Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 gennaio 2010

FRACTURA SOCIAL EN GALICIA

A lectura das opinións vertidas en forma de comentarios das noticias en internet, de cartas ao director ou de debates no feisbu ofrece unha desacougante mostra do nivel de fractura social existente no país. Pareciamos inmunes a esa praga visible nos diarios españois, pero dun tempo a esta parte a dose de agresividade, de xenreira (verbal, polo de agora) que amosan estes espazos cada vez máis concorridos de debate é moi preocupante. A questione della lingua é a cimeira do conflicto, pero a división nese terreo deixa paso a aldraxantes discusións sobre a propia condición de cidadáns deste país. As palabras empregadas nestes discursos son de calibre bélico e non parecen presentar remisión algunha, máis ben ao contrario, delectación no insulto e na gracieta infamante. Non vexo ese lume enceso na vida diaria, se cadra porque cada grupo ocupa a súa parcela e non toca ou apenas limita cos outros. Pero, cando ese fenómeno aparece na escrita, a penosa e, para min, tristísima batalla de improperios, ameazas ou execracións inquisitoriais se recrudece ata extremos insoportables. 
Cada quen pode ter a súa propia versión da orixe e razón de todo esto. Eu por suposto teño a miña. Pero dame a impresión de que a estas alturas andar debatendo quen ten a culpa da desfeita non arranxa o problema, máis ben o enquista a man cheas. Non sei cal pode ser a solución, pero alguén ten que poñer freo a esto. O goberno galego é, sen dúbida algunha, nestes casos, o máximo responsable de facelo. Non sei se hai vontade diso ou precisamente do contrario. Eu polo menos xa lle pido que non avive folións nin ceibe máis tempestades. E que, de ter uns poucos miolos libres de inxurias, os dedique a aliviar esta tensión inaceptable entre os seus cidadáns. Que para iso (e para outras cousas tamén) lles pagamos.

8 commenti:

r.r. ha detto...

Pois si.

Isabel ha detto...

Estoy de acuerdo con lo expuesto.

folerpa ha detto...

Concordando co que dis da fractura social, caro amico, non pode desvincularse da orixe e razón de todo isto, de quen encirrou o lume da lingua xa moito antes das eleccións de marzo cun discurso mentirán e manipulador. Amais, pedir ao goberno que actúe e como pedirlle ao pirómano que apague o lume.De todo os xeitos está claro que alguén ten que recuar, ou facelo todos de vez e dar un paso atrás, por que como isto siga así o próximo curso escolar nin comeza.

Anonimo ha detto...

Vexo un pouco dificil, estaslle pedindo que apague o lume a quen o prendeu,e como todo lume intencionado non sera doado de apagar.


Carmen

detective crepuscular ha detto...

Hoxe mesmo escoitei mui de pasada ao esforzado e inquebrantábel Paladín das Liberdades (Aznar) botar lume unha vez mais contra o estado das autonomías ou contra certas autonomías que están "deshilachando España". Confiemos que "deshilachando" no canto de "rompiendo" ou "despedazando" sexa un signo de mellora na boca de tan sinistro personaxe. Que a cousa é delicada e de difícil tratamento, Don Arume. Xa son décadas de acoso e derribo político-mediático das chamadas nacións periféricas e non se ve que a cousa vaia remitir así como así. O do PP e Feijóo contra o galego é unha operación perfeitamente calculada, que ten orixe no mesmo lanzachamas ideolóxico de sempre: a FAES e compañía. Ya tenemos que aguantar a catalanes y vascos, y sólo nos faltaba que esos rústicos y montaraces gallegos nos quieran imponer su lengua de trapo y atraso. A por ellos, hombre, a por ellos, que nuestro Feijóo és un señorito de los de siempre y no tiene por que aguantar a esa turba de mugrientos y "deshilachados". E co da bandeira queimada xa teñen munición de avondo para disparar sen parar os próximos días. Claro que a caverna "progresista" ás veces tamén se suma ao lume antiperiférico e participa entusiasta en tildar a Montilla, por exemplo, de "inconstitucional", "etarra", "estratosférico" e lindezas polo estilo. Ao que se chega. Fíxese vostede, Don Arume, no linchamento de Vic (de Vic, si, non só do axuntamento) que se produciu estes días. Se o que pasou en Vic pasara nunha povoación da "España profunda" seguro que non teríamos que escoitar as barbaridades que se dixeron. "... y que durante años y años se han aprovechado y enriquecido a costa del sudor de estos ciudadanos que ahora quieren MARCAR COMO JUDÍOS EN TIEMPOS DE HITLER..." Manda carallo: Como judíos en tiempos de Hitler. Que ganas lle teñen a quen se supón que non é leal al mandato "constitucional". En fin, que levamos toda a vida discutindo sobre isto e que a cousa promete continuar eternamente. Espero non ter contribuído a acrecentar a "fractura social" con esta miña opinión. Ai, a maioría silenciosa de Feijóo. Co ben que estaríamos lendo MALDICIÓN ETERNA A QUIEN LEA ESTAS PÁGINAS, que segundo Piglia é unha das mellores novelas argentinas.

María L ha detto...

Paréceme imprescindible a unidade sen fisuras de tódalas forzas políticas, sindicais, sociais, institucionais, etc na defensa do galego. A oposición ao decreto é frontal, o PP está só, pero vese unha oposición fracturada entre si. Eu pediríalles a todos que deixen de lado as súas diferenzas e fagan un esforzo para ir da man na defensa do galego. O pobo necesita ver ese exemplo.

Juan ha detto...

Basicamente, comparto a súa análise e paréceme que os mesmos comentarios que me preceden non alivian o desacougo do que fala vostede. Habería que evitar unha "guerra" na que penso que ninguén gañaría moito. Pero non son moi optimista, a verdade. Como conxugar o suposto trilinguïsmo coa reivindicación da inmersión en galego? As contas non cadran.
A primeira vitoria da oposición ao decreto, de momento, é o feito de que se fala exclusivamente de "decreto do galego" cando nel se fala tamén do papel que poderían ter as linguas estranxeiras (o inglés, na maioría dos casos) no ensino público. Eu, coma profesor de francés, non podo considerar que o debate só é lexítimo no que se refire ao "reparto" (ou non) entre galego e castelán. O outro debate tamén pode ser necesario.
Eu, asturiano que vive e traballa en Galicia,non demasiado galegofalante, fun á folga, pero con moitas dúbidas, que son un pouco ás vosas, Sr. Arume, ou iso creo. Concretamente, non quero ser refén de ningunha guerra política e gustaríame que a sociedade galega non se deixe caer nunha dinámica cainita e "guerracivilista".

cãosemdono ha detto...

Creo que esaxera vostede moito.