é un preludio magnífico a esa visita inesperada