Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 febbraio 2010

UNHA HISTORIA QUE (NON) VOU CONTAR


Non o lera antes. Sabía apenas da súa existencia polas portadas dos libros e polos comentarios que de cando en vez xurdían na conversa. Pero nunca lera nada de Cid Cabido, antes ca proceder eu a lectura vertixinosa do seu último Unha historia que non vou a contar. Por iso, pido desculpas polo comentario exento desta novela, sen ter en consideración anteriores mostras da súa traxectoria. Tratarei de subsanar tal lagoa, sobre todo despois de ler esta que se devora en pouco tempo e tira do lector desde o principio ata o final.
Devórase porque, entre outras cousas, o narrador da historia e protagonista dela, de iniciais CC, proponse desde o comezo narrar con retranca a súas propias indagacións na procura de información sobre un asasinato ocorrido en Vigo en plenos setenta, xusto antes da morte de Franco. O libro narra o proceso previo á narración, e mesmo ao estado de calquera rascuño de texto. A narración dese ondulante e tatexante periplo constitúe a propia novela. O título, aínda que enganoso e paradoxal, remite a esa metaconstrucción narrativa, neste caso negada e discutida pero ao cabo resolta. Pode semellar algo innovadora esta proposta (non sei se a intermediación editorial pode levar a certo engano coa indicación dunha aposta novidosa), pero parece asentarse na esencia da teoría narrativa aristotélica que afirma a condición mentireira da literatura baixo a especie de verdade. A suspensión de calquera certidume coloca o punto final ao libro.  
O máis interesante da novela de CC, desde o meu punto de vista, é a súa vontade de non estilo: ou sexa unha sofisticada vontade de evitar estilo, malia o seu aparente desleixo o displicencia narradora. O relato desmañado (non sempre, por certo) ten achádegos sobresaíntes, pero non deixa de ser unha aposta artificiosa (moi gorentosa, xaora), por moito alonxamento que un procure do que se dá en chamar linguaxe poética. O humor na narración da propia vida (retranca que, tamén, por certo, vai remitindo a medida que vai avanzando a historia, en paralelo á disminución, por fortuna, creo eu, de anécdotas ou comentarios chistosos ocasionais e pouco relevantes) enriquece ese relato, como resultado da moi ben tratada distancia irónica que o narrador impón ao seu protagonista, un nugallán de comportamento errático, que, a pesar diso, ten un éxito notable entre as mulleres que habitualmente atopa nas barras dos bares. A presencia destas localizacións (ou directamente de locais, algúns deles moi queridos para este comentarista) nocturnos favorece un nivel de simpatía (ás veces empatía: non é o meu caso) entre o lector (e lectora) e o narrador (cun rol moi masculino, creo eu) que Cid Cabido crea.
A aventura pesquisidora do protagonista enlea (máis ca tece) os fíos da historia que se pretende (con pouco afán) contar. Esta -que ten que ver cun crime, algo escuro, propiciado por unha incerta combinación de ciumes ou de axuste de contas- aparece contada desde distintos puntos de vista, baixo a fórmula documental de entrevistas cos protagonistas máis próximos ao crime. As declaracións destes personaxes configuran boa parte do relato e constitúen, ao meu xuízo, o mellor da novela, cunha composición de diálogos moi fieis ao rexistros coloquiais (mesmo na súa demora ou na súa dispersión: se non fose por procura de fidelidade diría eu que semellan guións de Tarantino) e cheos de subtiles modulacións da verdade da historia. As contradiccións, as diferencias, as distintas perspectivas dunha mesma historia ofrecen ao lector a liberdade de elixir ou de recrear a historia que se supón verdadeira e que non é máis que a suma (incluso acoutada, xa que resultan inesgotables as posibles fontes) das varias visións sobre o mesmo feito. Unha suma, que, ao cabo, resulta insatisfactoria. Como non podía ser menos.
Pero a novela non queda na (non) aclaración do sucedido, senón que afonda no contexto histórico de crise previa ao final do franquismo, cos ecos de Reace e doutros escándalos financeiros e coa inevitable sensación de decadencia dun modo de dominar unha cidade. Así, Vigo constitúese nesta novela de CC nun protagonista máis, moi atractivo e propio dunha novela que se reclame plenamente contemporánea. Non vemos, como en tantas outras novelas, unha cidade telón, un mero esceario que outorga costumismo ou rango amable ao relato: CC prefire a análise da intrahistoria dun tempo e dunha sociedade xa rematados, non só a partir da voz do protagonista narrador, senón dos excursos perspicaces que as personaxes entrevistadas pronuncian a propósito dun detalle calquera da historia. A memoria deles é como unha cámara de Magar apostada nas casas ou nas pensións do Vigo de 1974. 
Para os que vivimos en Vigo, algunhas pequenas chiscadelas son moi de agradecer, pero para os que non viven aquí esta poderosa narración convida a pensar que hai en Vigo cidade para (grandes) novelas. Que hai moita cidade para narrar. E que CC soubo con este libro narrala, collendo un crime como pretexto, un ghicho algo perralleiro (non sei se é moi viguesa esta palabra como di CC) para lembrala e unha deliberadísima vontade de non estilo para poñela por escrito. 

