Escoito pouco a radio: tan só no coche e menos do que me gustaría. Ao día digamos que non escoito a radio máis de corenta minutos. Sempre Radio 5, coma xa saben. Que ao principio era só noticias e unha sección que se repetía ao longo da xornada, nos tramos de cuarto de hora que máis ou menos quedaban entre recordatorio das noticias. Pero agora levan un magacín pola mañán ("La mañana en vivo") e desde primeira hora Juan Ramón Lucas (da casa matriz de Radio Nacional) presenta o seu programa "En días como hoy". A súa ronda de corresponsais (que queda na radio pública desde que o levara aquel falanxista de voz cascada que se chamaba Victoriano Fernández-Asís: teño debilidade por Dori Toribio de Nova Iork e Washington, Iñaki Díez desde Roma, e a gran Aurora Mínguez desde Berlín), as análises sobre política internacional (cun Juan Tato que explica de forma extraordinaria a situación), as entrevistas (de Gloria Cacho, excelentes) que adoitan durar uns dez ou quince minutos tranquilos, con total protagonismo para as persoas que entrevista, non necesariamente relacionados coa rabiosa actualidade (escoitei hai pouco con verdadeiro pracer a Santiago Grisolía a media mañán contando de forma relaxada case a súa vida) son exemplares para o esixible nunha radio pública. Se engadimos o clásico "Polvo eres" de Concostrina, o "Ex-tra-va-gan-za" de Paco Clavel, as pílulas sobre bandas sonoras ou sobre música soul, disco e funky ou as interesantes aportacións científicas de "A hombros de gigantes" ou "Ciencia al cubo" temos un panorama completo. Case completo, porque ademais de esquecer outros agora mesmo, non podo deixar de comentar a Crónica de Galicia, sobrio (sen as contemplacións habituais da radio comercial, algo afectada e narcisista) e profundo noticiario que vai moito máis alá da información habitual, cun nivel sobresainte de redacción e de convincente coñecemento minucioso da noticia: un auténtico pracer para un devoto da radio como medio de comunicación fascinante.
Non me estraña nada de nada que durante a derradeira análise de audiencias, Radio Nacional de España acade o éxito que ten acadado. Calidade máxima dunha empresa pública que funciona como debe ser. Noraboa.