Recibir un premio non é obrigatorio. Rexeitalo tampouco. A Xunta bipartita, co argumento de equiparar os premios de cultura aos habituais na contorna hispánica, decidiu hai xa tempo adxectivar con nacional a denominación dos seus e dotar con abundantes cartos o montante que conleva a ostentación pública da fama. A Xunta monopartita, co argumento da crise e da aposta política gañadora, algo alérxica ás demostracións nacionalistas galegas, aforrou parné no premio e rispoulle o adxectivo nacional, non por laconismo retórico senón por rebaixar coa licitude das urnas o rango pretendido de nación.
Con esta decisión, provocou que unha plataforma de defensa da lingua galega, Prolingua, chamara ao boicot do premio por parte de quen fosen agraciados co gordo de novembro. En virtude desta situación, a Xunta, arroupada por un coñecido grupo de dadores case profesionais de premios, resolveu a convocatoria como mellor puido. Un dos elixidos foi Agustín Fernández Paz, quen, a pesar de agradecer a grande honra que supuña o premio, declinou recibilo. A razón é ben sinxela e ben pode alcumarse de coherente. Algúns engaden a palabra dignidade ao seu xesto e, aínda que eu creo que ao propio Agustín non lle debe gustar tal tesitura, consideran, como tamén considero eu, exemplar o seu rexeitamento.
Outros premiados deciden aceptalo e eu debo engadir que, se é digno e coherente non recibir un premio por non estar de acordo coa política lingüística do governo responsable de entregalo, non é mostra de indignidade nin por suposto de incoherencia recibilo: non me parecen xustas as acusacións aos que deciden aceptalo. Se cadra convén analizar, noutro momento, non neste, algo cálido de máis, se estivo ben a proposta previa de convidar a rexeitalo. Pero desto non trato agora.
O Presidente da Xunta entendeu a argumentación de Agustín e acertou, ao meu xuízo, en deixar o asunto nos termos en que a decisión libérrima do escritor de Vilalba planteaba o asunto. Nese punto, as posturas quedaban meridianamente claras e non facía falta apurar máis alá do desexable a situación: todos, ao meu xuízo, quedaban conformes, o que non quere dicir que as decisións de cada quen non fosen susceptibles de valoración ou comentario políticos. E aquí cada quen ten a súa propia perspectiva do asunto.
O que eu non sospeitaba era que aínda quedaba por formularse, a modo de calella sen saída, desas das que tanto gustamos, e ademais con marchamo de facer país, a petición pública a Agustín por parte de Freixanes de que aceptase o premio. E ademais coa argumentación simplona e caricaturesca de que hai que aceptalo aínda que non sexan "os nosos" quen governan. Eu, que descreo do estribillo de "facer país" por insubstancial, entendo agora moi ben o fondo significado do mesmo: se falamos en termos de nosos e deles, todo está perdido. De todo o relato dos premios agora nacionais agora non nacionais, este último episodio é, con moito, o máis significativo. E de paso, o máis triste.
14 commenti:
Pois eu, visto desde lonxe e sen coñecer os detalles polo miúdo, APLAUDO sen reservas a actitude de Agustín Fernández Paz (si, si, un xesto de dignidade refractaria para con quen non merece mais que un NON rotundo pola sua política lingüística) e LAMENTO a actitude de Freixanes, mais propia dun cura no confesionario que dun home de cultura. "Arrepíntete do que acabas de facer e non sexas desagradecido con quen demostra quererte ben tratándote con cariño e concedéndoche un premio", parece que escoito estas palabras saídas do fondo da memoria con sotana coa que nos quixeran castrar e domear.
Claro, poderiamos facer dúas comparacións. A de Sartre cando renunciou ao Nobel e a de Ferrin cando rexeitou un premio da Xunta, creo que con Fernández Albor de Presidente, que debía ser, penso, moi semellante a este de Fernández Paz.
Tanto os motivos de Sartre como os de Ferrín habería que encadralos na estrutura político/social, se se me permite o palabrón. En ambos casos había unha oposición a unha determinada estrutura, a un sistema, dentro dun mundo dividido en dous por algún paralelo.
O caso de Valentín Fernández Paz bate directamente cunha intolerancia insidiosa, cun intento de desmontar o bilingüísmo, cun afán de satisfacer a determinadas forzas reaccionarias, cun... cun...
