Aproveitei a visita a Santiago para ver aos meus pais, que había tempo que non vía. Fomos xantar ao Camilo (un chisco decepcionante nalgúns pratos) e buscar acomodo para a filla estudante. No xantar, o meu pai, votante socialista desde antigo, destilou a súa proverbial crítica acerba contra todo o que se move. Habitualmente tende a reproducir un lixeiro pensamento socialdemócrata, pero cando lle dá por asumir un discurso máis concreto arremete contra todo. Hoxe mesmo me deu a impresión de amargura e desilusión total. Pero a min estimúlame moito a súa maneira de pensar: aceda, durísima, implacable. Non deixa títere con cabeza: x é un incompetente (e pon exemplos a ducias), y é un corrupto (e aduce un episodio de mínima irregularidade comparado co que está caendo, pero que resulta ilustrativo de onde pon meu pai o listón, case coma un erasmista de nova estirpe: a ras do chan), z é incapaz (e exemplifica cos que despois das eleccións desapareceron do mapa). Abomina de Feijoo (considérao insustancial, pouco preparado, non apto para gobernar un país de forma seria), pero non perde ocasión para preguntarse quen veñen sendo os que aparentemente ocupan os escanos da oposición. Do BNG xa non di case nada (non sinte lástima, pero pon as mans na cabeza pensando en quen puxeron ao mando e interrogándose sobre a traxectoria actual dos que antes estiveran no goberno: imposible reproducir a tristeza que lle produce ver sentado na mesa do parlamento a quen foi hai pouco portadas de case todos os xornais, convertido agora en ocasional articulista do que debería formular en sede parlamentaria). Do PSOE, pregunta (onde Touriño?) e, tras analizar a preparación retórica de Vázquez, volve a preguntar "Como vai convencer á poboación unha persoa que non sabe falar?". Do resto nin se sabe, pero, eso si, lembra sempre que pode os episodios de corrupción, malversación, roubos (directamente roubos), protagonizados por aqueles que parecen máis afíns á súa ideoloxía.
Eu aprendín de meu pai, e sigo aprendendo moito, o significado da coherencia política, da honestidade e eficacia no desenvolvemento dun cargo público, a intolerancia suma con calquera circunstancia de favoritismos, cartos mal empregados ou incompetencias intelectuais das persoas encargadas dun posto de responsabilidade administrativa. Esta postura leva inevitablemente á decepción, á sensación constante de desastre nunca resignado. E, a pesar de todo, dese rigorismo moral e político extremo que meu pai practica sen distingos, conserva unha envexable forma intelectual na que sobrancea o humor, a ironía e un infatigable entusiasmo por participar críticamente (cos naturais vituperios razonados) na mellora deste mundo.
Cando falo co meu pai, doume de conta de a quen pretendo parecerme.
7 commenti:
Que lle dure moito anos.
Na Bodeguilla da San Roque ou no dezaseis xántase ben, e aínda diría máis, resólvese polo menos un problema.
Coñezo ambos, pero non cadraba ben. Para a próxima sen dúbida.
Arume:
Conformo totalmente co que expón neste comentario. Paréceme unha brillante análise do estado de ánimo polo que sen dúbida estamos atravesando moitas persoas neste actual momento de Galicia. Algo que eu empezaría a definir como depresión estimulante. Polo menos vostede ten un pai no que inspirarse. A min a morte xa me roubou os dous.
Lamento que non tivera sorte no Camilo. Eu, que acostumo frecuentar ese lugar, convídoo a repetir cando queira. Verá como sigue merecendo a pena. Chámeme cando veña a Compostela e levareino alí –ou a onde queira– con moito gusto.
Tiven grandísima fortuna dúas veces anteriores, que comín fenomenal. Pero non sería o mellor día do restaurán. O rape, seco (un pecado, tendo en conta o doado que resulta facelo á prancha), e o cordeiro, graxo. A empanada, boísima. E o pulpo, para exquisitos coma min, no seu punto, pero cortado en anacos demasiado finos.
Eu creo que non andaban no seu mellor momento. E non pode ser achacado á tempada turística porque comín hai un ano exactamente alí e comín maravillosamente.
Pero acepto a súa invitación, pero se me deixa pagar a min.
Se paga vostede eu tamén me apunto...
Non hai tres sin catro, eu tamén me apunto se me deixan elixir o viño
Posta un commento