Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 luglio 2007

CHIUSO PER FERIE


Unha volta por Vigo hoxe a mañán foi suficiente para decatarme de que unha cidade con semellante actividade non debería parar nunca. Vacacións por suposto, lecer por descontado. Pero sería conveniente non suspender todo ata nova orde. Cando un visita Londres ou Nova Iorque (Roma ou Madrid é diferente; París aínda preserva algo de vida) en pleno agosto atopa unha cidade coa enerxía un pouco atenuada, pero aínda viva: estreas de cinema, de teatro, novos libros, tendas coas prendas de outono, oficinistas que trasegan as rúas, metros ou buses ateigados de xente que vai traballar. A vida continúa, cun ritmo tal vez máis pousado pero eléctrico. A calor inflúe no noso país, pero tamén inflúe en Xullo e, sen embargo, a xente segue a traballar. Creo que é excesiva a concentración de vacacións nun só mes ou, últimamente, na primeira quincena de agosto. Aqueles turnos antigos deixaron de ter sentido e hoxe pecha absolutamente todo, agás restaurantes e bebercios varios.

Eu, despois desta lamentación inconveniente, tamén me vou e, como adoitan poñer en Italia por todos os lugares, fico "chiuso per ferie dal 1 fino al 24 de Agosto". Que vostedes o pasen moi ben.

30 luglio 2007

NON Á CIDADE DA CULTURA

Onte EL PAÍS adiantaba a noticia dun informe do Consello de Contas sobre a Cidade da Cultura. Demoledor é o titular de hoxe de La Voz de Galicia. Mentres comiamos onte baixo as arbres, a carón do Umia, falabamos sen sabermos o miudo da información, da megalomanía do proxecto e tamén da inutilidade final do mesmo. Hoxe sabemos cousas non só increíbles, senón indignantes. Mesmo para o bipartito que, con esa vontade participativa, non fixo máis ca extender o nivel de ocurrencia entre todos os estamentos da cultura galega. Así todo o mundo sentiuse importante, creu dar a súa opinión, o que non deixa de ser tamén un xeito voluntarioso e estéril de enfrontarense a unha realidade incómoda. Pero é que o Consello de Contas tamén advirte dese insólito feito de amañar as cousas nunha administración democrática e saudable.

Hai un par de anos, o mesmo Consello de Contas, tal vez a única institución galega admirable polo seu labor eficaz e de servizo verdadeiramente público, deu á luz o seu informe sobre a Universidade de Vigo. Tamén era demoledor. Era terrible. Pois ben, de todo aquel rigurosísimo informe, que ningunha instancia universitaria foi quen de rebatir, só saiu un penoso episodio de pagos extras a funcionarios. A típica cortina de fume que impedía ver a magnitude do roubo, do fraude, das prácticas alleas a unha administración eficiente e legal.

O valor dos informes do Consello de Contas son prescriptivos, pero non vinculantes, polo que sei. Pero farán moi mal os nosos gobernantes se non atenden os seus precisos avisos, as súas razonadas advertencias e non rematan co que semella un dano irreparable. Pola miña banda, que o vendan ou que o deixen. Pero que non hipotequen un país con ese mamotreto.

Nota: que La voz de Galicia faga o mesmo co porto exterior de Coruña, cando enfronte está o de Ferrol. Cando saia o correspondiente informe sobre aquel tamén haberá tempo de comentalo.

26 luglio 2007

LA CUBANA: O TEATRO POLO TEATRO


Empezo polo final: nunca vira unha aclamación tan longa coma a que hoxe puiden escoitar no García Barbón despois de ver a La Cubana. Presentaban a reposición de "Cómeme el coco, negro", unha obra que eu xa vira no ano 1989 en Madrid, no teatro Nuevo Apolo (lembro a Santi Millán e a José Corbacho, dous pipiolos), un lugar insólito para un grupo independiente coma eles, pero perfecto para unha recreación entre paródica, irónica e nostálxica do mundo da revista. Non podo especificar máis detalles porque van estar mañán en Vigo, pero a sorpresa e a participación do público son as marcas de identidade desta compañía que, en pouco máis de vintecinco anos, son historia noble e excelsa do teatro en Catalunya e, por extensión que agradecemos, por toda España.

