Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 gennaio 2007

POLO LAICISMO RADICAL

Curiosa coincidencia nas portadas dos xornais:
LA RAZÓN: Foto sensacional dun home bañado en sangue que celebra a Ashura.
LA VOZ DE GALICIA: Un párroco denuncia botellón perto dunha capela de Candeán.
ABC: Rouco apela á Constitución contra o laicismo radical.
ATLÁNTICO DIARIO: Foto dunha parella ao lado dun icono: son os responsables da Igrexa Ortodoxa de Teis. Sic: Teis, dependente do Patriarca de Polonia.
Viva o Laicismo Radical.
E menos mal que nas nosas televisións non atopamos coma na RAI en horario de máxima audiencia debates con cardenais oportunamente habillés par Christian Lacroix.

XUAN BELLO: O MOMENTO REQUEXU

Leo de vez en cando un semanario en asturianu: Les noticies. Nel escribe con paixón Xuan Bello, un dos escritores máis interesantes e, sen dúbida, o mellor escritor en lingua asturiana, artigos fermosísimos, en forma de evocacións ou de retratos. Os seus libros Los cuarteles de la memoria ou Historia universal de Paniceiros son extraordinarios. Aínda que podería pasar á miña memoria persoal por afirmar que Requexu en Mieres é a mellor praza do mundo, Xuan posúe unha sensibilidade poética e literaria fóra do común. Tiven a sorte de coñecelo durantes eses días grises de finais do verán, con sidra en merenderu, e ten unha conversa amable e combativa. Hoxe lin unha lembranza súa do Campu san Franciscu en Uviéu: qué ben escribe o tipo!

Nota: traduciu, se non me trabuco, Coses de Castelao e algo de Cunqueiro, a ese idioma que escoitei sempre de pequeno.

30 gennaio 2007

FEBBRAIO

Chega o entroido: é boa data para evitar os disfraces. Vestirse coma sempre, eludir ese cocido convencional que as cafeterías perpetran, tomar uns ravioli con ise Barolo que Mariella está disposta a darnos. Fuxir a Italia. Non lonxe de Venezia.

29 gennaio 2007

CLAUDIO GUILLÉN

Estiven unha vez con el: veu a Vigo a falarmos hai tempo. Lembro o seu porte de galán, elegante nos seus acenos. Viña vestido con esa compostura de profesor americano britanizado e miraba as mulleres que se acercaban a saudalo cunha mixtura de melancolía e pose seductora. Eu pensaba mentres o escoitaba falar de Petrarca (sen atender case o que dicía) no que el representaba: non só a tradición republicana que transmitían os seus ollos guillén, senón o modelo fundamental desa disciplina que poucos sabios poden cultivar sen risco de pedantería infecciosa: a literatura comparada. Ese legado segue máis que vixente e hoxe non se pode estudar literatura sen antes botarlle unha profunda ollada a un dos seus libros capitais, Entre lo uno y lo diverso. STTL, don Claudio.

28 gennaio 2007

JIMMY GETS SOUL

Soul a mazo. Pero tamén música disco e rapeados incipientes. A historia da música negra dos anos 60 e 70, en pequenas racións. O director da excelente Deuses e monstros cos inesquecibles Ian Mckellen e Brendan Fraser, Bill Condon, realiza unha versión dun musical de Broadway a maior gloria da memoria de James Brown e Diana Ross (como se fora unha profecía, as liortas familiares sobre o cadáver de Jimmy Thunder Early/sucedáneo de Brown tamén aparecen na película). Os números están, como en toda grande película musical americana, cheos de talento: cuns músicos a pleno rendimento e cunhas voces e unha posta en escea engaiolante. Para quen rexeite o musical americano recoméndolle elixir outra sala: para os que nacimos con estas imaxes nos ollos, a película é unha delicia. Xa coñeciamos a voz de Beyoncé (e sospeitabamos a súa escasa preponderancia na pantalla), pero ignorabamos todo sobre Jennifer Hudson, ao parecer vencedora da versión americana de Operación Triunfo, American Idol, e agora candidata aos oscars como actriz de reparto. A canción súa And I'm telling you I'm not going invade toda a sala.
Eddie Murphy está moi ben, pero esaxerada a súa mención para os oscar: quizáis unha chamada de atención sobre ese fenómeno, mal aconsellado, para que tente facer drama. Estou seguro que o bordaría.
Jamie Foxx, que é un actor de primeira, está frouxiño e Danny Glover anda demasiado sobrio para o seu habitual histrionismo.
O que salienta, coma sempre, é o ritmo pautado das imaxes, unha producción que permite pasar unhas dúas horas (que poderían ser un cento) coa sensación de que esta música que nace do blues e do jazz e camiña por fitos esplendorosos como o r & b, o soul, a disco, o rap, é a música dos nosos tempos.
ADDENDA, 29 de xaneiro. Quedo impresionado coas posibilidades de Google: agora resulta que ofrece unha entrada na que poden consultarse as críticas recibidas por unha película.

