Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 settembre 2008

A CAPELA MÁIS FERMOSA DO MUNDO


Na anotación anterior coloquei unha ilustración da extraordinaria Cappella degli Scrovegni, que tiven a fortuna de visitar este ano por primeira vez na vida. Unha pequena capela, detrás das ruínas dunha Arena romana, nun espazo apartado do monasterio dos Eremitani en Padova, unha marabillosa cidade. Prenotamos pola mañán para velo, en turnos de quince persoas durante un tempo brevísimo de quince minutos, á hora violeta, cando o sol de verán de Italia (case 30 grados: choro ao lembrar esa calor que me dá tanta vida) vai caindo aos poucos e toda a terra adquire unha tonalidade única. Antes de entrarmos, pasamos a unha sala acristalada, para, imaxino, baixar a temperatura dos nosos corpos e non alterar o habitat fresco da capela. Nese tempo poñen un pequeno vídeo. Pero cando un entra nese espazo, recén restaurado, coas cores intensas de Giotto pide que dure toda a vida a visita. Unha das marabillas da arte, de principio a fin. Con imaxes da vida da Virxe (curiosa a presencia dos pais da Virxe en moitas pinturas), da vida de Cristo, e do Xuízo final. O teito azul que semella ao ceo, con estrelas douradas, convida á emoción máis intensa. As figuras do vicio e da virtude, sacadas dun tratado político e destinadas a Enrico Scrovegni, o promotor deste capolavoro, constitúen unha parte sobranceira do conxunto, abraiante desde todos os puntos de vista. 
Xa sei que Padova non queda nas rotas máis habituais nas viaxes a Italia (máis que nada porque resulta imposible atender a tanta beleza), salvo que de paso a Venezia o viaxeiro faga un alto na cidade de san Antonio. Pero, aparte de ver o Gattamelata nesa mesma cidade diante da Basílica, é obrigatorio nesta vida pasar quince minutos dela nesa capela extraordinaria, inesquecible. 

Na ilustración unha das partes máis curiosas da visita: os chamados coretti, uns nichos ao lado da parede do coro onde semella que Giotto probou a ilusión da perspectiva. O resultado, unha desacougante mostra de arte case conceptual.

Nessun commento: