Coinciden hoxe nos dous diarios da miña referencia os dous grandes da Literatura Galega na mesma terrible contradicción.
Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo, aínda que recoñece a crítica extendida entre a esquerda e o que el chama o "nacionalismo noso" cara Casares Quiroga, ["repróchanlle a Casares Quiroga varias actitudes. A saber: que disolvese a ORGA en IR e que obstruíse a nosa autonomía defraudando o Pacto de San Sebastián; que fose responsábel da masacre de Casas Viejas; que o 18 de Xullo, sendo primeiro ministro e titular de Guerra, non armase o pobo facilitando así o triunfo dos sublevados, especialmente os das provincias galegas; que desaparecese da política ao se iniciar a guerra e que, ao tempo, se ausentase de España; que estando a salvo na Francia liberada non apoiase o Consello de Galiza"] remata por aseverar que "toda a esquerda e todo o nacionalismo crítico co Casares histórico é unánime ao respectar a súa vida e conducta modelada nas virtudes democráticas que dimanan da ilustración filosófica e científica".
Manuel Rivas adica todo o seu artigo a glosar a nova xurdida na televisión portuguesa de elexir aos considerados Os Grandes Portugueses de todas as épocas. Ao fantasear coa posibilidade de que a TVG faga o mesmo con Os Grandes Galegos, Rivas propón unha especie de descuberta do que el chama Os grandes descoñecidos, entre os que curiosamente Rivas sobrancea a María Casares, filla de Casares Quiroga e citada no artigo de Ferrín.
O curioso do caso (polixénese ou conexión subterránea Rego de Auga e Camelias) é que ámbolos dous conclúen coa ignominiosa paradoxa de que o sanatorio de máis sona da fermosa cidade coruñesa leve o nome dun xefe da Falanxe coñecido non precisamente polo seu labor de beneficiencia. Rivas lembra: "Velaí un exemplo de como se entendía a grandeza hai ben poucos anos: poñer o nome dun pistoleiro ao principal lugar de curación. E aí se mantén ese histórico disparate, sen que se active un electrón de vergoña institucional"; e Ferrín propón "Está pendente un acto de desagravio a Casares Quiroga. O pistoleiro falanxista Juan Canalejo sigue a darlle nome ao Hospital que, na Coruña, depende do SERGAS do goberno autonómico PSOE-BNG. Esta é a Coruña e esta é a Galicia en que vivimos".
Que Ferrín sexa atendido: que o Hospital, pois, leve o nome de Santiago Casares Quiroga: non haberá nesta terra desagravio maior.
6 commenti:
Asino a proposta.
Eu tamén. Pero é moito o traballo que queda por facer para recuperar todo o que se perdeu durante tantos anos de ignominia. Nas cidades e sobre todo nos pobos.
Totalmente de acordo coas propostas de Ferrín e Rivas. Que a demanda se convirta nun clamor en todo o país...
Súmome a tan xusta demanda. É vergonzoso que o principal hospital da Coruña, un dos pioneiros do mundo en cardioloxía, aínda leve o nome dun falanxista como Juan Canalejo. Ferrín e Manolo, coma sempre, capitanean a nave coa "luz náufraga das madrugadas" (Manuel Antonio dixit).
E os nacionalistas debían sumarse con entusiasmo a esa homenaxe: sequera para facerlle xustiza ó quizais demasiado criticado, no seu día, lider republicano por tantos galeguistas.
A crítica galeguista a Casares Quiroga comeza no propio Castelao e, segundo o que se le no "Sempre en Galiza", non aparenta sen fundamento. No proceso estatutario, Casare comportaríase no que xa era tradición dos políticos de aquí -singularmente, gobernantes- en partidos españois: cando o proxecto galego non casa co proxecto ou momento partidario e madrileño, desbótase o proxecto galego ou, cando menos, ponse na lista de espera. Tradición que, por certo, continúa e ben á vista está.
En tal sentido, a crítica a Casares non me parece nin fóra de lugar nin excesiva. Ora ben, a memoria histórica do personaxe non se limita a ese aspecto do seu perfil e actuación política. "Os libros arden mal", por outra banda, trae ao nivel básico da lembranza o expolio e ensañamento do franquismo triunfante sobre a súa imaxe e bens; á luz do acontecido, poucos excesos se poden desbotar calculando qué farían coa súa persoa de facérense con ela, viva ou morta.
Por esas diversas causas, probablemente a cidade da Coruña tería que conmemorar a figura de don Santiago (máis alá dos acenos realizados no seu día polo alcalde Vázquez) e secundala o conxunto do país. Dubido, así e todo, que un complexo hospitalario -elemento substantivo do benestar contemporáneo, pero un tanto parcial na significación social- sexa a concreción máis adecuada.
Con todo, o simbolismo da substitución, e mesmo a relevancia do centro no ámbito da atención e a investigación médica, actúan en prol da presente proposta e intención. Pola contra, a difusión da marca "Juan Canalejo" (en ámbitos, xaora, perfectamente ignorantes sobre o personaxe homónimo) seguramente retraerá.
Se isto colle traza de ir adiante, Arume, eu desde logo non me hei opoñer. Porén, o que opino xa está dito.
Posta un commento