Berlusconi representa o contrario da ilustración. Asume por principio a soflama elemental. Fala como se emitira titulares, con voz de teletipo e inflamación marcial. Con el resulta superflua calquera adición ao exabrupto que enuncia por toda expresión. Fala sen escrúpulos; pronuncia as frases que ninguén ousa, sen asomo de vergonza algunha, mesmo entre amigos. Levanta soberbio a voz contra os inmigrantes, clandestinos, extracomunitarios: todos delincuentes. Reúne un vocerío ao seu redor de iniquidades que, por repetidas, semellan inocuas. Cada día, nos seus xornais, nas súas canles de televisión, nas súas empresas de comunicación, desfila a infamia. Esta anomalía da democracia italiana acaba de gañar as eleccións. Gracias ao rico norte, convencido de estar sendo estragado por unha Roma ladra. Gracias ao profundo sul, cunha Sicilia sempre fidel, que parece agradecer tamén esas mesmas palabras contra o sistema. Os trece millóns que votaron a Veltroni e a di Pietro terán que agardar. Eu irei velos este verán. Desde o ghetto ebraico do Cannaregio tratarei de explicalo todo mellor. Co sol cegador da lagoa véneta voltarei amar a ese país, a pesar dos pesares.
Foto de IPP, Castello de Torrechiara, Parma.
Nessun commento:
Posta un commento