Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 marzo 2009

XERACIÓN NÓS E PIÑEIRISMO

Someto á súa consideración o que Bender pregunta nun comentario dun fío anterior e o texto de Ferrín hoxe no Faro de Vigo que vai no primeiro comentario deste fío: 
Que se esta facendo hoxe que sexa parangonabel coa esixencia e valor intelectual da xeración Nós? 
É a xeración Nós unha louxa sobre a producción cultural de hoxe, ou algo xa superado, no sentido de que é xa comprensivel dende un horizonte de lectura mais próximo no tempo a nós?.
Mollémonos! 
A foto máxica e marabillosa é de don Rubén Ruibal, que espero non me persiga nos tribunais.

14 commenti:

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Como é sabido a Academia Galega dedicoulle o Días das Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Esta figura é complexa. Por unha banda representa, en política, unha das posicións do lexitimismo galeguista de pre-guerra civil. Pola outra banda Piñeiro é un autor dalgúns ensaios con intención filosófica e análise literarias. Eu sempre lembrarei con afecto que Ramón Piñeiro escribiu como prólogo a un meu libro un dos textos con máis intensa vontade de estilo dos que nunca producirá nin chegou a producir. Ou así o entendo eu, se cadra de xeito interesado. Pro, por cima e por baixo, de arca e de couso, Ramón Piñeiro foi sobre todo un activista político.
É ben curioso o feito de que o autor lembrado no Día das Letras, sendo como era suxeito dedicado en corpo e alma á política, nunca escribiu verdadeiros textos políticos, aínda que as súas lucubracións sobre a filosofía da Saudade ben poderían ser lidas como textos políticos.
Piñeiro foi o arquitecto principal do que podemos chamar o galeguismo da guerra fría. Dirixente incontestado e autócrata do seu grupo, liquidou o Partido Galeguista para organizar os seus seguidores no labor monográfico de facer literatura arredor da Editorial Galaxia de Vigo. Pro ese grupo non era só literario. Estaba dotado de ideoloxía. E os elementos constitutivos desta, que nós chamanos “piñeirismo”, con os seguintes: non nacionalismo, federalismo europeísta, anti-comunismo. No que se refire á literatura, Piñeiro era pragmático e sectario. Non aceptaba na literatura galega máis que tres direccións básicas: o lirismo, o humorismo e a fantasía. Así pensaba el e así o deixou escrito en varios lugares. Para el, o realismo, especialmente o socialrealismo, era unha tendencia altamente sospeitosa de infiltración comunista.
Despois de abolir o Partido Galeguista e de negarse a acatar a autoridade do Consello de Galiza fundado por Castelao, Piñeiro chegou á chamada Transición coas mans baleiras. Polo tanto, ao revés que os cataláns e os vascos, os galegos non puidemos facer valer o noso peso político cun goberno galego no exilio e, ao modo de Tarradellas, non fomos capaces de pór na pre-autonomía unha figura histórica do tipo de Antón Alonso Ríos.
Así as cousas, Piñeiro tivo unha triste fin política. Condenou Martínez López e as boas persoas que intentaron tras a norte de Franco resucitar o Partido Galeguista. Montou, desesperadamente, unha pantasía chamada Realidade Galega con Carballo Calero e outros. Finalmente, foi deputado no Parlamentiño nas listas do PSOE, nun grupo chamado de “galeguistas históricos” no que estaban Benxamín Casal, Carlos Casares y Alfredo Conde. A verdade é que se os últimos eran iso, eu, poño por caso, podería chamarme a min mesmo “galeguista-pre-histórico” con total xustiza.
Levamos xa meses con Ramón Piñeiro nomeado para o Días das Letra. O 17 de Maio aproxímase e a opinión pública de Galicia non recibe ninguna nova noticia sobre Ramón Piñeiro. Non vexo aportacións reveladoreas nin sobre o seu pensamento teórico nin sobre a política (ou ausencia de política, máis precisamente) que el encarnaba con poder omnímodo sobre o estricto círculo dos seus seguidores. Por exemplo: seguimos sen saber por qué Piñeiro foi preso nos anos cuarenta, cáles foron os cargos da acusación e cál tribunal o condenou a unha severa pena de prisión.
Nada do escrito por X.L. Franco Frande na súa obra Os anos escuros sobre Piñeiro e o piñeirismo foi, polo momento, acrecentado. Vexo que os que hoxe se consideran herdeiros de Ramón Piñeiro gardan un silencio moi extraño.

E non se titula Balón intragástrico como pon o Faro virtual. O que non é óbice para que se poidan facer brincadeiras. O título verdadeiro poñereino despois cando poida memorizalo correctamente: algo sobre qué queda de Piñeiro ou que se está a dicir de PIñeiro.

