O asunto das vieiras, xa comentado en infinitos artigos, ten para min unha vertiente moral (marxinal para o cerne do asunto) que me interesa: a defensa a ultranza da amizade ou dos amigos, por riba de calquera outra consideración. Semella habitual facer pública manifestación da amizade como un ben en sí mesmo, coma unha das nocións indiscutibles da vida humana. A xente non pon reparos en afirmar que a amizade é o primeiro e en colocar aos amigos (familia aparte, que é cousa tamén semellante) diante de calquera outra cousa no mundo. Desa determinación acrítica e irracional derívase a defensa de calquera actuación dos amigos polo puro motivo de que o son. Sen máis. Sen complementos nin subtilezas.
Pode constituir un apriori aceptable, xa que son en boa parte amigos porque comparten con un ademáis de experiencias miles unha semellante visión das cousas ou polo menos coñecemos deles o que pensan sobre as cousas e podemos adiantar a concepción que poden ter do que acontece. Por iso mesmo, coñecemos as súas limitacións (como se supón que das nosas tamén temos noticia e ademáis máis obrigada e exacta) e sabemos do que son capaces. Se cometen algunha falcatruada ou fan algo que non nos gusta, non adoitamos sorprendernos; mesmo podémonos molestar e, no mellor dos casos, afearlles a conducta. Para iso temos ese nivel de confianza que dá a promiscuidade amistosa de anos. Pero esa renuncia a un mínimo de esixencia moral cos amigos (como amosan os recentes acontecementos) paréceme insólita. Do mesmo xeito que eu son incapaz de pedirlles aos meus amigos que afiancen un erro ou unha actuación inadmisible pola miña banda. Eu quéroos para que me recriminen, para que me digan que non teño razón, a risco de litigar unhas horas con eles. Pero prefiro a lideira antes de que abandonen os seus criterios e se deixen levar por un malentendido concepto de inquebrantable apoio que non ven ao caso.
Cúmpre acompañalos nun mal trance, darlles polo lombo a precisa protección, pero non tanta que acaben por pensar que teñen unha patente de corso polo puro feito de sermos amigos.
1 commento:
Tes un corazón que non te cabe na cabeza. Ambolosdous pódense levar sen que un ocupe o espacio do outro. Como ten que ser.
Noraboa polo que dis e pola oportunidade.
Posta un commento