Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 febbraio 2008

NO COUNTRY FOR OLD MEN


"Non é un país para vellos" conta a historia da persecución dunha persecución. As leis primarias de toda narración (un encontro fortuito do que resulta imposible saír, a suxeción a un código homicida, a reflexión entre irónica e desencantada sobre a violencia humana) concurren na última película dos xeniais irmáns Coen cunha mestría que só a tradición asimilada (case interiorizada) do cine americano clásico pode permitir.

Os xéneros definidos desta arte fundamental do noso século (para mín, por riba das sete que alumearon a historia da humanidade) se alternan neste filme poderoso: o western na primeira parte, mesmo coa inclusión dunha insólita cabalgada polo deserto texano; o suspense, de corte por veces hitchcokiano cando falsean a situación para acrecentar a angustia do espectador; o thriller, de notoria plasmación gore co sangue como especial protagonista, tan habitual nas películas dos Coen; o paródico buddy movie entre un soberbio Tommy Lee Jones e o seu cretino axudante; e mesmo unha pequena dose de drama moralizador nos diálogos finais da obra ou na melancólica ollada do sheriff cara ao horizonte. Esta mistura de xéneros, tan típica tamén nos Coen (que son incapaces de evitaren de cando en vez unha nidia mirada distanciadora co humor como principal recurso), ha provocar a sensación de estarmos diante dunha película de extrana resolución. Non vou estragar o final do filme, pero o desenrolo fascinante da acción, cunha dirección, un ritmo, unha fotografía e uns encadramentos da paisaxe dun claro clasicismo durante a maior parte do filme, interrúmpese case ao final cunha volta interpretativa de corte moral (tamén moi do gusto dos Coen), tinguida de pequenas preocupacións teolóxicas sobre a culpa, a fortuna ou reflexións profundas sobre a presencia do mundo pasado nas accións do presente. O título da película, procedente dun verso do poema de Yeats Sailing to Byzantium, así o anuncia desde o comezo.

Os irmáns Coen ubican a obra nuns espazos case inhóspitos (desertos, caravanas, galpóns cheirentos e moteis de autoestrada: vellas iconas do mellor cine americano), nun territorio hostil e fronteirizo, coa violencia (as armas ocupan, como o sangue, un papel protagonista) como única lei. A acción desenvólvese no ano 1980, coas consecuencias da guerra de Vietnam na conciencia das persoaxes (aínda que hai un xogo curioso con este asunto, propio da alma sarcástica dos Coen): aínda que os Coen renegan de toda visión política do filme, algunhas imaxes e esceas amosan unha inmoralidade social xeralizada (vellos, novos e adolescentes, nunha gradación calculada, que por un billete de 100 ou 500 dólares aceptan axudar ao delito ou rematan por ocultar o crime. A crueldade dos principais protagonistas remata acompañada polas pequenas miserias morais de todas as persoaxes (ata a menos importante) da película.

Creo que son e fotografía van para oscar, así como o guión adaptado (novela de Cormac McCarthy), a película mesma, labor de dirección e edición (estes catro para os irmáns Coen, só comparable ao grande Orson Welles). Nin Josh Brolin (o loiro dos Goonies e fillo, polo que se ve, daquel actor mediano dos 70, James Brolin), que está extraordinario no seu papel de cowboy asediado, nin Tommy Lee Jones, avellentado pero exquisito nos seus silencios, nin Woody Harrelson, nun pequeno pero gorentoso papel, están nominados. Si está Javier Bardem, quizáis porque cunha persoaxe máis sórdida e criminal chama máis a atención. Non vou dicir que desmerece, porque Bardem é o que familiarmente chamamos un monstro da interpretación; pero se gana, terá que repartir o premio entre os do maquillaxe e, sobre todo, co perruqueiro, verdadeiro artífice do seu careto aterrador que hoxe identificamos punto por punto coa propia película.

7 commenti:

Malashicage ha detto...
Questo commento è stato eliminato da un amministratore del blog.
Tenos ha detto...
Questo commento è stato eliminato da un amministratore del blog.
ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Eliminei dous spamazos.

Xoan da Coba ha detto...

Lástima non lera este post o venres, cando saquéi do videoclube unha chea de películas (desas, sempre aplazadas) pra un fin de semana caseño. A dona vai nun congreso, e levo visto unhas sete ou oito, entre onte e hoxe, case de xeito ininterrumpido. Hasta unha que ven coa revista "tiempo":"Mediterráneo". De humor. Na version orixinal, en italiano, méxase un coa risa. A ver se podo coller esta tamén, logo.

arume dos piñeiros ha detto...

Cómico: esa palabra emocionante soou na miña cabeza coa imaxe de Fernando Fernán Gómez por riba de tantos talentos como puidemos ver sempre no esceario, no plató de televisión, nos fotogramas do cinema. Cómicos de todo o mundo, moitas gracias.

Ana Bande ha detto...

Si, si...pero ¿quen quedou ao final co dichoso maletin?

arume dos piñeiros ha detto...

Os irmáns Coen. As malas linguas din que foi para untar aos da Academia.