Soul a mazo. Pero tamén música disco e rapeados incipientes. A historia da música negra dos anos 60 e 70, en pequenas racións. O director da excelente Deuses e monstros cos inesquecibles Ian Mckellen e Brendan Fraser, Bill Condon, realiza unha versión dun musical de Broadway a maior gloria da memoria de James Brown e Diana Ross (como se fora unha profecía, as liortas familiares sobre o cadáver de Jimmy Thunder Early/sucedáneo de Brown tamén aparecen na película). Os números están, como en toda grande película musical americana, cheos de talento: cuns músicos a pleno rendimento e cunhas voces e unha posta en escea engaiolante. Para quen rexeite o musical americano recoméndolle elixir outra sala: para os que nacimos con estas imaxes nos ollos, a película é unha delicia. Xa coñeciamos a voz de Beyoncé (e sospeitabamos a súa escasa preponderancia na pantalla), pero ignorabamos todo sobre Jennifer Hudson, ao parecer vencedora da versión americana de Operación Triunfo, American Idol, e agora candidata aos oscars como actriz de reparto. A canción súa And I'm telling you I'm not going invade toda a sala.
Eddie Murphy está moi ben, pero esaxerada a súa mención para os oscar: quizáis unha chamada de atención sobre ese fenómeno, mal aconsellado, para que tente facer drama. Estou seguro que o bordaría.
Jamie Foxx, que é un actor de primeira, está frouxiño e Danny Glover anda demasiado sobrio para o seu habitual histrionismo.
O que salienta, coma sempre, é o ritmo pautado das imaxes, unha producción que permite pasar unhas dúas horas (que poderían ser un cento) coa sensación de que esta música que nace do blues e do jazz e camiña por fitos esplendorosos como o r & b, o soul, a disco, o rap, é a música dos nosos tempos.
ADDENDA, 29 de xaneiro. Quedo impresionado coas posibilidades de Google: agora resulta que ofrece unha entrada na que poden consultarse as críticas recibidas por unha película.
1 commento:
Observo o seu interese pola música e o cine, eu ando tras de películas que traten directamente ou indirectamente da ruta66. Agradezolle calquera información
jimy de Rairo
Posta un commento