AS BAGOAS DE SHARON STONE

Fun onte ao cinema a ver Bobby, unha película de Emilio Estévez, ese medio paisano (fillo de fillos) de O Porriño que anda polo jolibú. O film trata de contar as horas dun grupo numeroso de persoas que durmen ou traballan no Hotel Ambassador de Los Angeles xusto antes do asasinato de Robert F. Kennedy a máns de Sirhan-Sirhan. A película, como parece habitual nestes últimos anos, preséntase de xeito fragmentario e colectivo. As persoaxes recorren un significativo modelo da sociedade americana nos anos xustos de Vietnam, loitas contra a segregación racial, as mortes de JFK e Martin Luther King. Un rapaces novos que casan por librar de ir á guerra, unha artista alcoholizada que sobrevive ás xiras, unha peluquera do hotel, casada co director, un antigo empregado que gasta as súas horas lembrando tempos de esplendor xunto a un do hotel, un chicano (latino), espalda mollada, que gusta do beisbol e tenta permanecer nos EE.UU., un cociñeiro negro... En fin, un grupo de persoas en torno ao cuartel xeral dos demócratas en California, no mesmo día das eleccións. O filme atopa espazo para incluir imaxes documentais de Kennedy recorrendo o estado para conseguir o posto para o Senado. Estévez, que cuida unha banda sonora que sorprende cun Black is black difícilmente audible, conta cun tono ás veces haxiográfico e sempre melancólico a crónica dunha oportunidade perdida, aínda que as imaxes do seu país soan a fracaso, a derrota. Pode verse como unha película un tanto laudatoria, pero agocha un amargo retrato dunha sociedade vencida. As bágoas das persoaxes pola perda de algo asumen, ao cabo, o protagonismo da historia.
1. Nota curiosa: quen pode crer que William H. Macy estea casado con Sharon Stone e que, por riba, estea liado con Heather Graham? Un problema de casting indudable.
2. Son un sentimental porque cando soa The sounds of Silence (non esquezamos que O graduado era desa época) coas imaxes documentais, as bágoas asoman.

27 gennaio 2007

MODERNIZACIÓN E DEPURACIÓN NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO


Seica non hai xa exemplares desta obra. Haberá que facer un novo esforzo e falarmos cos Fragmentos da Galaxia para que teñan a ben reeditar este libro.
Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)
Ricardo Gurriarán
Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC
Santiago de Compostela 2006

LUCES E SOMBRAS DO BIPARTITO

Tras un prudente periodo de adaptación ao medio, chega o tempo de valorar os case dous anos do bipartito. Abro unha reflexión, que tenta dar resposta a:
1. Mudou en algo a política galega neste tempo?
2. Está ben artellada a acción política con dúas forzas no goberno?
3. Cales son as principais aportacións da nova Xunta de Galicia?
4. Cal é o(s) punto(s) feble(s) do goberno de PSOE e BNG?
5. Que podemos facer nós por este país?
Desde aquí, animo as vosas consideracións, como complemento ao debate que Marcos Valcárcel acaba de abrir no seu extraordinario blog sobre o papel do intelectual en Galicia.
NOTA: O Jano bifronte que ilustra o post non constitúe ningunha clase de comentario.