R.R. ha detto...

Vémonos nos tribunais. Sobre o asunto, a verdade é que eu non me atrevo. Ou si, pero déixeme pensalo... Moito.

Anonimo ha detto...

Ramón Piñeiro foi un pequeno dictador (véxanse os retratos que fan del Otero e F.Grande no libro do último) dentro do seu mundo de orfos rapaces papóns de novidades. Nunha época de escurantismo e falta de oportunidades, Piñeiro aparecía coma "o" (único) grande astro da filosofía, da política e mesmo da literatura galega ao que poder recorrer. Como ademais era o sheriff literario da única editorial que publicaba cunha certa regularidade, as súas ideas sobre o que debía ser a literatura galega ían a misa (véxanse os seus prólogos e a "espantá" de Mourullo).

Todo o labor político e mesmo cultural anterior á guerra civil éralles sistematicamente agochado aos rapaces en aras dun "federalismo dos pobos". Hai por aí un audio de Piñeiro (Consello da Cultura Galega) no que reclama unha "Europa como conxunto de unidades naturais" e "Na Unión Europea Galicia ocupará o papel que lle corresponde como unha desas unidades". Nada diso se cumpriu. Galicia ten que entrar en Europa polo aro dos intereses de España.

Quixo montar unha especie de "Grande Grupo de Amigos de Galaxia" mais todo se lle foi das mans coa creación das Asociacións Culturais.

Quixo montar un Partido Galeguista na sombra (inexistente) que actuase en todos os partidos españois, e o resultado ben se pode apreciar na actualidade.

É preciso un estudo rigoroso sobre como o condicionou, politicamente, a súa estadía no cárcere, e tamén sobre o xeito en que a editorial Galaxia se financiaba. Piñeiro era un "liberado" e, aínda que non o puxera aí a CIA, cómpre saber quen o sostiña economicamente e para que.

Anonimo ha detto...

Virgen bendita! Qué nivel! E eu que nin tan sequera entendo o que pon no pos! Pero seguro que vostedes o entenden?
Empezamos cun comentario dun fío anterior que vai no primeiro comentario deste fío. Totalmente marxista. E logo a xeración Nós unha louxa de hoxe xa superado (non había máis x?), parangonabel e comprensivel (tolón tolón) dende un horizonte próximo "no tempo a nós" (no témpanos?). E onde me teño que mollar?
Meu Dylan, qué falta de ignorancia máis grande teño. Cada vez estou peor. Axúdenme.
O da foto si que o entendo. Menos mal.

Anonimo ha detto...

Colgo este comentario encontrado noutro nun foro, firmado por Ramón Casas.

Ben, pero hoxe non existe a ameaza comunista polo que non ten lugar a paranoia anticomunista.
O mais discutibel é o seu "non nacionalismo" unha sorte de castración por arriba, coa tesoura europeista e compensación por abaixo mediante afecto a língua e unha autoestima cultural universalista.

A posición de Piñeiro refrexase en parte en intelectuais de hoxe como Ramón Maiz, que coa súa proposta dunha nación sen nacionalismo pode orientar o desenvolvemento das teses piñeiristas.

Piñeiro non deixaba as decisións ao azar, e hai que recordar que foi diputado independente polo Psoe. Maiz é persona se non integrada, moi próxima ao Psoe.

A súa herdanza recollenna hoxe dende o mesmo BNG, o mal chamado quintanismo, tenta unha inspiración neopiñeirista, inspiración que chega tamén aos ambientes mais galeguistas do Psoe e mesmo no PP.

O piñeirismo como ideoloxia foi recollida potencialmente entón por sectores destas forzas políticas, neste senso, cumpriu seu papel, foi escoitado, pero non foi levada esta ideoloxia ao facto, neste sentido, queda en estado embrionario, potencialmente xenerador de algo que é sempre truncado. Unha sorte de sebastianismo. Unha saudade de cando os galegos nos uniríamos, independentemente da militancia partidaria nun futuro pasado.
Esto por abaixo

Por arriba, lamentabelmente non hai aposta sería de existir culturalmente en Europa nin no mundo. Esta responsabilidade recaería no ente cultural que el dirixiu, Galaxia, que se queda cativa, para un esforzo tan grande perdéndose subsumida nunha empresa-negocio cultural mais.

Anonimo ha detto...

