Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 settembre 2008

ITALIA: A PONTE INFINITA DE CALATRAVA


Unha das preguntas que estes días de regreso de Venezia resposto é a de "Que pasa coa ponte de Calatrava?" A primeira vez que ma fixeron foi despois dunha longa tertulia sobre miles de cousas, pero as seguintes foron case ao comezo da charla e, nestes casos, cun a propósito e un interese moi explícito. A verdade é que os únicos comentarios que puiden escoitar e os poucos titulares que tal cuestión merecía por aquela cidade simplesmente falaban de posibles adiamentos e de dificultades para a inauguración. Parecían máis interesantes nas portadas dos xornais locais as estafas dos conductores de vaporettos aos turistas ou o para min increíble número de afogados nas tranquilas augas do Adriático.
A ponte de Calatrava une o Piazzale Roma (lugar a onde chegan os automóviles) e a Stazione de Santa Luzia, esa mole fascista que dá a entrada por tren. É a cuarta ponte que une o Gran Canal, moi pertiña da ponte degli Scalzi. Non entendo moi ben a súa utilidade nese lugar de Venecia a menos que o tráfego (sobre todo de mercancías) entre tren e automóvil poida ser tan elevado que mereza a pena acurtar o traxecto. Vexo máis útil, por exemplo, unha ponte á altura de Ca' Foscari, pero é moi probable que o seu impacto visual sexa máis grande.
A estructura da ponte tamén deu para polémica, xa que calquera innovación arquitectónica nunha cidade xa completamente rematada violenta case todo. A propia estación de tren, o tronchetto que serve de párking ou un edificio do Campo Manin que alberga unha sucursal bancaria dos anos 60 son claros exemplos da imposibilidade manifesta de integrar arquitectura digamos moderna naquel contexto. Un caso exemplar é o Fondaco dei Turchi que foi remodelado no século XIX e, a pesar de que calquera pode pasar sen percibir os retoques, figura en todas as guías (en todas, o que tamén dá que pensar sobre o pensamento único destas publicacións) e en todas as monografías como un horrendo pastiche. Creo que o único lugar que admite innovación se atopa nunha dependencia do Hospital dos santos Giovanni e Paolo, ao outro lado dun dos máis maxestuosos trampantollos renacentistas de toda Venecia, pero tal vez porque só desde o vaporetto que vai ao Lido pode verse e semella construido co ladrillo e a pedra branca de Istria que caracteriza a cidade. En liña de máxima (como din os italianos), a arquitectura moderna ou o que nós entendemos por moderna desde comezos do século XIX está excluida de Venecia.
Isto fai que a ponte de Calatrava, como agora a intervención na Punta della Dogana onde se ten previsto construir un Museu de Arte Contemporánea coa financiación da Fundación Pinault e a dirección arquitectónica de Tadao Ando, sexa xulgadas moi severamente polos sectores máis conservadores da arquitectura. O que si pode resultar irrisorio é que un dos personaxes máis pintorescos da vida social italiana, Vittorio Sgarbi, crítico de arte, senador e eterno aspirante a ministro de Cultura, coñecido polos seus acenos de gigoló e por ser sorprendido tratando de levarse dous libros de gran valor dunha biblioteca italiana, sexa quen dirixe a batalla contra Calatrava.
Razóns de orde patriótico tampouco faltan na censura da ponte, nin por suposto as lóxicas andanadas contra o concepto mediático da arquitectura actual ou o elevado custe tanto da construcción como do transporte. Como tampouco faltan os inevitables e familiares para nós compoñentes políticos dunha oposición (neste caso de dereitas) que non acepta fácilmente que o alcalde (ou alcaldesa) da esquerda que goberna a cidade desde hai moito leve o mel do triunfo. As carencias técnicas mencionadas (falta de acceso para minúsvalidos, por exemplo, cando hai ben poucas pontes con sistemas axeitados) que, a pesar de falarmos de Italia, resultan inverosímiles, semellan a típica argumentación concreta para sustentar o esperable malestar polas mudanzas, sobre todo nunha cidade coma Venezia que parece estar rematada desde moito tempo atrás e para sempre. Calquera cambio, sexa cal for, será sempre mal atendido. Se ademáis queda a mínima sensación de que resulta innecesario, o calor da polémica pode continuar. se é que quedan daquela venecianos.

2 commenti:

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Acabo de ler que mañán fala Calatrava en EL PAÍS deste asunto. Veremos, pero polo que anticipa en internet, pouco teño que engadir.

Anonimo ha detto...

Oiu Arume se entra en contacto co tal Calatrava -que todo pode ser polo universal que vostede é- dígalle que pase por Lugo, que para cruza-lo río aínda nos servimos da ponte dos romanos, a algún día hai cada atasco de media hora.