25 gennaio 2007

XEOGRAFÍA POLITICA DE ESPAÑA

A xeografía política española está contida nun espacio reducidísimo. Agás o Parlamento e o Senado, que constitúen o taboado das representacións máis solemnes e polo tanto menos sustanciais, a vida política transcurre en contadísimos lugares de Madrid, escasamente distanciados. As salas de prensa das sedes dos partidos maioritarios (Ferraz, Xénova), coas cafeterías e bares circundantes, a Audiencia Nacional (e os bares circundantes, coincidentes cos de Xénova), un par de pubs onde liban whiskey os xornalistas pagados (de sí mesmos), os pequenos almorzos no Ritz ou no Palace cun feixe de empresarios (sempre os mesmos con distintos colares). Se trazamos unhas liñas entre todos estes lugares e sumamos as persoas que participan nestes encontros, teríamos unha vila do tamaño das Somozas ou de Vilasobroso.
En que mans estamos?

[Mapa de Madrid, 1656, do portugués Pedro Teixeira]

A SALUDABLE REPÚBLICA DAS LETRAS

Estou lendo este libro de Joaquín Álvarez Barrientos, co título de Los hombres de letras en la España del siglo XVIII. Apóstoles e arribistas, publicado o ano pasado en Castalia. Nun capítulo interesantísimo aborda o tema da representación do escritor e recurre ao noso imprescindible Feijoo. Transcribo un párrafo que me parece especialmente significativo: "Respecto de las enfermedades de que se suelen quejar los literatos, [Feijoo] insiste en que, a menudo, son trastornos comunes al género humano: reumas, jaquecas, vahídos que puede padecer cualquiera, de manera que estas enfermedades, explica, no son específicas del hombre de letras y pueden evitarse si se trabaja con sentido, sin excederse en las horas de estudio y en un ambiente adecuado. Al mismo tiempo, continúa, entre los escritores es frecuente que aquellos que tienen mala salud o son enfermizos alcancen muchos años de vida [...] por lo cual no deberían preocuparse demasiado de sufrir ciertos padecimientos: las letras, antes que acortar la vida, la alargan.

24 gennaio 2007

CARTOGRAFÍA DE LONDRES

Na páxina web da British Library hai unha extraordinaria exposición sobre a vida de Londres en mapas. Para saciar dous apetitos: a londonfilia e a cartografía.
[William Smith, Panorama of London, 1588]

PROFESORES IMPLÍCITOS (REEDICIÓN DUN RELATO DE FERRÍN)

“Agora xa sei por que acendo o puro, por que non deixo de fumar puros dende hai trinta e cinco anos”. Deste xeito comezou Xosé Luis Méndez Ferrín o seu acto de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, o 19 de maio de 1999. Oito anos despois, o Servizo de Publicacións rememora aquela multitudinaria homenaxe coa edición de 1.500 novos exemplares da súa intervención. A masiva asistencia ao acto provocou que se esgotaran as copias editadas para a ocasión. [DUVI, 24 de xaneiro de 2007]

23 gennaio 2007

NOSTALXIA DA NEVE

Caeu a neve en Galicia. A Vigo chegou un ceo de azul grisalla, coma nesta Patinaxe polo Entroido de Denis van Alsloot [1620, Museu do Prado, Madrid]. Os choqueiros semellan chamar á porta.

22 gennaio 2007



O New York Times comenta que os últimos premios da Sociedade Nacional de Críticos de Cinema para as mellores películas do ano 2006 foron para filmes en linguas distintas do inglés. O terceiro lugar foi para Clint Eastwood coa súa “Letters From Iwo Jima,” que está en xaponés; a segunda para unha película rumana, da que non teño información, titulada “The Death of Mr. Lazarescu”, dirixida por Cristi Puiu; e o gañador, por un estreito marxe, como di o xornal, foi o Laberinto do Fauno de Guillermo del Toro. Falan de cosmopolitismo, de globalización, pero parecen preocupados. E nós queixándonos do contrario. Esto non hai quen o entenda.

