Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 settembre 2011

BASSANI INESGOTABLE


Para Detective Crepuscular, para Álex Alonso, dous ilustres bassanianos 
Per l'estate con Lula Fortune

Resulta estraña a fixación de Bassani pola actitude de certos xudeus de Ferrara que abrazaran na primeira hora o fascismo. Nos seus relatos moitas veces (case sempre) aparece narrada a marcha a Roma de outubro de 1922. Nalgúns casos como telón de fondo explicativo dalgunha historia (como a da Una notte del '43); na meirande parte como fito histórico relevante no que participan protagonistas das historias narradas. A obtención por parte de nomeados xudeus da burguesía media ferraresa do propio carné do Partito Nazionale Fascista (entregado motu proprio polas propias xerarquías do partido en atención ao seu prestixio e á súa actividade militante) así como a asistencia deles a actos programados polo fascio nos primeiros anos do governo mussoliniano (a chamada E.F.: Era Fascista) son tamén feitos que Bassani incorpora nos seus relatos para definir a esa burguesía xudea inconsciente do que lle agarda. Bassani coloca nese momento histórico o foco da súa atención, con todas as contradicións abertas de forma radical. Sen condescendencia, sen axuste tampouco de contas, coloca a voz narrativa nun punto de certa impasibilidade moral, máis atractiva e enriquecedora por canto os protagonistas que contan a súa historia manteñen cos feitos unha relación sentimental e política. Estes viven o lento, o diario proceso de ostracismo e marxinación dos xudeus, a prohibición de estudiar nas escolas, de utilizar a Biblioteca Comunale, de participar nos torneos de tenis da cidade. Desa maneira íntima, Bassani narra todo un periodo da historia de Italia. 
Cando as leis raciais son promulgadas, ese proceso que foi substanciando en pequenos detalles domésticos cobra as dimensións do certidume terrible e inaprazable. As historias de Bassani, porén, non van moito máis aló. Sempre paran aí. Bassani elixe a elipse dese momento cruento, dado por demasiado suposto. Prefire, logo, os melancólicos epílogos: o enterro de Clelia Trotti, rodeado das heroicas mulleres antifascistas, a chegada de Geo Josz tras o horror de Buchenwald cando comproba que o seu propio nome figura no elenco de xudeus asasinados na placa da sinagoga de via Mazzini, as placas dos fusilados ao pe do foso do castelo, o gabinete do honorable socialista que durante o fascismo non foi siquera molestado polo réxime, as ruinas de Tarquinia perto de Roma onde arranca a historia dos Finzi-Contini. Bassani pretende dar conta da complexidade daquel mundo oprimente (este italianismo por opresivo) nas vidas cotiás de personaxes tamén contradictorios, ricos na súa aprendizaxe e no seu contacto dialéctico cos demais. Desde este punto de vista, poucas narracións acadan o nivel de subtileza interpretativa dun tempo como as de Bassani. 
Na conversa entre Bruno Lattes e Clelia Trotti, o primeiro recrimina á vella loitadora socialista, recluida na casa da súa propia irmá fascista (outra desas singularidades complexas da súa literatura), que afirme que os xudeus eran todos fascistas: 
"[Nós, os xudeus] eramos case todos comerciantes, do miudo e ao por maior, profesionais varios, propietarios de terra, e así que, segundo di vostede, case todos fascistas. Á forza. Vostede non pode imaxinar cantos son entre nós os ardentes patriotas.  
-Quere dicir os nacionalistas?, corrixiu xentilmente Clelia Trotti. 
-Chámeos como queira. Meu pai, por exemplo, foi loitar ao Carso de voluntario. No 19, de volta do fronte, atopouse na estrada cunha manifestación de obreiros que, mirándoo vestido de oficial, cubrirono literalmente de esputos. Hoxe, créame, fascista non é, a pesar de que fora precisamente o seu carné do 1922 o que lle valera agora a discriminación (...)". 
A resposta de Clelia Trotti ben vale para o propio Bassani: 
"Esto que vostede di paréceme moi natural", pronunciou con voz calma Clelia Trotti. "Vostede explícase á perfección".

3 commenti:

detective crepuscular ha detto...

Que para que serven os blogs? Pois, por exemplo, para que eu fose hoxe á mañá ao Mercat de Sant Antoni (agora situado no carrer Urgell por cousa das obras de reforma e mellora do antigo) en misión de busca e captura dalgún libro de Bassani, seguindo as ordes telepáticas de don Arumes (home non). Fun a tiro fixo a unha das paradas que desde hai tempo amorea volumes e mais volumes das vellas Barral Editores e Guadarrama a 1€ o exemplar, e alí estaban esperando por nós LIDA MANTOVANI Y OTRAS HISTORIAS DE FERRARA (LE STORIE FERRARESI,1971 e LOS ANTEOJOS DE ORO (GLI OCCHIALI D´ORO, 1972), as duas en Barral Editores e traducidas por Sergio Pitol, que vostede, don Arumes, ben seguro que coñecerá ao dedillo. Aínda que na contraportada da primeira dise que reune cinco contos, logo dentro só veñen cuatro (LIDA MANTOVANI, EL PASEO ANTES DE LA CENA, UNA LÁPIDA EN LA CALLE MAZZINI E LOS ÚLTIMOS AÑOS DE CLELIA TROTTI). IL GIARDINO DEI FINZI-CONTINI (como se un servidor soubese italiano) e algún outro dos publicados en LA NOVELA DE FERRARA (que son 6 e non 5) tamén están publicados por separado en Barral Editores, supoño que traducidos tamén por Sergio Pitol, un escritor de garantía. Xa sabe, don Arumes, ten o Mercat de Sant Antoni ao seu dispor.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Canto agradezo as súas palabras! Pero voulle pedir o favor de que me conte aquí que lle pareceron eses óculos de ouro bassanianos.
Que grande o Mercat de sant Antoni! 2 euros por toda unha literatura!! Que van facer aí agora? Manterán ese espazo único?

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

É complexo o asunto. Vexamos:
Primeiro escribe eses relatos titulados Cinque storie ferraresi. Logo escribe Gli Occhiali d'oro (traducir occhiali por anteojos só pode ser dun hispano/latinoamericano). E despois Il giardino dei Finzi-Contini. Máis adiante recopílaos no Il romanzo di Ferrara: os cinco primeiros baixo o título de Dentro le mura (Intramuros) e ás sete obras anteriores engade outras tres máis antes publicadas: L'airone (A garza), Dietro la porta (Tras da porta) e L'odore del fieno (O arrecendo do feno). Hei darlle a estas tres axiña, aínda que desta vez sae dos muros de Ferrara para achegarse ao Po, ese río que tantas películas filmaron: Ossessione, Paisà, Novecento eu que sei.
Por certo, hai unha película recente, que non vin, con Rupert Everett e Philippe Noiret de protagonistas, baseada nos Óculos de ouro. Tratarei de vela. Da de De Sica sobre o giardino non podo dicir nada, porque está demasiado vista. Rodada, iso si, no bellísimo Parco Massari, un exemplo de parque británico dentro dos muros da cidade, que, tamén, por certo, ten un cinto verde (duns cincuenta ou cen metros de anchura) arredor da muralla que xa quixera Lugo (esto é para provocar aos meus amigos/as lugueses).