Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 giugno 2009

GALLEGOS DE MIERES


Unha das vales máis fermosas de Asturias é a de Cuna e Cenera, unha especie de Shangri-la ao lado de Mieres, separado por un par de curvas da arrasada paisaxe da cuenca do Caudal, esgazada pola incontrolada explotación de minas durante séculos. Nese privilexiado e acoutado espazo, de prados verdísimos en pendente, casas recén pintadas de branco, adornadas con flores e culminadas con limpas tellas (sen esquecermos dos numerosos merendeiros a pe do río, baixo os bidueiros, onde tomar sidra), atópase a aldea de Gallegos, máis ben unha pequena pobra de pouquísimos habitantes que foi un tempo considerada "el pueblu más guapu d'Asturies" (concurso tradicional) e que engalana con primor as súas corredoiras, os hórreos, os corredores das casas ou as mesmas cortes onde asoman aínda as vacas que pacen por aquelas campas. 
O nome débese á presencia neste lugar (e noutro tamén a carón del, chamado Villar de Gallegos) dun grupo de freires galegos que chegaron onda alí polo século XVII (seica en 1666). Non teño moita máis información histórica sobre esta aldea: tratarei de buscar documentación adicional, pero si podo asegurar que se trata dun lugar digno de visitar, cuidadísimo, cunha arquitectura popular sobresainte, na que destaca o emprego dunha madeira rexa en case todas as partes da casa. E, sobre todo, a extraordinaria rotulación das súas rúas: a que aparece como ilustración deste post, adicada a Mirmano, ben merece, xaora, a visita.   

Nessun commento: