Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 dicembre 2007

UNHA VOLTA POR SANTIAGO


Había case medio ano que non ía por Santiago. Cheguei ben cedo e rematei axiña o traballo. Como tiña toda a mañán por diante, decidín aproveitala cun paseo lento e demorado polas rúas da memoria aínda encesa dos anos de estudante. Case sen folgos, despois de subir a Costa vella, e xa en Loureiros, comecei a miña ruta. Baixei pola rúa da Porta da Pena, coma sempre case baleira, case en silencio, ata chegar a san Martín Pinario. As elipses e os triángulos da portada invitáronme a entrar, pero descubrín que xa non había culto, que era museu polo que había que pagar. Declinei a oferta e voltei sobre os pasos que levaba. O bar Los sobrinos del padre e o bar Atlántico franqueaban a rúa de Troia e as ruelas da Moeda Vella ou das campás de san Xoan. Xirei á dereita ao chegar a Acibechería e despois á dereita cara a vía Sacra, cun resorte automático, ata me ver entrar por san Paio de antealtares e contemplar aquela arquitectura prodixiosa, elevada cara ao ceo cunha cúpula imitadora de san Pedro desde un curruncho mínimo, nun extremo agochado da rúa estreita que da á Quintana.

Saín cara ao espazo aberto. Ondeaban (e entorpecían) as bandeiras na casa da Parra. Mirei para abaixo. Ninguén pasaba. Escoitábase a Galicia de Maeloc, a banda sonora de Compostela que desde hai máis de vintecinco anos Milladoiro compuxo sen sabelo. Virei pola Conga e despois pola rúa Nova. Entrei nos soportais de Sargadelos e collín, uns metros máis adiante, a rúa por detrás de Salomé. Sen pensalo. Toquei Calderería por un momento e fun atraido cara Historia, Mazarelos para voltar de novo como un autómata a Calderería.

Alí vin Santiago, a xente de Santiago. Andivera por territorio de turistas, polo parque temático que os santiagueses evitan, mesmo en inverno cando as atraccións están baleiras e convidan ao tránsito. Os santiagueses recorren Algalias, Casas Reais, cruzan Cervantes, baixan Preguntoiro, Calderería, Orfas. Eluden as rúas de recordos, de restaurantes, de postais. Prefiren as mercerías e as papelerías antigas. E as panaderías cheas de empanadas e cruces de Sant Iago.

Comprei, por nostalxia, o xornal no kiosko da rúa Nova e fun tomar o café ao Azul. Lin no Correo un artigo demasiado familiar de Manolo Fraga, coñecido de lonxe nas aulas de Mazarelos. E cando marchaba, saudei ao vedraño camareiro que servía detrás da barra. Contoume que Moncho xubilárase e entregara a propiedade do bar a unha franquicia (ou algo así) que tiña outros locais en Compostela (a Alameda e o Yunque, entre outros sete). Confesoume que levaba traballando alí desde o ano 1969, desde os dezaséis anos, e que lle faltaba pouco para aínda prexubilarse (55 anos). O Azul leva aberto desde o 1941 e, coa súa fasquía actual, desde o ano 1962, con moi ocasionais retoques. Relatoume todo isto porque o Azul vai facer serias reformas. Ha cambiar mobiliario, servicios, paredes e chan. Xa cambiaron as tazas e o propio café, aínda que sen perder moito o nivel coñecido: agora ademáis engaden corno de cruasán e churro algo duro e frío. Non poderán mudar o lugar da barra por non sei que escrúpulos históricos. Se cambiar o Azul, o Concello de Santiago terá que facer placa en honor ás miles de xeracións que queceron as súas almas e os seus corazóns con aquel café adubado con fórmula incógnita de chiculate de estraperlo. Eu dinlle a man ao camareiro e el colleuna coas dúas súas con agarimo afectuoso, como quen despide non só a un amigo de anos, senón a un recordo ligado a ese bar que axiña quedará só na memoria.