(Hai que foderse, porque un dos que premiaba a Ferrín era Xulián Maure. Mirabile dictu!)
Pois eu penso que os premios, como norma xeral, ou se aceptan todos ou se rexeitan todos.
En ningún caso aceptar ou rexeitar un premio debería significar que o premiado avala ou non a traxectoria vital/ideolóxica/profesional/institucional do que llo dá. So faltaría ter que estar ao tanto do que se coce detrás de cada premio, de cada institución, de cada xurado. Ademais, ti es o premiado, non o xurado. Ti non tes que xulgar a ninguén. Inda máis, suponse que é un premio, non unha putada, algo polo que aledarse, non polo que penar. O premiado non ten culpa de nada.
Pero entendo que ao rexeitar uns premios e aceptar outros, xa estás aceptando ese papel de xurado, o cal, coido, é moi perigoso para calquera, porque é máis fácil escribir, pintar, tocar, esculpir... que xulgar aos demais. Penso eu.
Pois eu penso que unha cousa é presentarse a un premio e outra recibilo sen pedilo. En cada caso poderá actuarse dunha maneira.
Segundo as miñas informacións Fernández Paz rexeitou a lexitimidade do premio sen saber que llo ían conceder. Non teño claro se o premio ía acompañado de dotación económica, pero non sería decoroso que despóis de rexeitalo cando non era o premiado trasacordase despóis. Por outro lado, Arume, non lle lle bota a "culpa" do asunto nin a Deus nian ao demo senón !a Freixanes!, en virtude de que opera coas categorías de "nosos" e "deles". !Como se Fernández Paz co seu airado pero cómodo xesto non o fixese!
Amigo Supragramático: cando incluín a mención a Prolingua crin estar dando a entender que Fernández Paz, membro destacado desta plataforma, era coherente con esa toma de postura previa. Non é que o rexeitara, senón que estaba de acordo coa tese de que no caso de ser premiado había que rexeitalo. Eu xa digo que esa previa petición de Prolingua non me gustou no seu momento porque poñía aos que puideran aceptalo nunha situación difícil. Probablemente diso se trataba, pero non me gustaba a min.
Pero, en todo caso, eu non lle boto a culpa a ninguén. Porque eu non falo de culpas: pode ser responsable a propia historia recente, aquí comentada, dos premios. Xa digo que cada quen ten a propia perspectiva do asunto. Item máis: creo que é lícito que Freixanes lle recomende a AFP que recapacite ou acepte, aínda que creo que é solicitude que incomoda (iso da calella sen saída) máis ca axuda.
O que non me gusta é que o suxira con eses argumentos paupérrimos de dicotomías nosos/deles. A min paréceme triste, máis ca calquera outra cousa. Pero por significativo, por síntoma do estado de cousas. Polo que conleva de lugar común aceptado e casi admitido da situación da cultura e da política en Galicia.
Gracias, en todo caso, a todo polas súas intervencións.
Imos ver se nos entendemos. "A democracia consiste en que, aínda que as túas ideas sexan absolutamente distintas das miñas, eu darei a miña vida para que ti poidas expresar libremente as túas ideas", algo así, ¿non si?
Entón, ¿quen son OS NOSOS e quen veñen sendo ELES, ou ESOUTROS?
Penso que aquí xurde un problema peliagudo. A democracia xa non consiste nunha libre confrontación de ideas expresadas libremente, pero na harmonía da homoxeneidade dunha mesma lingua, dunha tradición única asumida por todos cos matices que cómpra poñerlle, etc., etc., -penso que escribo para xente intelixente-. Á democracia engádeselle un matiz IDENTITARIO. As reglas do xogo non son só o libre intercambio de ideas, por moi dispares que poidan ser, senón que amecen un elemento distorsionador que é o repecto inexcusable á DIFERENCIA. (Non me gusta a palabra, pero pode ser eficaz).
Penso que desde aí é desde onde se debe xulgar a Freixanes e a Valentín Fernández Paz.
(e a todos os que andamos buscando onde poñernos, cando os problemas universais deben peneirarse na estreita paneira da radicalidade identitaria)
¡Dádeme, dádeme!
A cuestión non é se o premio o dan os "uns" ou os "outros", senón o feito de que este é un premio devaluado e que o dá un goberno que ten un comportamento agresivo co galego.
