Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 dicembre 2007

UNIVERSIADA 2007

Fun hoxe á presentación dun libro. A presentación foi o de menos, aínda que foi breve e, nos tempos que corren, é de agradecer. Familiar, máis ben. Foi nesa nave nodriza da Universidade, coñecida por Edificio Miralles. Antes fomos tomar un café naquelas covachas, chamadas centro comercial, de cemento acementado. Corría unha friaxe por todos os locais que aínda permanecen abertos ou que aínda non pecharon ben corrosiva. Ninguén parecía desprenderse dos seus abrigos, agás as camareiras que, tocadas cun gorrito papanoeleiro, ían en camisetas de mangas curtas. O inhóspito do lugar, pouco iluminado (non me estraña que poñan pubs en troques de bares ou cafeterías e que o teatro serva para ensaio de grupos afeitos á escuridade dos antros de perdición onde a música pode cortarse), invitaba a liscar dalí o máis axiña posible.

Cruzamos a grande praza, noutrora sede de macrobotellóns, días eufóricos de santeleco, agora aínda sen limpar de todo, con anacos estrados de vasos de plástico por entre as fendas do chan, rabiosamente modernizado por variedades impertinentes de granito. Como eu son forofo da modernidade, quixen atender ás novidades: non hai baixantes, o material gris que contornea o edificio está xa indeleblemente marcado polas pegadas da choiva (aceda?), as escaleiras de cemento mal armado están quebradas, e cada chanzo, de distinto tamaño e material, impide levar (para qué?, preguntaranse) un ritmo de subida.

Xa dentro, a cousa cambia (non sei se para peor): fai calor e a vista desde dentro e, a través duns paus de madeira cruzados que someten a paisaxe a unha visión cuadriculada, é fotográfica. As cadeiras, feitas cun respaldo que concorda coa sinuosidade dos planos do edificio, están soltas, pero vense perfectamente os furados onde algunha vez, por carpinteiros inexpertos en modernidades, ancoraron as fermosas pezas únicas. Todo semellaba tranquilo, pero as ganas de mexar abriron en mín un mundo de posibilidades. Busquei os aseos (agora así chamados). A modernidade desapareceu de súpeto. Ou non, segundo se mire. Os carteis de homes/mulleres estaban feitos en times new roman, tamaño catorce, maiúsculas, plastificados e pegados con celo no limiar das portas. As luces por riba dos lavabos non melloraban as das gasolineiras, cos cables á vista nun zigzag ao meu ver arbitrario; igual non e era premeditado desde o taller de arquitectura no Dorsoduro de Venezia. O sistema de mexadeiros xa no interior do aseo (dame vergonza escribilo) fomentaba a intimidade: esa cousa comunitaria de aliviarse cara unha parede debe parecer estravagancia nos modernos edificios. Pero o sistema de peche metía medo. Eu deixei a porta aberta porque aquelo semellaba ferrollo de fechar castelos ou mazmorras para sempre. Cunha perna retraida, fixen o que puiden. Para rematar faltoulle o detalle crucial da corda pendurada da cisterna (máis suxa por abaixo que por arriba), pero o de meter o dedo con forza no chumufluio chegou. Cando saía, mirei ben por se entrara noutra dimensión do tempo, nunha cápsula feita ad hoc pola intelixencia do arquitecto, pero decateime de que non: os garabatos na parede sen a última man de pintura daban mostras de verosimilitude demasiado contemporánea. A excesiva arquitectura nega espacio e comodidade para as necesidades máis íntimas.

E logo queren facer a Universiada. A mín non me collen nesas. Só pido (e por pedir que non quede) que dentro de catro anos non teñamos que constituir unha comisión de control para coñecer onde foron parar os cartos empregados en organizar semellante simulacro descafeinado e disminuido de xogos olímpicos.

3 commenti:

Xaime ha detto...

Relata vostede minuciosamente un lugar afortunadamente perdido para a modernidade.

Anonimo ha detto...

É tal como o conta ou quizais aínda peor. Un disparate de lugar, un desastre, unha cgda de construción. E aínda presumen -ou presumían- de semellante enxendro!

Anonimo ha detto...

Noraboa, aínda que non o mencione, polo libro, sabia que xa llo recomendei como lectura a algún coñecido en común para que se dé un paseo polos versos dun autor que paga a pena coñecer, aínda que por modernidade e alento se prefiran outros: Eliot, Pessoa Pound, Rilke, Auden, Valery...