Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 aprile 2009

GRAN TORINO DE EASTWOOD


Despois de ir ver O intercambio, non tiña moitas ganas de mirar Gran Torino. Vencín os receos e fun unha tarde de domingo ao cinema, por certo, case baleiro e iso que o reclamo era Eastwood (isto das salas morre). 
A película ofrece a producción impecable dun clásico do cinema, cunha banda sonora eficaz, a base de taraceas instrumentais da canción que o propio Clint Eastwood interpreta contra o final da película, e un ritmo narrativo sostido, sen apenas sobresaltos con movementos de cámara máis ou menos regulamentarios. A interpretación de Eastwood non defrauda, pero unha excesiva presencia das súas enrugas en primeiro plano, cuns leves movementos de labios ou de pálpebras para amosar desgusto, resultan demasiada chiscadela para incondiconiais.
Pero non está nesta interpretación contidamente compracente a principal tacha da película, a anos luz das cartas de iwo jima, por poñer un exemplo recente. As primeiras esceas, nas que se presenta o personaxe, suliñan con rotulador fosforescente as trazas do seu carácter, coas valoracións dos fillos (de opereta e dunha planicie insólita para un guionista da súa experiencia), cos acenos multiplicados de irritación do personaxe e, sobre todo, coas palabras do propio Kalt Kowalski pronunciadas para ser escoitadas polos espectadores. Clint Eastwood fala en voz alta, suponse como rasgo da súa persoalidade irascible, pero ao final resulta un exemplo antolóxico (eu creo que único nestes últimos tempos e digno de estudio) de aparte dramático nunha película desta categoría. Non estaría mal en principio, se non repetise verbalmente o que estamos a contemplar a partir do seu careto descomposto. Ese suliñado verbal toma aos espectadores por parvos, o que, ao meu xuízo, compromete mesmo o rigor narrativo da historia. 
O argumento, por outra banda, non pode presentar unha trama máis mecánica: o personaxe vive só, despois de enviuvar: os fillos, que representan con trazos grosos a individualidade extrema e o americano desexo de acumular cartos e exhibir luxos superfluos, non sinten un aprezo sinceiro polo pai. Ao lado da súa casa instálase unha familia de inmigrantes orientais que, guiado polos seus principios entre racistas e misántropos, parece incomodalo. Pero estas persoas, a diferencia dos seus seres (pouco) queridos, viven en armonía colectiva, case tribal; gardan con celo (o que semella motivo de envexa) os seus costumes, os seus ritos: conservan, en fin, a súa identidade cultural, racial e relixiosa, aínda que por momentos a ollada do director poida proporcionar algunha nota un tanto ridiculizante. Fronte a esta modélica estructura familiar, a vida solitaria do protagonista (enfatizada con planos nos que bebe varias cervezas acompañado polo seu can leal no medio da penumbra da súa casa) simboliza o fracaso da familia americana: abandonado polos seus fillos, que chaman de cando en vez por algunha impertinencia, Kowalski atopa nos máis novos da familia de descoñecidos o verdadeiro sentimento de pai. O argumento, visto desta maneira, non pode resultar máis simple, no seu contraste tan obvio.
Esta proposta se complementa coa presencia da relixión como elemento subsidiario que outorga unha dimensión espiritual á resolución da historia. O personaxe do americano de orixe polonesa Kowalski, veterano da guerra de Corea, descrido por mor dun pasado que ignoramos e que enfraqueceu a súa confianza na igrexa, pronuncia unha invectiva radical contra o sacerdote que trata de aliviar a perda da súa muller; sen embargo, nunha gradación moi subtil pero tamén demasiado evidente, o personaxe vai virando a súa percepción do mundo cara unha especie de salvación a través do concurso propio da compasión e da piedade, misturado cos clásicos conceptos do discurso político cristiano do perdón e, ao seu carón en dialéctica pugna, da vinganza. [A partir de aquí, conto algo do final: aviso]
As imaxes finais do protagonista abatido polas balas, deitado no chan cos brazos extendidos nunha para min clara simboloxía cristiana (o sangue que sae da palma da man é palmario), falan dun home (cun pasado terrible que non desvela, pero que se advirte na ollada ao lonxe que deixa na súa conversa co cura) que se inmola, que camiña cara a morte co propósito de redimir aos seus semellantes. Seguro que se poden achegar outras imaxes ou esceas de semellante calibre, con maior ou menor carga simbólica, pero non cabe dúbida de que Gran Torino ofrece unha lectura redentora (Christwood) do personaxe protagonista. 
As caracterizacións lidas de película crepuscular (o adxectivo que máis se repite coas últimas películas de Eastwood, desde xa hai case quince anos) non me cadran a min nesta historia de glorificación do martirio, da victoria redentora da morte, apoiada nunha base ideolóxica conservadora, na que familia, igrexa ou traballo (tamén penitente) parecen poder salvar á humanidade. Non fai falta dicir que non concedo a Eastwood a responsabilidade de tal pensamento: pero si á narración autónoma desta película de perfiles reaccionarios. 
Espero que Eastwood nos agasalle con outra película máis interesante ca esta nos vindeiros anos. Polo de agora, conformémonos con escoitar con certo agrado a melancónica balada que Jamie Collum interpreta. 

4 commenti:

Trebi ha detto...

Penso que acerta na crítica da película.Tanto O intercambio,vistas as duas estos dias,como G. Torino ,non son do mellor do último Eastwood...peso que teñen poso do pasado.
De todos modos ,o cine que podemos ver de interes en cantidade e ben pouco.
Grazas por dedicar o seu tempo en diseccionar tan ben unha película ..quiza demasiado ensalzada.

Turmano ha detto...

O mellor da peli é Clint Eastwood, sen dúbida. O peor o cura, que en vez de levar unhas hostias por chamalo Walt inda acaba levando a razón. A historia é frouxa, e pouco queda dela salvo a sensación de que o mundo está moi jodido. Ás veces parece un chiste: van un polaco, un italiano, un irlándes e un hmon...
Pero bueno, cando Clint se pon en plan Sargento de hierro non se pode negar que a peli é entretida.

arume dos piñeiros ha detto...

Moitas gracias, amigo Trebi. E vostede, querido Turmano, complementa, co que eu tamén pensaba sobre o cura, a miña idea sobre a película.
Por certo: vostede non cre que para tomar tantas cervexas (sen probar tapa nin pincho e ademáis en soedade) o Clint anda demasiado sobrio?

Turmano ha detto...

Sorprendeume, si. Non a capacidade de resistencia (tampouco eran tantas), senón que bebera só tal cantidade. Eu sonlle bebedor social e non lle entendo á xente que bebe sóa nin unha cervexa. Por sede? Vale. Pero 10 ou 12 cervexas paréceme moita sede. E se nin quitan a sede nin te emborrachan, para qué coño bebe ese home todo ese alcohol? Por deporte? Eu pensei que tal vez foran sen alcohol. É unha incongruencia.
Tamén é incongruente que o cura pida de por si no bar unha cocacola lait e que cando o outro o anima pida un llintoni, directamente. Dá a impresión de que o cura é un hipócrita de carallo: pide un refresco diante dos parroquianos pero está afeito aos espirituosos de barra americana.
O cura: é noxento. Non sei como non lle descarga o rifle xa a primeira vez.