Eu comprendo que, nestes momentos de crise, non cómpre morder a man do que che dá de comer (dígoo polas relacións xunta-galaxiás), pero os motivos que levaron Fernández Paz a rexeitar o premio son coherentes coas explicacións que se ofrecen na páxina de Prolingua.
Mister Anónimo, intrígame vostede con esa súa disquisición sobre a democracia e a indentidade: non lle vexo eu moito vencello co asunto do premio aquí comentado. Agradeceríase aclaración.
Agora mesmo non darei respota á súa pequisición. Pero, como eu teño por costume non botarme nunca atrás, déixeme pasar a fin de semana, e comprométome a aclararlle o que me solicita.
Non hai cousa que máis me guste que falar, aínda que sexa por escrito. O luns ¿vale?
O falar non ten cancelas.
Como é que Ferrín acepta recibir un premio da Coz de Galicia, o think tank antigaleguista que máis inflúe nas políticas en contra de Galicia? Non debía rexeitar o premio, como fixo Fernández Paz? Ferrín e Freixanes unidos por un "exquisito" comportamento institucional.
Está ben, non é luns.É martes. Non creo, señor Noel, que sexa nada importante a miña disquisición sobre democracia e identidade. Para empezar, eu non me refería aos premios -rexeitados ou aceptados- senón á dicotomía que estableceu Freixanes nas súas declaracións entre NOSOS e, por tanto, NON NOSOS ou ELES.
Penso, meu querido amigo, que non me negará vostede -nin ninguén- que en Galicia temos un elemento engadido á magnanimidade que se reclama para proclamarse DEMÓCRATA. Aquí non chega con respetármonos os uns aos outros, así, sen máis, e respectar as nosas ideas. A democracia en Galicia esixe que, ademais dese respecto no libre intercambio de ideas e proxectos, se respecte e dignifique unha lingua e unha cultura.
Eu non son tan inxenuo como para pensar que todas a rexións da Penínsua Ibérica monolingües, ou sexa, castellanoparlantes, sexan unha e a mesma, así, sen máis, como por arte de birlibirloque. Pero nin en Castela, nin na Rioxa, nin en Cantabria, nin en Murcia, nin en Extremadura, nin en Aragón se ven na necesidade de introducir a defensa e dignificación dunha lingua no debate político e, polo tanto, no debate democrático. E nós si. Desde sempre, pero agora mesmo dun xeito especial, xa que quen nos goberna coa absoluta lexitimidade que lle dan as urnas, non só non aportou nada para solucionar esa situación, senón que agrediu dunha maneira que me atrevo a cualificar de infame, a toda unha lingua e toda unha cultura.
Lamento profundamente que nin en Galicia nin en Euskadi -non sei en Cataluña- podamos falar de lingua nai e debamos empregar esa perífrase de lingua propia.
Pero nai ou propia, a lingua galega está sempre na cerna do debate político e, polo tanto, da maneira de poder establecer a Democracia, non só en Galicia, senón en España.
Saiume un pouco longo, pero espero que se me perdoe. Gracias.
PS.-E non ignoro que en practicamente todas esas comunidades que citei, existe unha lingua de seu que foi quedando arrobada: a antigua fabla, da que teño varios discos e que lexicamente coincide moito co galego, o panocho, do que posúo un Viacrucis que se rezaba o Vernes Santo en Lorca que non ten desperdicio (agora segue a rezarse, pero xa non en panocho), o bable, do que teño unha Illa do Tesouro na miña colección, o castúo, no que teño as obras completas de Luis Chamizo, cun interesantísimo prólogo dun catedrático aragonés, en fin... Será por linguas. Federico García Pavón tiña que poñer un glosario de termos ao final das súas novelas do Plinio, para entender o dialecto de Tomelloso... En Valverde del Fresno, Cáceres, falei eu galego exactamente igual que o fago aquí, aínda que os habitantes de aló falen con moitas diferencias. Henrique Monteagudo -teño entendido que vai todos os anos a pasar uns días cos seus alumnos no Val do Xálima- sabe moito de todo isto. Ben, pero creo que xa desbarrei. Síntoo.
Agradecido, señor Arumes, pola súa hospitalidade. É un abuso, sen dúbida.
Grazas, anónimo. Paréceme que entendo o que quere dicir. Concordo que a reivindicación do galego é unha das demandas democráticas aquí e agora. Xaora.
Posta un commento