Nota: se Salinger dá, aínda que sexa un pouco, en Vargas, arrasa nas librerías.  

11 commenti:

Ana Bande ha detto...

mmmmmmm....vou ver agora mesmo se é certo todo o que di mestre. Bicazo e parabenazo por luxazo de crítica, o que sabe, sabe, si señor.

Ana Bande ha detto...

oes, pásama que non a teño na bfft.

folerpa ha detto...

Abofé que está xa é unha das mellores novelas deste ano e quizabes a 1ª gran novela Viguesa.
Tírese de cabeza xa sobre o Grupo Abeliano, unha obra mestra.

Trebi ha detto...

Mañá...a por "Unha historia...".
Nestes dias ando a Ler o 50% 50%.
ARUME:Moitas gracias por o seu:ANIMO!.
Confío podelo chamar a Baiona, co comun Amigo QUINTANA(Non BNG),para pasado o pesadelo Celebrar.
Saudo dende Ourense

Paseante ha detto...

Como Folerpa, eu tamén o invito a que busque canto antes "Grupo abeliano", unha novela excepcional. Agora que o penso, tampouco sería mala idea suxerirlla ao Conselleiro de Cultura. Total, nin tan sequera tería que mercalo: ten os andeis ateigados cos libros que merca a Consellería!

erre erre erre ha detto...

A min o que me pasou foi que a sensación de que o globo ía inchando chegoume ata a metade da novela. Logo foi un desinflarse sen forza e case sen ruído, como moi esperable. Aínda así, remateina case dun tirón (ás dúas da mañá, se cadra é todo un dato favorable vindo de quen adoita ir durmir coas galiñas) pero coa sensación de ter pasado xa por eses camiños, de estar relendo. Pareceume certo o último parágrafo da novela...

Aínda así, como son Cidcabidiano confeso, probablemente a miña decepción é culpa das altas expectativas. E, aínda que seguro que ó autor lle amola, eu tamén lle recomendo "Grupo Abeliano". E confeso que agora mesmo empezarei a ler "Panificadora", que era a que me faltaba por ler.

Por outra parte, non acabo de entender moi ben ese "debate" sobre ficción-non ficción nesta novela; paréceme unha marujada de márquetin culturetas. Claro que tamén pode ser por causa de que eu inclúo no apartado ficción á historia e, por suposto, á prensa diaria...

Saúde!

arume dos piñeiros ha detto...

Pois, nesto último eu levei unha sorpresa, que para nada muda a miña opinión sobre o que ao vostede tamén lle parece superfluo, cando falei co autor do libro o día en que o coñecín. Díxome que todo fora verdade, que todo o que se conta é tal e como foi el descubrindo. Insistiu no de non fiction. Ou sexa, que non é márketin.
Aínda así, a min dame igual. Eu non o creo e, xaora, coma vostede, non o vin. E iso que non pensaba nos termos en que pensa vostede sobre a ficción dos xornais. Se os engado, xa é fiction fiction.

R.R. ha detto...

Pois se é certo que pistoneou coas dúas haberá que respectar o de que non é fiction, xD

Pero para min, será por vivir preto da Coru, o libro fedeume a ficción. E, en todo caso, tamén teño ganas de discutir e afirmo rotundamente que é ficción aínda que só sexa por levar a contraria Porque... ¿é que o feito de ser non ficción fai que a historia sexa menos novela? (por exemplo).

R.R. ha detto...

Ademais, chamándose CC o narrador/relator/cronista eu en quen penso como autor é no historiador desenmascarado baixo o alcume de DlH61, que seguro que afirmaría que a Historia é ficción. E a prensa diaria, insisto... Iso é ficción da trampona, ademais.

Don Arumes, discútame.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Síntoo, pero non discuto. Ten vostede toda a razón e aínda máis se a houber. É unha novela é unha novela. Ficción pura. Xa llo dixen eu a el. Que por moito que mo diga de ficción non baixa.
Claro que se ten que presumir de grande actividade motora entre pernas, pois, nada, non fiction al canto. Que para iso non doen prendas e por un amigo, aínda que sexa recente, se xura e se perxura. Todo verdade.
;))

R.R. ha detto...

Bueeeno... O caso é que, con críticas e todo, papeina con gusto.