A miña pulsión coñecida como síndrome da naidapantoja fíxome recorrer onte media Galicia pola navallada na nosa terra para ver in person a entrega do III Premio de Teatro Radiofónico convocado pola Radio Galega, que, por un casual feliz, recibían o amigo Rubén Ruibal e o irmán na fe dylaniana Cesar Candelas. Non vou negar que arelaba ver como dadora a Ánxela Bugallo, non por min, senón por mirar o careto ansioso de ámbolos dous premiados, confesos admiradores da fermosura feminina en especial de moi perto. Non puido ser, pero a cambio asistín a unha áxil posta en escea dun programa de radio que á súa vez poñía en escea unha escolma de fragmentos das obras gañadoras.
Os presentadores da Radio Galega, cun guión milimétrico e cunha profisionalidade extraordinaria, foron presentando aos actores (non había actrices) e ao grupo Aló Django que ofreceu tres estándars de agradecida memoria. Polo programa pasaron en primeiro lugar a directora do Centro Dramático Galego e despois as autoras (Paula Carballeira e Eva Freixeira) finalistas. Xunto a elas sentou Bragado, quen falou da situación marxinal da literatura dramática no contexto da literatura galega (aquí vale calquera outra) e dentro, á súa vez, da edición do libro galego, sen deixar de amosar o seu orgullo persoal por apostar por este tipo de literatura. A experiencia, que el mesmo lembrou, de ter entre os autores da súa editorial ao premio nacional de literatura dramática non é cousa moi fácil de esquecer.
O ritmo do acto era óptimo, se cadra pautado polas versións amalgamada e deconstruídas de Ollos negros o de Quen será do grupo. Pero faltaba a entrada dos dous monstros da entrevista, dous verdadeiros perigos para a radio pública. Aínda que un coñece, máis ou menos, a espida desenvoltura (que salerosu ye!, escoitei ao meu lado) dos familiares e adiviña a xocunda fasquía do vendaval ruibal, non imaxinaba eu que me ía eu rir tanto coas saídas de ámbolos dous premiados. Cunha falta da digamos contención pactada dunha entrevista desta natureza, ámbolosdous tiraron de ironía e humor para entreter ao pouco respectado público. Tras as súas palabras, chegou a breve representación da historia de Peter Buckley, entre lectura dramatizada ou representación auxiliada con papeis. A obra, ao meu xuízo e a pesar do magnífico traballo dos actores, gaña no texto, xa que anotacións ou referencias culturais melloran, sen dúbida, a alixeirada resolución dramática. E para mostra o elenco de personaxe nun dramatis personae pleno de ironía:
Como sabemos que as bases son as bases e están para se cumprir, aí a vai, a xeito de homenaxe, unha sumaria descrición dos personaxes todos, os mudos e os que falan, desta peza para cinco actores. Pero é bo que deles se fale, dos secundarios e mesmo dos figurantes, porque na desgracia que se conta é necesaria a participación de todos.
- FURACÁN, bautizado cristiá e irlandesamente PETER BUCKLEY, ou iso se supón. Hai quen defende que o seu nome é PETER BIZARRO e mesmo quen defende a tese de LOU BUCKLEY. En todo caso, FURACÁN, boxeador británico. E poñamos tamén que “Peter” polo facilísimo xogo de palabras entre o nome e as pedras. Abstractor de longo percorrido. Non é un fracasado.
- “GREY-HANDER” BLOODYFIELD, victorioso loitador de pel escura. Practicamente mudo, fala polos puños.
- MÍSTER DEUS, adestrador do FURACÁN. Faladoriño. Esencial.
- A MULLER DOS NÚMEROS, AS CURVAS, OS TACÓNS E OS AROMAS. Silenciosa. Non fala, nin falta que fai, pero aí está. Arrecende a bergamota e xasmíns, mesmo recén duchada. Tamen esencial.
- O GORDECHO DEPORTISTA DE SOFÁ, de profesión comentarista radiofónico, fillo de puta por vocación.
- WALLACE, O ÁRBITRO da paliza. De máis ben poucas pero certeiras palabras.