Non acabo de entender o grao de intensidade na diatriba antipiñeirista. Visto completamente desde fóra, porque entre outras cousas creo que o debate pode estar a estas alturas bastante obsoleto (no sentido literal de "anticuado, inadecuado ás circunstancias actuales), non acabo de comprender a inquina, o ton agresivo do reproche. Non o reproche, nin a crítica, senón a forza con que se emprega.
Pregúntolle con toda a curiosidade, amigo MS, vostede que sempre destacou por poñer en discusión a Piñeiro, por que cre que hai ese particular retrato? Inflúe decisivamente algunha compoñente persoal sobre todo en quen deixou escritas as súas opinións? Por que, en todo caso, hai esa especie de hostilidade unánime en certos sectores do nacionalismo?
E permítame que lle diga que non teño nin o más mínimo desexo de defender a ninguén. SImplemente por saber de ónde ven esa decidida e indiscutida opinión sobre o personaxe. Vostede dixo o de dictador e mandarín cultural. Só con iso se explica?

Anonimo ha detto...

Non existe parangón posible entre a chamada Xeración Nós coa actualidade porque os paradigmas mudaron considerablemente. Recomendo vivamente o artigo que publicou Forcadela no último número de Grial onde repasa (con ánimo crítico nuns casos) a producción ensaística galega do 2008. Alí pode, ao meu xuízo, calibrar o que poden facer os escritores de discursos argumentativos (poderiamos dicir esto?) nun só ano na actualidade. Con todos os matices, os miolos en galego agora mesmo dan para moito.

Anonimo ha detto...

Suso de Toro
El Pais

Tiven a extraña oportunidade de facerlle a última entrevista a Ramón Piñeiro. Unha entrevista extensa publicada logo dentro dun libro, Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria da esquerda nacionalista. Piñeiro foi discutido toda a vida, discutíronselle as súas decisións e mesmo a súa personalidade. Doente terminal, cerrando definitivamente o piso que lle proveera García Sabell na Rúa de Xelmírez en Santiago, sabía que era a última vez que se explicaría ante un micrófono, ante alguén, ante os demais. Ante si propio.

Maiormente non era comprendido polo mundo ao que pertencía, o do galeguismo

Explicou cada paso con argumentos nidios, cría o que dicía e a súa vida, era iso que explicaba. Represión, clandestinidade, diferenzas e ruptura co exilio, renuncia ao Partido Galeguista, resistencia cultural, diferenzas co nacionalismo, Transición, autonomía, a súa idea de Galiza... Xunto a outras persoas, gastara a vida nesas cousas e obrara abnegadamente e con proveito para o país. E, con todo, faltándolle días nada máis, sabendo que todo concluíra, penso que sabía que non era comprendido. Maiormente non era comprendido polo mundo ao que pertencía, o galeguismo, que pasara de ser o seu galeguismo cultural a un nacionalismo dunhas esquerdas que non podía comprender, nin sequera eran unhas esquerdas parecidas ás que el coñecera na República e na clandestinidade. Probabelmente se sentise un profeta ou un guía que ficara sen pobo a quen guiar. Non entro en se tiña razón o guía ou o pobo que se lle desmandou.

Piñeiro sabía que o seu sacrificio dera froitos na sociedade e na política. Sen o seu traballo e o dos compañeiros de xerazón política a Galiza actual non existiría deste modo. Aínda que non llo recoñecesen, sabía que tiña razón. Mais estou certo de que tamén sabía no fondo de si unha verdade amarga, o fracaso da vida. Ollando ao redor vería inevitabelmente mal realizadas e mal encarnadas as súas ansias, un puritano incansábel que ollaría con desalento as insuficiencias humanas do seu entorno, deste país. Como pode un idealista que entregou á súa maneira a vida á causa da Galiza non sentirse fracasado?

Piñeiro ha ser celebrado este ano como inspirador e autor de moitas cousas, mais a súa vida, como a de quen pretenda cambiar o mundo, é un fracaso.

2.

detective crepuscular ha detto...

