Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 aprile 2007

OS ALTOS FONDOS DE VIGO

Para celebrar o día do libro dinme unha homenaxe: visitei a nova Biblioteca Pública (Fondo García Barbón) na sede da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Puiden ver (e tocar con moitísimo cuidado) algunha das alfaias que alí se atopan. As dúas salas que puiden ver son preciosas, cun corredor que dá acceso á parte superior onde tamén hai andeis con libros. Aínda estaba o atril e a megafonía da inauguración do venres. Había pouca xente e a que había andaba un pouco preocupada porque o ruido das obras (e o ruxe-ruxe dos empregados atarefados en paliar algunhas eivas) impedía a concentración para o estudo. Soaba de vez en cando a falsa campá de Caixanova. Con todo, puiden ler o que quería, puiden ver que non había moitos enchufes para os ordenadores e que algunhas guías para a luz afeaban o teito desa fermosa sá. Aínda non teñen catálogo: a ver se apuran (a universidade pode botar unha man, creo) para beneficio de todo o mundo.
Paga a pena a visita e, sobre todo, resulta recomendable que todo o mundo vaia alí a pedir libros para que vexan a necesidade imperiosa de que a Biblioteca sexa algo máis ca un bo reclamo para as eleccións, algo máis ca un lugar de estudo: que se convirta nun espazo de referencia lectora e investigadora no medio medio da cidade.
[Foto de R. Grobas]

6 commenti:

torredebabel ha detto...

un xeito ben interesante de pasar o dia do libro. Nesta fin de semana, eu pasei pola vindeira biblioteca publica galega que abrirá en Bos Aires. Se cadra, tamén lle faltan moitas cousas. Pero ten algo que compensa: é única. E é imprescindible!

Zerovacas ha detto...

As bibliotecas, o mesmo que as librarías ou os stands en feiras: a presenza física do libro segue tendo un valor case místico, fetichista (aínda que eu predique pola desaparición dos medios escritos en papel). Sobre todo para os que coma min practicamente nos criamos (por condicionantes familiares) nunha biblioteca municipal que nos serviu de gardería e patio de xogos

besbe ha detto...

Algo dixo o Veloso onte na entrevista en Libro Aberto sobre as obras da biblioteca e a verdade sempre é un gusto visitar eses lugares.

Anonimo ha detto...

Ben, eu non son moito de bibliotecas nin teño os libros por fetiches, pero esa da foto semella bonita. Seguro que si.

Anonimo ha detto...

Home, hai unha ducia (ou máis) de lugares onde eu estaría moito mellor ca nunha biblioteca. Pero hai que recoñecer que estas pequenas, ben amobladas, con libros de graninterés, son as preferidas. Experiencia mística pode ser a visita á Bodleian de Oxford, tan impresionante como incómoda (consulta de libros antigos sobre unha táboa, si, unha táboa de madeira xa desfeita polo tempo, case de pé), e a xeral de Santiago, sá de investigadores. Día de primavera, as ventás abertas e a campá da catedral soando, coa alameda ao fondo. Difícil de igualar. No conceto biblioteca. Noutros concetos, hai praceres superiores.

Marcos Valcárcel López ha detto...

En Ourense seguen as obras, interminables, para o novo destino da Biblioteca Pública en San Francisco. Pero hai que recoñecer que dende hai un ano e medio contamos con outra infraestructura digna ó respecto: a Biblioteca Universitaria,no campus. Eu aínda lembro usar a Biblioteca Pública de Ourense no Progreso, no edificio actual da Deputación, así que imos progresando, en medios e en espazos culturais...