Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 settembre 2011

ESTE COUSO QUE CHAMO O MEU BLOG


Os cambios últimos en blogger e en facebook permitíronme revisar estatísticas, público, visitas e datos internos deste blog. Non abraia, tras tantos anos, que o post máis visitado sexa o de Toscana na lontananza, escrito uns días antes de emprender a viaxe a Italia. O número de ligazóns a fotografías daquela zona explica o seu relativo éxito. O terceiro en visitas, pero xa moi por debaixo, é a metanotación feita sobre a presencia de burkas nas Españas do século XXI. Digo metanotación porque facía mención a outra, escrita en 2007, sobre a aparición de tal indumentaria opaca e a correspondiente polémica xurdida daquela en Alcobendas. Pero o máis sorprendente desta xerarquía de posts no meu blog é o segundo posto acadado (e con visos de adiantar ao primeiro) polo adicado ao Nisio, bareto, furancho, curruncho de comidas, palafito (quen o visite saberá por qué), merendeiro, taberna, baiuca no corazón de Teis, perto da verxa de entrada aos estaleiros de Vulcano. É probable que a ausencia de calquera referencia en páxinas webs de gastronomía (ausencia que pode ter que ver co feito de que en realidade o tal bar non existe) teña que ver co éxito dese post. Nos meses de verán aumentan as visitas a esta anotación de marzo de 2008, despois da correspondiente consulta en google, supoño que para reservar. A tasca non mellorou moito. Non sei se empeorou, pero como experiencia segue a ser aínda única. Nesta mesma semana, gracias ou por causa dese post, unha ducia de internautas se cadra probou. Para algo (bó ou malo) ha valer este couso. 

2 commenti:

Ian ha detto...

Este couso vale pra moito e para moito e ben.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Moitas gracias polo que me pode tocar.