Estes días, entregado á febril organización dun curso de verán, tiven a oportunidade de rencontrar vellas amizades, remedar as tortas por mor dalgún penoso malentendido e cobrar algunha nova. E, por suposto, puiden aprender, e moito, dos meus colegas que sempre están tan alerta ás novidades. Libros recomendados aparte, que xa levo anotados no lombo, discusións fértiles sobre a construcción e reconstrucción do canon, sobre a voz e as lecturas femininas, sobre xéneros, subxéneros e demáis familia, o curso puxo de manifesto a importancia crecente dos soportes informáticos e a crise de mentalidade que supón esta fiestra infinita no seo da investigación literaria. Firmes partidarios da dixitalización de todo ou de case todo, os investigadores enfréntanse á paulatina desaparición do formato papel para a divulgación das súas pesquisas. Con todo o que esto supón de desconfianza, incredulidade e ás veces nostalxia invencible. Estudantes alí congregadas (mulleres, sempre mulleres) apuraban o vello tópico do tacto do libro para reparar a posible perda. Profesores crían aínda na simultaneidade dos formatos. Outros, sen embargo, sen prexuizos nen lamentos, corrían raudos a anunciar a boa nova. O certo é que, nas pantallas das presentacións feitas, o fenómeno do dixital semella imparable. Atentos, pois, estamos á que caia, que xa comeza a ser abundante e case inabarcable.
Mentres tanto, paseen, pois, por estas páxinas: unha, de A Coruña, de emblemas, relacións de sucesos e polianteas; e outra, un extraordinario portal de Valencia, do que teño falado noutras ocasións, que é un auténtico festín para os que, coma mín, padecemos o morbo de pasar horas vendo textos e imaxes doutras épocas. Aproveiten para entrar para quedar abraiados. Coma mín.
1 commento:
Presentáronse datos, Sr. Arume, nese curso de verán que sosteñan o terrible vaticinio para os libreiros da desaparición do papel impreso?
Non será todo isto unha campaña dun grupo fundamentalista de defensa das masas forestáis?
Por certo pásese polo blog do amigo Ruibal, que ten un post na liña do seu.
Posta un commento