GALERÍA E OBRADOIRO



Cando visito algún museo, recordo as primeiras paredes ateigadas de lenzos [David Teniers] ou os cadros dispostos no obradoiro á espera dun livingroom chipén. Nesa orde, a natureza dos cadros sempre vence ao artificio de colocalos á moda do curator (que triste destino ter este nome!).
[A colección de arte do archiduque Leopoldo Guillermo en Bruxelas. 1651. Oleo sobre lenzo. 127 x 162.5 cm. Petworth House, The National Trust, Sussex, UK.]

19 gennaio 2007

MENAGE À TROIS À LA TABLE

A foto de tres persoas ó redor dunha mesa perségueme estes días. Lembrei este cadro de Otto Dix, titulado algo así como Eivados da guerra xogando á baralla (1920). Non dou comprendida a relación.

18 gennaio 2007

O ESTATUTO AVANZA

Os representantes dos tres partidos posan durante un pequeno receso da reunión que está a discutir sobre o limiar do proemio do introito do preámbulo do que en tempos daba en chamarse Estatuto.

17 gennaio 2007

CHINA OCULTA






Para os que coma mín China fica demasiado lonxe. O corresponsal do diario italiano La Repubblica, Federico Rampini actualiza un blog con informacións moi interesantes (e moi descoñecidas por outra parte) de China. A fráxil libertade de expresión, a falta de garantías xudiciais parecen moeda común naquela potencia mundial.


VETUSTA FUNKY


Mentres paso no dvd esta versión de "La Regenta" de Gonzalo Suárez, contemplo atónito a imaxe seguinte. En plena escea costumbrista aparece este home por entre os extras como sacado dunha película blackxplotation. O curioso é que mentres vai baixando apenas atopa estrano o rebumbio decimonónico: só de esguello mira para a esquerda pero sigue baixando como se nada.

VERBIGRACIA DA ESTULTICIA



Durante estas vacacións nadalescas puiden ver o film "Unha verdade inconvinte- An Inconvenient Truth". A modo de documental, segue a Al Gore no seu recorrido por todo o mundo explicando os perigos do quencemento global da terra. Nese seguemento podemos ver íntegra a súa exposición, preparada cun Powerpoint de luxo, e comprobar de forma dramática as barbaridades que cometemos (uns máis ca outros; todo hai que decilo) ao medio ambiente. Interesantísima película que amosa ao exvicepresidente e derrotado candidato demócrata cun aceno cordial e comunicativo. En todo caso, son incapaz de afirmar se todo o que alí aparece está suxeito á comprobación científica, pero desde logo resulta convincente e verosímil. Moi recomendable e de pase obrigatorio nos Institutos e demáis centros educativos como a nosa propia casa. Podedes atopar un trailer en, cómo no, you tube:


16 gennaio 2007

ENCOMIO DA ESTULTICIA




No catálogo virtual da Exposición Erasmo en España nas extraordinarias páxinas da Sociedade Estatal para la Acción Cultural Exterior atópase esta imaxe: o mundo baixo a caperuza dun tolo. Ilustrou o século XVI: agora ilustra tamén o noso.


[Anónimo alemán del siglo XVII
Ha. 1600. Buril coloreado a mano, 357 x 481 mm Nüremberg. Germanisches National Museum, n.º inv. La 213, Kapsel 1186. Bibliografía: Harms, 1983, n.º 135.]

NOCTURNO DO BROOKLYN BRIDGE


A los que guardan todavía huellas de zarpa y aguacero,
a aquel muchacho que llora porque no sabe la invención del puente
o a aquel muerto que ya no tiene más que la cabeza y un zapato,
hay que llevarlos al muro donde iguanas y sierpes esperan,
donde espera la dentadura del oso,
donde espera la mano momificada del niño
y la piel del camello se eriza con un violento escalofrío azul.

