Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 novembre 2010

O GONZÁLEZ GONZO


O do xarrón chinés é unha das ocorrencias máis celebradas de Felipe González. Pero seguro que sempre pensou nun concreto, baleiro, inútil e difícil de ubicar nunha casa, pero non nun precioso obxecto cun espléndido e pesado fondo de reptís. Outra ocorrencia, tamén celebrada e tamén algo chinesa, era a da escasa importancia da cor do gato para que poda cazar ratos. Non vou apurar a metáfora dos ratos á conta do que tamén Glez deu en chamar as cloacas do Estado, pero si quero engadir aquela outra na que prefería morir acoitelado no metro de Nova Iorque antes ca vivir en Moscova ou as súas kermesses subterráneas de billar e cohibas na bodeguiya.
Agora, coa confesión da súa dúbida moral (que parece sartreana, pero é repugnante), volve a ese mundo de baixos fondos: outra cousa non se pode agardar de quen ve a política como a parte oculta dun iceberg e limita os seus gustos literarios ás novelas históricas e, sobre todo, ás novelas policíacas clásicas.

1 commento:

atónito ha detto...

Non lin ningún. Refírome aos parágrafos, artigos ou capítulos que poidan compoñer O Espectador de don Ortega y Gasset, pero quédome co título.

Volverei ler a longa entrevista a González, volverei situar as súas cloacas e o seu iceberg nos termos nos que el os sitúa (encontros e desencontros entre o poder civil e o militar entre outras cousas). Seguirei, naturalmente, permitíndome o luxo de sentir repugnancia diante de confesións como a súa, sempre como espectador. Pero seguirei pensando tamén que nunca foi o mesmo predicar que dar trigo.

Nas primeiras liñas do Informe Sábato sobre os desaparecidos da Arxentina dos militares, se nos conta a anécdota do xeneral de la Chiesa. Alguén lle dixo que tiñan un detido do que sospeitaban que sabía cousas sobre o secuestro de Aldo Moro e pedíalle permiso para torturalo e así obter información. De la Chiessa, ao parecer, respondeu: Italia pode pasar sen Aldo Moro, pero no podería sobrevivir ao uso da tortura contra prisioneiros. (Cito de memoria).

Certamente, as novelas policiacas non son as máis acosellables dentro do amplo espectro do xénero "policial". As que poden ter algún interese para o tema que nos ocupa, serían as boas novelas negras. O xénero negro, clásico ou non, non me parece mal que sexa do gusto dun gobernante occidental. Non, señor.

Pero disimule. Eu só quería facer unha incursión colorista.