Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 aprile 2009

MALOS TEMPOS PARA A LINGUA GALEGA


Non son eu un militante da causa do galego co nivel e intensidade doutros moitos autores do blogomillo. Digamos que de forma implícita a blogoleira é unha inmensa apoloxía do galego. Gústame pensar que contribúo a esa maré diaria de palabras escritas no idioma de Galicia pero escribo en galego á ferreirán: porque me peta. Dígoo porque poderán comprobar que poucas veces aparece o propio idioma como materia de reflexión: entendo que o meu emprego fala de forma elocuente.
Se escribo hoxe é porque entendo que as campañas de deslexitimación da política lingüística galega dos últimos decenios, baseada nunha aceptada descriminación positiva cara o galego, seguen cos amplificadores encesos. Quero dicir que calquera que se aproxime a ese micrófono aberto instalado en certas cabeceiras xornalísticas, tanto en prensa como en páxinas web, radios ou televisión, coa idea de denigrar calquera das outras linguas de España/Estado español ten o éxito asegurado e a tribuna perfectamente preparada. 
En principio, os que se acercaban propagaban a idea dunha lingua común, extendida de forma obrigatoria por todos os lugares gobernados pola constitución de 1978. Con tal propósito achegaban constantes denuncias persoais de calquera situación de desamparo legal ou práctico de hispanofalantes no territorio español. A defensa da lingua central era inexcusable coa apelación constante á constitución e á palabra fetiche da liberdade de escolla para emprender a tarefa. O éxito da empresa está, ao meu xuízo, fóra de toda dúbida. A próxima derrogación do decreto 124/2007 é un dos seus bens castrenses, exhibido co mesmo aceno elegante có dos vencedores contra o Xetafe. 
A victoria non é suficiente e, por iso, recrutan a supostos peritos en filoloxías para que reciten con caótica amalgama as ocorrencias de charletas de bar (por outro lado, en si mesmas un patrimonio a conservar, pero fóra delas un perigo público) que un leva escoitando toda a vida sobre o galego. Non contentos con amosar a potencia do castelán, idioma que eu emprego na meirande parte do tempo, e a necesidade de que iste ocupe o lugar central que as leis lle adxudican, adícanse agora a sustentar que o galego (o escrito, aínda que non sei se inclúen o falado) é un híbrido informe de falas (sic, conservadas polo aillamento do país poboado ademáis por analfabetos) inventado polas elites culturais, unha especie de neolingua (artificiosa) composta de arrimos (arbitrarios) do portugués e de ultracorreccións (tamén veleidosas) das formas máis chocalleiras. Xa escribilo costa, dado o rigor cretácico do asunto. Pero ben pode pasar que o experto (que cita a Saussure: perdónao, Ferdinando) latara a clase o día que explicaron o carácter convencional das linguas, en especial da escrita: ou sexa a primeira lección (que todo o mundo parece non querer nunca aprender) conveniente sobre as linguas do mundo. Pero desa consideración (froito dunha formación xibarizada en historia da lingua), os non expertos tiran a perversa conclusión de que as neolinguas son falsas linguas ou nonlinguas e daí á idea de que non existen máis ca na virtualidade da escrita (o neogalego, din) non hai máis ca un paso. E este comeza a ser dado. 
Os amplificadores, cos samplers habituais e coa cadencia do hiphop cópico e mundicio, fan o resto. Voltamos a estadios da discusión lingüística precientíficos, formulados coa clásica ousadía do tertulián do carrusel deportivo. Pero a diferencia é que agora, cos altoparlantes ubicados por toda a sala, chan e teito incluídos, o sensurround decibélico (bélico, bélico) abafa ao ouvinte, que remata por aceptar gustoso que o que fala non serve, que non se escoita, que non vale, que non é.   
A cousa está (moi) jodida, pero pode estar aínda pior.   

6 commenti:

Danilo ha detto...

Acertada a foto. O idioma é unha gran sala X. Eu levo anos receitando Mal de Linguas, de Jesus? Tusón ante calquera precientifismo nisto das defensas dos idiomas. Esa lectura debería estar presente en todos os fogares como exemplo de respecto polos idiomas (calquera). Pero aínda haberá quen o lea e o interprete como lle conveña

Beluka ha detto...

Na mesma liña levo eu pensando todo o día se contestarlles a certos "polbistas"... I eu que atopei en cinco minutiños a etimoloxía das verbas polas que discutían e lle vexo toda a lóxica... Toda a lóxica que teñen as linguas todas. Porque, para evitar falar con tanto vulgarismo de analfabetos, ben podíamos estar todos a darlle ao latín.
Co fácil que é respectar...

Mario ha detto...

Home, claro que pode estar peor, pero non creo que se atrevan a buscarnos casa por casa polo menos até a próxima lexislatura.

cãosemdono ha detto...

Se queren guerra, hána ter.

lobo neghro ha detto...

"La guerre de Troie aura lieu".

Estades no certo.

Estos Troianos son sectarios e aghresivos, incluso violentos.

"Aux armes citoyens!.

balonga ha detto...

Retribuolle a súa escolla dun xeito voluntario da lingua galega, compatibel con calquera outra. Non é pouco o que fai.
Boandanza.