15 gennaio 2007

O CALEXÓN DO GATO

Por aí deben de andar hoxe tralo debate os nosos parlamentarios. Algún creo que nin siquera poderá deformarse.
"Si Valle-Inclán viviera/ yo sería su escudero/ que buen caballero era".

14 gennaio 2007

OS NOSOS FORÁNEOS


Veño de comer da pizzería La Lanterna, a mellor sen dúbida de Vigo. O seu dono, Diego, de Imperia, perto de Xénova, é un experto pizzaiolo, pero transmite a súa sabiduría a un feixe de rapaces brasileiros que dominan a pizza coma ninguén. Pasa o mesmo co restaurante Casa Vella, en pleno corazón do Mercado da Pedra: o seu cociñeiro fai unha das máis sabrosas empanadas de vieiras de toda a bisbarra. Non recordo o seu nome, pero ven de Dakar a asegurar e mellorar antergas tradicións. Vai ser que imos aprendendo dos de fóra que xa son de aquí de toda a vida.

ESTRELLA MORENTE


Pásame Falú, un mozo do Senegal que apenas sabe cantos anos ven tendo, un disco de Estrella Morente. Escoito "Ay Maricruz", un par de soleás, o tango "Volver" e "Ne me quitte pas". A versión da canción de Jacques Brel, cun francés semellante ó inglés do Príncipe Gitano en In the ghetto, pon os pelos de punta. Dakar, Granada, París, Vigo. Babel.

13 gennaio 2007

PARADISO

Cortona, no medio da Val di Chiana, aparece de súpeto na miña memoria. Estou perdido.

12 gennaio 2007

PAN ARTESANO



O artigo de Antón Baamonde en EL PAÍS explica con claridade extraordinaria un fenómeno vivo na sociedade galega: o traslado da aldea ou das vilas á cidade de boa parte da poboación e, como consecuencia, a reconstrucción dun pasado entre idealizado e rexeitado que determina a vida cotián. A descripción da burguesía local (esa nova fidalguía que vive de rentas) é perfecta: nótase, sen dúbida, que Baamonde é de Vilalba, onde estes acabados fíos do antigo poder decimonónico perviven de xeito máis notorio.

Agardo que noutro artigo explique a nosa querencia polo pan de chapata/ciabatta: artesano, sí, pero italiano tamén.

BABEL: O ÚLTIMO TANGO NO ATLAS






Cando saía do cine o outro día despois de ver Babel dese xenio que responde ao nome de Iñárritu non podía quitarme da cabeza Last tango in Paris (gústame así en inglés) de Bertolucci. Cando a persoaxe que encarna Brad Pitt incorpora á súa muller (a cándida Blanchett) con fin de acomodala para orinar, aparece un dos bicos máis fermosos da historia do cinema. Mesmo erótico, tendo en conta a agonía da muller caseque morta. Ese plano próximo, que aprisiona os rostros da parella, lémbrame aquela faciana de María Schneider naquel piso valeiro de Paris en pleno éxtase amoroso con Marlon Brando. Hoxe mesmo vexo unha continuidade entre ese deserto e a metropólis: a anguria fronte á morte e a soedade melancólica. Pero cando repaso a película e miro o final (que non revelo) sinto que de novo a forza de Brando malferido, naquel balcón parisino, co chicle pegado como testemuña da súa existencia valeira (que volverá a aparecer na seguinte película de Bertolucci, despois de Novecento: A lúa) trasládase, xa en noite, ás luces incesantes da cidade de Tokyo. O italiano filmou a película dunha época a comezos dos 70; o mexicano filma o mundo agora mesmo. A condición humana, fráxil e plena de soedade.

11 gennaio 2007

QUEIMA DE LIBROS


No Don Quixote de Georg W. Pabst, Sancho/Dorville contempla o lume con esta tristura infinita, antes de abrazarse á súa nobilísima cabalgadura. Poucas queimas de libros hai mellor filmadas ca esta do escrutinio, nos anos 30, a piques xa da chegada do nazismo. E menos abrazos aínda, tan emotivos.