Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 settembre 2007

MEMORIA DA VIAXE


Gusto de viaxar de vacacións a Italia por varias razóns. A principal é porque me gusta de forma case visceral. A segunda polo clima, despois de probar viaxes a latitudes superiores á nosa (do hemisferio norte, of course) e acabar conxelado pola friaxe, como ano pasado na Rochela francesa, xa decidín trazar unha liña imaxinaria que seguindo a fronteira norte portuguesa enfía cara a oriente. Máis arriba desa liña teño prohibida calquera tentación para o verán, que eu concibo como estación para secar, como fan en Italia cos pomodorini e os funghi porcini.

Pero, a terceira, non menos importante, é a de escoitar outro idioma, outras voces; saber doutro país; recoñecer outros costumes (o costume alí é o traxe de baño); ver outras cores; e, por que non decilo, escapar de aquí por terra, mar e ar, durante un tempo prudencial. Así, relativizo completamente o día día do noso país. Cando volto, estou varios días comparando e, mentres comparo, esquezo esa voráxine que acado a media temporada cando a actualidade vai repicando todos os días con teimuda frecuencia. Cando un abandona o país, abandona tamén esa inmediatez, abandona non só os feitos que constitúen o noso pan cotián, senón tamén as reflexións constantes sobre os mesmos. Desaparece, durante os días que duran as vacacións, a propia idea de país. Como non hai noticias dél, agás os partes meteorolóxicos nos mapas extendidos dos xornais, non existe. E sólo existe o país no que vives e acabas mimetizando todo ata o punto de que acabas dun italián subido, cos engadidos capilares propios daquel país. Todo con tal de esquecer como sexa e durante todo o tempo o que aquí sucede. E claro que o consigues, porque compras todos os días o xornal querido, todas as revistas, falas cos veciños e preguntas a todas horas, e, por riba, como che deixan unha macchina italiana, fas que es italián e adiantas nas raias continuas e aparcas en lugares prohibidos; non respectas as colas; corres para coller o sitio; colocas a túa sombrilla a carón doutro; tomas un xeado coa mesma eficacia do que o leva no adn; compras un speedo para fachendear de bandulliño metido para dentro sen respirar; escoitas a radio que invita ás discotecas de nomes sempre españois (La movida ou La corrida) ou hispanoamericáns (La piragua, L'amaca); ves na RAI ese eterno programa de variedades con eses belezóns italiáns que parecen quitados dunha factoría en pezas de dúas, unha loira outra morena, sempre acompañadas do galán vestido de forma imposible (rosa ciclamino ou amarelo canario) ou do vello presentador que mide medio metro menos ca elas. Todo, mentres respiras ese ar seco, cálido, a terra bruciata, de volta para casa, co bañador mollado, as fiestriñas do coche abertas, e os ollos incapaces de resistir o brillo do sol espellándose sobre o mar azzurro. E a mímese é completa.

E entón, chegas un día; baixas do avión e compras o primeiro xornal e descubres que nada aconteceu, que a liga está a piques de comezar, que está todo dios de vacacións e que contratan os xornais a uns supostos graciosillos para facer o que eles chaman páxinas de verán, nun exercicio de rebaixas literarias ao que estamos demasiado afeitos. Descubres que todo segue máis ou menos no mesmo lugar, ás veces demasiado inmóvil, pero aceptas a situación cunha naturalidade insólita. Pero, a nostalxia daqueles días mentres o teu país non era máis cunha forma no mapa, nin siquera distinta doutras que levaban un paraugas por riba, é poderosa e sirve para ir amortiguando as pequenísimas pero constantes pingas da actualidade no novo país que é o teu vello país de sempre.

4 commenti:

Lula Fortune ha detto...

Canta razón ten, Arumes. Marchar de cando en vez é un exercicio de hixiene mental moi necesario. Por certo, a próxima vez avise e podemos quedar para tomar un capuccino nesa terra que tanto lle/me/nos gosta.Un saúdo :)

Zerovacas ha detto...

Ademais, cando estás noutro país, parece que as vacacións renden máis. Debe ser o feito de estar totalmente alleo á actualidade, ter o móbil noutro país... É bo illarse de cando en cando

Anonimo ha detto...

Señor Arume: Como trace a liña seguindo o paralelo que pasa pola fronteira norte de Portugal,esquézase de voltar á súa querida Toscana.

Anonimo ha detto...

Lula: a algo máis ca un capuccino pode ser?
Zerovacas: aillarse ou, no meu caso, enzoufarse na vida doutro país para ocultar a nosa e descubrir que non estamos mal nunhas cousas e que noutras convén mellorar. E, en xeral, que en todos os lugares cocen fabas e só en Asturies remata en fabada.
Moita razón ten, amigo anónimo. Pero, como é imaxinaria, fágoa pasar polos alpes como os elefantes de Aníbal. A Toscana eu quero ir vivir, non a pasar unhas vacacións.