Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 settembre 2007

CEN DÍAS DE CABALLERO DOMÍNGUEZ


Cen días con Caballero (e Domínguez) é pouco tempo para avaliar, sobre todo se o feito se limita a ver como saen un día si e outro tamén ás palestras respectivas para explicarennos o que van facer coa cidade. Os atrís mercados para tal ocasión e os paneis do fondo, noviños do trinque, con predominio do azul celeste, están xa máis ca amortizados. O lustre dado a tales instrumentos de definición política estes días é formidable. Pero non só describiren as súas propostas, senón para marcar todos os días, sen falta, o seu territorio, ou o paquete, segundo demande a ocasión.

Foron días, sen dúbida, axitados, con tantas visitas de ministros, vicepresidentes, conselleiros, secretarios de estado, todos eles ausentes en datas anteriores por problemas de axenda e agora presentes, casi residentes en Vigo, gracias, por suposto e non faltaba máis, á intervención carismática do novo líder da cidade, como hoxe el mesmo lembraba, non sen antes desculpar a súa inmodestia (que como se sabe é a máis sutil das expresións da vanidade). Entre visita e visita, canapé a canapé foron exhibindo o novo poderío do powerpoint, das recreacións virtuais, das gráficas abraiantes, para perfilar esa cidade que moi cedo ha ser envexa de todas as civilizacións, con Universíada incluida (só con imaxinar o súor de todos eses once mil atletas xa me poño a tremer).

Das declaracións de Caballero por un lado e de Domínguez polo outro hoxe no Faro podemos extraer algunhas ensinanzas, todas elas moi nutritivas. En primeiro lugar, que Caballero é o alcalde que presumiamos: un home por riba da cidade, moi por riba, na cúspide da pirámide como o faraón olívico. Aínda que emprega a primeira persoa do plural como esixían aqueles cánones clericais para non pecar de soberbia, os seus comentarios falan del sempre en singular: "yo habría hecho", "no veo la ciudad que yo querría", "yo hago la ciudad". Esa teima de figurar a toda costa, aconsellado probablemente por asesores que tenden a pensar que o poder recae no alcalde e nada máis ca no alcalde, eclipsa o labor doutros concellais, na práctica desaparecidos ou deslumbrados polo fulgor ciclópeo do gran timonel. Ese resplandor que el mesmo se outorga afecta á outra parella do diunvirato: os manifestos conflictos co BNG son despachados por Caballero cunha displicencia que, lonxe de tranquilizar aos cidadáns, fai medrar a sospeita sobre a gravidade do desencontro. A normalidade que proclama no que a todas luces é unha loita constante por acaparar pantalla é desmentida na páxina seguinte do Faro polo teniente Domínguez que se encarga de denunciar a intromisión dos socialistas nas áreas da súa competencia. Domínguez prefire a colexiación do seu grupo e adoita presentarse con todo o equipo, con toda probabilidade para facer constar a homoxeneidade, o labor sólido do BNG fronte á veleidade aristocrática do líder do PSOE. Pero non sei eu se ese meditado concurrir agrupado diante da opinión pública non ha ser visto como debilidade última. En fin, que o show mediático continúa e a cidade mentres tanto supoño que sigue a funcionar porque non hai nada que faga supoñer o contrario. O mellor destes días, con diferencia, a negativa do director do Porto ao proxecto do náutico e o peor, que hai que pagarlle, cos nosos cartos, as ocurrencias megalómanas e elefantiásicas do protoalcalde ao insigne arquitecto.

1 commento:

R.R. ha detto...

Señor Arumes, estaba ben inspirado cando escribiu isto. Qué pouco tardan en vérselle "as rañas" a algunhas xentes, ¿non é? (Aínda que habería que decir que no caso do señor alcalde xa estaban máis que vistas nos seus tempos ministeriais aínda que, se cadra, esquecidas)

Un saúdo.