Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 marzo 2010

NAS MESMAS


Cotexo con algo de atención o novo borrador do decreto coas anteriores bases. E percibo o seguinte:
1. Eliminación de todo o referido ás linguas estranxeiras, que ocupan capítulo aparte. Deixa a redacción algo máis clara, pero a intención nese aspecto moito máis inconcreta.
2. Eliminación da referencia ao modelo de inmersión. Manteñen a idea do modelo de conxunción de linguas, pero quitan mesmo a referencia ás crítica do Consello Consultivo ao anterior decreto.
3. Nesa mesma liña, eliminan do preámbulo os xuízos sobre o decreto anterior. Ao mellor prefiren non litigar co pasado.
4. Cambian, no epígrafe de lingua administrativa, a fórmula "promoverase a utilización" por "utilizarase". Parece máis conminatoria.
5. Engaden un capítulo íntegro sobre principios, que ben pode ir no preámbulo e que resulta redundante.
6. Eliminan, no artigo sobre a necesidade de incorporar material didáctico en formación profisional, aquela expresión xa criticada neste blog do "vocabulario específico do galego" por "vocabulario específico das dúas linguas". Unha modificación técnica, pero que a min me fixera gracia polo significativo.
7. Engaden unha frase no artigo da lingua que debe empregar o alumnado na clase: "procurarase que utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo". Téñoa como máxima concesión.
8. Deciden o reparto das materias troncais en lugar de deixarlle tal resolución aos pais/nais, con esa clausuliña que outorga capacidade de mudanza a posteriori. Cortaron polo san ao notar demasiado dilettante a consulta paterna.
Do resto, poucos ou ningún cambio. Eu creo que en substancia estamos no mesmo decreto de hai meses, con pequenos retoques, resultado da comprobación empírica de que son difíciles ou imposibles de levar cun mínimo de garantía ás aulas.

Unha cuestión queda sen comprender plenamente: por que na primeirísima frase das Bases aparecía "A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural" e agora no borrador aparece "As linguas constitúen un elemento básico de identidade cultural". Hai libro de agasallo para as respostas máis enxeñosas (non as máis convincentes).

3 commenti:

Confusion ha detto...

Explicación 1: nas bases orixinais tiñan escrito "La lengua constituye un elemento básico de identidad cultural" e no borrador puxeron "Las lenguas constituyen un elemento básico de identidad cultural". Pasaron todo polo tradutor automático bilingüe español-xunteiro e ai temos o resultado.

Confusión ha detto...

Explicación 2: porque Galicia es bilingüe.

Balonga ha detto...

Os dous eses e mailo n que engaden, reflicten o queixume da lingua dun xeito subliminar, e foron collidos destos versos:
Se me matan, ben.
Se vivo, mellor.