Caxigalines nella Reguera'l Campizu

18 aprile 2007

UN FRANCO, 14 PESETAS

Vimos en familia o outro día a película (promovida pola TVG e pola Xunta de Galicia e premio especial do público no Festival de Málaga) de Carlos Iglesias, Un franco, 14 pesetas. Falaranme ben dela e podo dicir que foi todo un descubrimento. Non é unha película redonda, pero o resultado final é dunha emotividade moi notable. Sobra dicir que as miñas fillas aínda hoxe seguen a falar da película. Trata a historia da emigración suiza, baseada na propia biografía do director, o coñecido actor, habitualmente en papeis cómicos, Carlos Iglesias. A visión da emigración pode parecer un chisco idílica, pero convén lembrar que é a percepción dun neno que volta aos doce anos a España despois de construir alí un mundo infantil, case sempre sometido a idealización. É probable que a emigración non fora así, pero o que era así era o mundo en España. O retrato da súa volta é, por forza, gris e poucas veces, por contraste, pode verse semellante expresión do cutre que resultaba aquel país dos setenta.

Os actores logran darlle un punto de tenrura á historia e contribúen, ao tempo dun guión sinxelo e cheo de humor amable, a intensificar a parte sentimental da narración. Sobresae o propio director, protagonista da película, que vai definindo a súa vis dramática co mesmo talento que sempre amosou para a cómica. Dos restantes papeis, hai que suliñar a Isabel Blanco nun papel no que demostra xa categoría interesante de actriz, que aproveita, ademáis, a súa condición extraordinaria de políglota, xa de vello na FFT coñecida por todos nós.

3 commenti:

moucho branco ha detto...

É a segunda recomendación cinematográfica en dous días que consegue interesarme de verdade... e agora como fago eu para actualizarme?... Vereina, non sei cando pero farei por vela.

Anonimo ha detto...

Aínda que o meu profesor dixo que a visión do lugar da emigración era moi idealizada eu penso que a distancia entre a España daqueles anos e Europa sí que estaba ben reflexada.
Personalmente sentinme identificada coa tristeza do neno
ó voltar ó país de "CÚENTAME"(por certo, eso sí que está idealizado)


INAUGURO O MEU BLOG.

Zerovacas ha detto...

É unha mágoa que ás veces moitas boas películas (e refírome ao cine español) pasen totalmente desapericibidas. Unha ou dúas semanas nos cinemas (e en poucas salas), mal promocionadas, e emitidas en televisión para encher algún oco na grella.

Seguramente detrás de todo isto están (entre outras cousas) o tipo de subvencións que se lle están outorgando ao cinema español. Axudas á produción, non á promoción ou á distribución. O que fai que realmente sexa rentable facer unha película (cuxos altos custes son pagados con subvencions+dereitos de emisión en tv) pero non proxectala nos cines (cada semana que está en cartel un filme "non-taquilleiro" perde cartos)

Afortunadamente "Un Franco..." si foi emitida nun bo horario. ¿Para que está La2, senón é para emitir este tipo de cousas para este tipo de público?