Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 marzo 2009

LONXE DA TERRA QUEIMADA


Charlize Theron mira espida desde unha fiestra. Unha pátina azulada vela o fotograma. Na cama aparece deitado un home. A ollada semella perdida. As primeiras imaxes, en breves cinco minutos, compoñen un retrato case completo da súa personaxe. Un oceano de escuma, coma nun cadro romántico, explora o seu desacougo. Unhas pequenas notas superficiais culminan nun rostro impávido contra as sabas, mentres un tipo por detrás semella divertirse.
O plano seguinte amosa un deserto. Unha luz cenital, sen filtros, presenta outras personaxes, que evocan unha morte nunha casa de metal perdida na nada. Uns amantes perecen queimados e os fillos del, con aparente frialdade, recorren o lugar do accidente. Un enterro en silencio, unhas poucas palabras que apenas transparentan. 
A cámara volve ao poallento Portland e devolve os ollos tristes de Charlize. A cámara segue os seus pasos con parsimonia. Móvese nun silencio que preludia misterio. De novo, regresa a Nuevo México para desvelar os quebracabezas. Desta volta aparece Kim Basinger, outro novo rostro coa mesma insatisfacción esencial na procura dun momento de felicidade. E así ata o final. 
As pezas que vai deixando Guillermo Arriaga, o guionista de Amores perros ou de Babel, nun lento ir e vir desde o presente ao pasado, e desde as paisaxes de terrario dun sul abandonado e case inhóspito ás de auga do noroeste rico e abigarrado, son reconstruidas coa memoria dos espectadores, moi esixida pola deliberada intención de usurpar con intelixencia as chaves da historia ata case o final. Afeitos á kaleidoscópica maneira das películas citadas, esta película parece máis sinxela, pero a complexidade procede da ausencia, afortunadamente, de toda concesión ao azar, que non permite os fáciles (e para min sempre impertinentes en relatos  modernos) recursos ex machina. 
A escaseza de diálogos (exemplares e medidos) e a omnipresencia da ollada das principais protagonistas (excelsas nas súas interpretacións) incrementan a densidade do filme, sen desbotar as recurrencias visuais (a xanela, como leit motiv) que engrandecen por momentos o tono da película. A música (de still guitar rasgada, coma un Ry Cooder derrotado), a fotografía (queimada e neboenta, segundo os casos, case como un estado de ánimo) e a montaxe (demorada, pero dinámica) resultan exquisitos. A dirección de actores sobresae (algúns mesmo poderán afirmar que resulta meticulosa) nun guión perfecto, onde apenas hai lugar para a gralla ou para o plano innecesario. 
Das películas que vin ultimamente é unha das que máis desfrutei. É posible que guste eu da forma non moi convencional de contar de Arriaga, onde a cronoloxía lineal é case un paso prohibido. Non sei se é rasgo inequívoco de postmodernidade. Pero entendo que hoxe non se pode contar mellor unha historia do que o fai este guionista metido a director con esperable longo recorrido.        

3 commenti:

Ana Bande ha detto...

...y con Joaquim Almeida...mmmm...vou para alá!

Anonimo ha detto...

Aviso: non sae de mafioso criminal latinoamericano. ;)))

Ana Bande ha detto...

jajaja...si, está un pouco encasillado nese rol, pero a min vaime gustar de tódolos xeitos.