- ROSA, ESPOSA. Mandariqueira, aínda que fracase. Non fala, pero falan dela. Arrecende a herba fresca, amoras e leite quente, e todo iso sen que precise dunha ducha.
- O DOUTOR TONI GIN: A meirande ameaza para FURACÁN. Está na cantina, coma sempre.
- Espectadores, apostadores, xuíces de derrota, paxaros, gatos, cans, pegas, automóbiles.
O acto culminou coa entrega dos premios e coas apertas a xente amiga. Entre tanta voráxine nin siquera puiden dar conta das croquetas. Xaime (boísimo todo), Anxos (vista e non vista), Xesús (a quen coñecín onte e a quen debo conversa máis longa), César Dapena, Loli e Pincho (o amigo Fernando que xa non está era bó estudiante pero non estudiaba), Luna e os centoliños (cos seus camións e o seu ferrari) foron estrelas convidadas ao verdadeiro ágape de vérmonos felices.
Meus pais non cabían pola porta de gozo. O Cesarín (co primo que me visita) alí estaba. E nós con eles, coa emoción que remata irrefrenable en bágoas.
9 commenti:
Moitísimas gracias, meu. Cronicón mellor que o de Hidacio, afirmo.
Mágoa que non quedase á jam session oral de despois. O seu irmán na fe estaba disparado e creo que case todos botamos unhas boas e por veces moi interesantes risas. Botouse de menos unha autoridade como a súa para moderar os debates de xente tan dispar ;-)
Á señora conselleira botámola de menos onte... ¡e o que nos queda! O Ruibal non e ela non deben ser precisamente amigos, pero supoño que estará de acordo. Aínda que con esas neuronas obtusas, quen sabe.
O cabroncete de Turmano, por certo, puña cara de bo en escena mentres provocaba ó acompañante.
Pasámolo ben, claro. O rr e o cc estiveron moi ben, sobre todo cc, que mercara americana negra para a ocasión e que estaba guapísisimo.
Sei de boa tinta que se puxo así de guapo por se viñan a Bugallo (ou a Castaño e había que facer algo de cifras ou algo de letras). Nin unha nin outra. Tristérrima ausencia.
Mención especial para Eva e Paula, moi agarimosas e simpáticas en todo momento.
E a gran Loly, guapisisima tamén (os anos pasan para todos menos para ela).
En fin. Verémonos na próxima.
Chejei a este blog por casualidade, mentres buscaba a letra do hino galego. pero estou marabillado, abraiado. non sabía que en jalicia houbera tanta cultura. tanta finura inteletual. postrome aos vosos pes e aos dos outros dous mil setecentos blogs anonimos coma este que nos ensinan cal e o caminho correto. so lamento que xente tan preparada coma vostedes e os outros 2.669 guias da nosa cultura sexan tan modestos. deberan sair do anonimato xa polo ben das nosas letras. publicar neses periodicos tomados ao asalto polos colunistas caciques. ainda que tenhan que escribir en castelan e confesarse despois. xa o fan moitos, como dios e mais el pais mandan. non sería desdoro ninjun. hai que infiltrarse na puta prensa colonialista ou colonizada. bueno o que queria pedir e que poñan si fan favor a letra do hino galego. pidenma uns amigos alemans que se dedican a filoloxia. parabens polo blog.
Teutón, a mal sitio vas, este tipo que escribe eche asturiano, é un infiltrado. Do himno galego sabe a música que non sei se lles val os alemáns
Era mellor pasar, pero é que non o entendo. Se non che gusta, e non te invitaron, a carallo ves por aquí, Teutón? Deixa a xente en paz, ao seu rollo, e ti ao teu, amigo.
Bo! Turmano! Mira para diante!
Teutón, a xente esta escribe desde o "alcumimato" porque lle sae dos juevos, home, igualiño que a ti e a min.
Aí che vai un enlace á letra do himno :
Pero aquí non lle son moito de himnos, creo. Así que sospeito que ha de serlle mellor ir aquí Hala hala, que é xerundio.
Posta un commento