Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 dicembre 2007

DÍAS DE INOCENTES


Sigo desde lonxe as liortas preaprobación do PXOM vigués.

1. O PSOE que non quería ver o PXOM nin pintado de verde, agora preséntase como firme defensor. O PXOM, segundo o alcalde, está mellorado por incrementar un 40% para vivenda pública, aspecto que os anteriores concelleiros non manexaban siquera porque estaban decididos por unha redacción completamente nova do plano de Porro, co que estaban sustancialmente en contra. Ou sexa, un cambio radical fácilmente explicable porque Caballero non ten entre as súas virtudes políticas a consecuencia.

2. O PP que exaltaba o PXOM do ano pasado agora anuncia o voto en contra. Alega inseguridade xurídica, aínda que admite, coa finalidade de negar a reforma do PSOE, que o plano é igual ao anterior, que os cambios son mínimos. Acusan ao bipartito da Xunta de impedir a aprobación do plano presentado antes das eleccións municipais por razóns políticas, xa que o presentado na actualidade apenas muda o esencial do anterior. Pero ao tempo cre que o cambiado crea dificultades insalvables de orde xurídica. Ou sexa, un galimatías fácilmente explicable porque hai que saír na foto como sexa.

3. O BNG impulsou a primeira redacción con Castrillo de alcalde, apoiou a segunda redacción con Porro de alcaldesa e volve apoiar a terceira redacción con Caballero de alcalde. Unha coherencia completa, se non fora porque durante este tempo veñen decindo que cada nova redacción é diferente.

4. O Faro de Vigo é tan coherente (ou máis) có BNG: todos os planos son bós, excelentes, os mellores, consideración baseada na premisa de Plinio sobre os libros que afirma que todo PXOM por moi malo que sexa sempre ten algo bó. Nesa concepción busca debaixo das pedras esa idea de que a sociedade civil (como se os demáis foran militares) apoia maioritaria (cando non masivamente) o novo PXOM. E un día si e outro tamén lembra aos seus lectores que o PXOM vai vento en popa por moito desalmado que ande tocando o nariz.

5. La voz de Galicia algo mudou, desde a súa posición próxima ao PSOE anterior á actual máis proclive aos novos cambios. Sempre, por suposto, co engrandecemento das oposicións ao PXOM, entrevistas aos detractores incluidas. En contra, pero tampouco tanto que poda quedar fóra do reparto. Desapareceron da publicación as infografías sobre a altura dos edificios. Cuestión, por certo, totalmente esquecida en todo este proceso de outono. Ninguén explica se van continuar eses planos. No pene drive ese debe estar todo, pero a mín non me chega.

6. As asociacións veciñais mudaron tan radicalmente, tendo en conta o escaso cambio que elas mesmas admiten no PXOM, que van ter difícil durante o resto do ano convencer aos seus asociados da bondade da súa posición. De ser aliados fidelísimos da anterior alcaldesa (con mobilizacións non moi numerosas pero ben representativas do poder dalgunhas asociacións contrarias) pasaron a hostís opositores do plano. As razóns, dúas: por inseguridade xurídica (cuestión que aprenderon no último ano de boca doutros) e porque tantos cartos a vivendas sociais parece que desbarata as perspectivas de negocio de pequenos terratenentes que xa vían erectos os edificios nas súas fincas co correspondiente lucro lucrante. E non o digo eu, que foron eles o que razoaron tal oposición.

7. Os promotores, antes a favor, pero moi a favor, e agora en contra, pero moi en contra. O PXOM do ano pasado era a panacea para todos os males urbanísticos da cidade e agora resulta un inferno, unha ruina. Ao tempo, como o PP, falan de escasas novidades: de feito, insisten en que se quitan ese 40% o plano é o mesmo. Por tan pouco, tanto?

En fin, que, con tantas mudanzas, o habitante de Vigo está confuso (e dividido) sobre a posición dos seus representantes e, sobre todo, sobre o alcance definitivo do plano. Ese grao de confusión, esa intencionada falta de transparencia e de claridade expositiva, leva a unha calella sen saída, a calella á que o propio alcalde levou a toda a corporación co obxectivo de que antes de que remate o ano, un sábado pola mañán, o concello non teña outro remedio que dar para adiante un plano que poucos coñecen na súa dimensión definitiva. Non é este xeito de ordenar unha cidade.


Mentres esto sucede, o presidente da Xunta desaparece dunha votación para non votar o que o seu propio partido defendía. Hai que buscar nos anais de moitos parlamentos, de hoxe e de sempre, para atopar cousa tan extraordinaria, insólita e inaceptable.


A Cuiña, sic transit gloria mundi.
Fotografía: Parma, 2005. IPP

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Sr. Arume. Vou asistir nestes días a un acto social no Club de Tenis de Ponferrada. Poderíame adiantar qué clase de "fauna" se move por aí?

Anonimo ha detto...

Hai moito tempo que non vou por Ponferrada. Abandonei todo contacto social con aquelas xentes: algún amigo dos meus pais e pouco máis. O club de tenis era a creme de la creme da Ponferrada de clase alta dos meus tempos. Non sei agora, pero imaxino que seguirá mantendo o status do número un dos clubes da cidade. Eu nunca entrei alí e iso que deixaban a piscina e as canchas de tenis para disfrute dos non socios. Non lle podo dicir máis. En todo caso, dealle recordos ao monte Pajariel que vela as súas instalacións e á estación de tren que está alí perto.

Anonimo ha detto...

Gostáronme as instalaciós do Club de Tenis, amigo Arume. Moito menos decadentes do que adoitan a ser ese tipo de clubs. Por certo, invitáronme a cear nun Restaurante Chamado "Caramelo", a carón dunha cooperativa de Viños. Estupenda, estupenda cociña. E un viño tinto chamado "cepas viejas", boísimo. A zona próxima ó castelo está moi remodelada. Non parece a Ponferrada de fai anos.
Toda a comarca recibíu saúdos psicolóxicos da súa parte.

Por certo, entre os comensáis, estaba un pintor que tén xa feito un retrato De Freixanes que lle pedíu o escritor. Díxome: teño que velo pra decirllo. (Se anda por aquí, vai o recado). I está rematando outro similar de Alfredo Conde. E de moitos pintores.