Arume, a "inquina", o "ton agresivo de reproche" e a "hostilidade" eran recíprocas. Vouche coa anecdotiña, xa sabes, desas que tanto desgostan e ofenden ao amigo "quintanista" Xosé Manuel González. Barcelona, ano 1.98- (non sabería precisar o ano exactamente), na Pedrera, onde Sotelo Blanco tiña un salón de actos para presentacións de libros, debates, etc. Basilio Losada, Margarita Ledo, Ferrín, Reixa, Mandianes... foron algúns dos ilustres convidados. Pois ben, estamos na Pedrera, nun daqueles típicos actos. Entre o público, Ramón Piñeiro acompañado por (Freixanes?, Alcalá?, Conde?, tampouco sabería precisalo con exactitude). Se MS andaba xa daquela por Barcelona e se lembra, xa sabe o que ten que facer. Seguimos coa anacdotiña "saavédrica". No debate posterior á conferencia, levántase un "rapaz" (non era tan rapaz, hai anos que o vin pola rua e seguía igual, coa mesma estética vestimentaria e coas guedellas enmarañadas tan propias de cando entón, un tipo auténtico, "proletario", descamisado, nada dado á verborrea intelectualoide) e solta o típico discurso de esquerdanacionalista, que moitos compartíamos e aplaudíamos (apesar do piñeirismo quintanista, que xa daquela se estaba a forxar irremediabelmente nas entrañas da "besta upegalla"). O que ven a continuación non é nengún segredo. Ramón Piñeiro, vermello a rebentar, colérico, inflamado de bíblica vinganza, cos ollos despedindo mortíferos raios divinos, intentou fulminar ao "Pepiño" (que así lle chamábamos ao "rapaz"): "Mira, rapaz, o que acabas de dicer..." Arume, aí tes o Ramón Piñeiro que eu recordo como se fose hoxe. Nós éramos malos, malísimos, por natureza "comunista" e Piñeiro non era tan bon como susteñen algúns cronistas. O que pasa que Píñeiro érao por natureza "divina".

Anonimo ha detto...

Parangón:
Ensaio: María do Cebreiro
Poesía:Chus Pato
Narrativa:Mª Xosé Queizán

arume dos piñeiros ha detto...

Agradezo moito a súa intervención, amigo detective crepuscular: eso era o que eu quería saber. Interpretar o ton, non tanto a discusión política que parece xa moi clara. E dígoo con total sinceridade, porque, se cadra eu non estaba en liortas semellantes (perdinas, non as vivín, digo a verdade), e, polo tanto, fáltanme claves persoais, claves íntimas que eu non son quen de comprender. Toda esa polémica do piñeirismo sóame, como lle pasa a Turmano, a moi lonxana, claramente allea.
Moitas gracias, de novo.
Sobre o parangón, con todas as discusións que poida merecer ese canón valen os exemplos. A min me valen para o que quería dicir.

Bender ha detto...

"os paradigmas mudaron considerablemente. Recomendo vivamente o artigo que publicou Forcadela"

Os paradigmas mudan, pero non se invirten, os clásicos poden estar mais ou menos de moda, pero a categoría estética da proximidade, a ten un clásico independentemente dos fluxos apreciacitivos cointurais. No mudar dos paradigmas hai aspectos que permañecen, a clave do valor estaría nesas permanencias, en distinguilas, discriminalas e tentar teorizar sobre elas. Creo que esta sería a orientación, pero vostede Arume, soluciona esto dun plumazo, dándolle unha mala e falsa solución e de seguido remite a cuestión que parece queimarlle a un artigo de Forcadela, que hai tempo que lin, e a verdade,que sendo meritorio, non creo que aclare moito sobre esta cuestión.

ms ha detto...

Alguén se decatou do espeso manto de silencio que está a cubrir a figura do homenaxeado este ano polas letras galegas? (Polo menos ese é o meu feeling desde lonxe). Iso é peor que calquera crítica.

A figura de Piñeiro sempre me trae a lembranza ese amigo máis vello da nosa infanza, ese parente de máis idade e experiencia, que nun arrouto nos prometía entradas para un partido de fútbol ou que noutra ocasión nos ía regalar un libro polo que deveciamos. Logo, días ou semanas máis tarde, cando llo reclamabamos, xa nin se acordaba da súa promesa. As ilusions traicionadas.

arume dos piñeiros ha detto...

A min a figura de Piñeiro non me di nada. Por iso me parece tan estraña a constante polémica entre detractores e defensores do personaxe. E aínda máis esa como lle digo intensidade dramática no debate. Para min resulta completamente prescindible. Pero eu sonlle demasiado radical nestas cousas.

Nota: eu temo que a extendida e admisible reverencia por Ferrín explica por un lado a devoción oteriana (que eu tampouco entendo, pero que calo por prudencia e por pura indiferencia, ainda que en petit comité solto a lingua e non a pacer precisamente) e por outro a diatriba contra Piñeiro. Como o dixo Ferrín, cargado de circunstancias, todo parece bendito. Pero algunha vez, ceibes de tal tutela intelectual, xustificable pola altura case mítica de Ferrín, poidamos encarar o asunto con outras olladas. Ou non encaralo: é dicir, ignoralo. Pero as circunstancias vitais de moitos pasan por aí. Nós, que somos doutra xeración, igual nos importa bastante menos. Ou nada. Ferrín, co artigo do outro día no que facía fincapé na homenaxe case obliterada de Piñeiro, dá curiosamente esas novas pautas.