Marchei do bar e enfiei, case noqueado, Toural, Praza de Galicia e Hórreo abaixo cara ao tren. Sentei ao lado da xanela e, mentres vía pasar os prados por onde Santiago foi medrando nos últimos anos, ía facendo memoria de todo o paseo. E dixen: teño que voltar máis a miudo para que non me coma a nostalxia, para ter outro Santiago no recordo.
Fotografía: esa fiestra verde aberta e o balcón que dá a rúa pertencían ao cuarto onde eu vivín en Santiago durante cinco anos.

11 commenti:

peke ha detto...

Ai, Arumes, se eu lle contara... Compostelá de toda a vida cada vez que vou por alí atopo cambios insospeitados. Pouco queda do Santiago da miña nenez (a zona vella, claro, a pesar de que cambiou tamén). Irei este Nadal e constatarei, unha vez máis, que nada permanece.
Feliz 2008.

XDC ha detto...

Pero qué rúa é esa???

arume dos piñeiros ha detto...

Loureiros (mentres eu estudiaba, Laureles), esquina coa que ven da Praza da Pena.

Xaime ha detto...

Sr. Da Coba: Na súa ansia por ter tempo para todo últimamente esta só poñendo as iniciais, que me son coñecidas.
Son coas que firmo no Xulgado

Xaime ha detto...

Eu no primeiro trimestre do ano 1.975 vivin moi pertiño dalí, na Rúa Arzúa nun piso novo dunha casa recén feita, con tres compañeiros de Lugo.
Sempre que pasamos por diante da casa os meus fillos sempre dín: " A ver papi, larga eso de que en este casa te vino a detener la policia mientras estabas durmiendo".
Se queren lles digo onde pasei o dous trimestres restantes

bouzafria ha detto...

Cuarto que agora é parte dun hoteliño con moi boa pinta, irmán doutro que está case enfronte, cun precioso xardín.
Eu tamén vivín en Loureiros, barrio estupendo, pertiño do Atlántico, onde eu ía case tódolos días do ano.
O edificio onde vostede morou foi rehabilitado non ha moito tempo... non sei que tal estaría daquela.

r.r. ha detto...

Outro máis que viviu en Loureiros, no número 7 se mal non recordo, fronte a esa esquina...

Fermosa crónica dunha fermosa camiñada.

arume dos piñeiros ha detto...

Eu vivín un ano, antes de ir para esa esquina, na casa de enfrente. O barrio, en efecto, era marabilloso: non é porque eu vivira alí, pero era fantástico. E sígueo sendo.
O Atlántico era sede brisqueira e tuteira, pero eu non frecuentaba ese lugar.
O hoteliño, Altair, pertence agora ao fillo do anteriores donos, don Pepe e señora Preciosa, do Hostal Moure, pensión onde eu pasei toda a carreira, con libertade plena e con compaña interesante e inesquecible. Tamén ten Jose, que así se chama por non perder o costume, en efecto, a casa da Costa Vella, con xardín. Foi dos poucos que souberon mellorar a hostelería santiaguesa e a estirpe de traballadores de 24 horas os 365días do ano dos seus pais, emigrantes retornados. Alégrome por eles. E moito. Non todos, por fortuna, en Santiago eran abusadores de estudantes.

apicultor ha detto...

Chega o Nadal e, coma un ladrón furtivo, cóase pola fiestra o que foi e que xa non é. Mellor? Peor? Quen sabe!

Boas festas e que cante en afinado dúo co Busta cancións de San Remo.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

E no meu caso, que son un ventanal completamente aberto, pois xa me dirá. E todo o ano.

O Busta estivo por aquí o outro día e non fun velo. Estoulle jodido, pero vostede ben sabe que é a súa belísima muller (a xenética, xa sabe), Paula, a familiar miña. E saiba ademáis que foi na miña voz onde ela descubriu que a música lle gustaba. Que lle gustaban tamén os músicos descubriuno máis tarde.

apicultor ha detto...

Non sei se me entendeu mal, pero o meu era unha felicitación de nadal sen segundas intencións.

Boas festas!