Non sei se era a primeira vez que estaban en Vigo con esta obra: tamén asistira a "Mamá, quiero ser artista", na que eu tiven un papel de meritorio, recompensado polos aplausos do público que recoñeceron o meu esforzo contra a vergonza e en favor do entusiasmo deste grupo excepcional de actores e actrices. En "Cómeme el coco, negro" hai un homenaxe á esencia da revista, pero tamén á farsa, á caricatura dos teatreiros, á ilusión perenne do teatro como lugar da risa, da diversión, do entretemento. Trátase dunha desmontaxe (non deconstrucción, por favor) dun espectáculo de revista, con todos os marabillosos elementos do metateatro, cos límites entre esceario e patio borrados por completo. A comedia en estado máis que puro, en estado efervescente, contaminado por variadas (varietés) músicas populares, chistes verdes (aínda efectivos), referencias satíricas á actualidade inmediata, sempre en ebulición entusiasta e fascinante. Non podo contar máis: mórdome a lingua. Só quero deixar constancia que esta compañía consigue o máximo que pode percurar un grupo de teatro: facer máis felices ás persoas. E abofé, que neste caso, o conseguiron: a faciana dos que saíamos do teatro era a viva imaxe da felicidade. Diso estaremos sempre eternamente agradecidos.

TOUR QUE AGONIZA

Non puiden ver onte o Tour porque tocaba o pracer de mergullarse nas frías e transparentes augas da Lanzada, mirando para as Ons e para o horizonte que para en Nova Iorque. E, polo que souben á noite, máis me valeu, porque a desilusión, a decepción é total. Hoxe leo en EL PAÍS unha crónica insólita, escrita, por suposto, antes de que o Rasmussen fixera mutis polo "forro". Alí vese descrita a peripecia duns homes heroicos que aspiran ao Aubisque, o máis próximo á gloria. E, sen embargo, o lector desdí e desminte a cada paso esas probas épicas e convírteas en algo que non existiu. A etapa, logo, non foi. E eu, por tanto, nada perdín onte. Os que estiveron diante da televisión ou amoreados nas costas dos pirineos non presenciaron nada. Eso é o triste, a amarga comprobación de que o Tour (o touriño) xa non é. E iso que disque quedan días ata o domingo. Pero os Campos Elíseos non agardan por ninguén.

23 luglio 2007

CHUVIA E NOSTALXIA DIVERTIDA

Non parei durante toda a fin de semana de proclamar o frío que facía. Insólito. Nunca vira. Na miña vida. Chegou a cansar tanta ledaíña, pero o certo é que non fun preparado para cambiar tan bruscamente de estación. Fun ao concerto de Marta Sánchez o sábado: non podo dicir se foi bó. Moita parafernalia, bailes ximnásticos tipo Madonna, poderío vocal intacto. Pero as cancións, miña madriña! Onde foi buscalas? Mentres cantaba, unha xiada doutra época caía polos ombreiros ata paralizalos. Fomos para casa entre a friaxe e adeus festa a eso das dúas. O domingo choveu de principio ao fin. Coma se non chovera nunca antes. Unha vila en festas sen festas: aínda conservo as fichas dos coches de choque. Os chatas desmontaron a mediodía. Pola noite, Tour Grease suspendido por mor da chuvia; menos mal, que a comisión de festas andivo espelida e programouna no cine-teatro. E alí que fomos, despois de agardarmos baixo o diluvio. O espectáculo, moi entretido. As rapazas (os rapaces non saben) pasarono de medo, "cantando e bailando sen parar de reír". Unha festa completa para eles: noraboa para os programadores e para os que puideron facer o cambio a última hora. Un pouco de nostalxia si que houbo: o meu irmán, que vira nese mesmo cine a peli de Travolta, medio choraba entre risas nos ombreiros do alcalde (caeume ben: non o coñecía de nada). Nunca vira eu a un alcalde nise trance. Ao meu irmán, moitas veces. Pasámolo moi ben, pero hoxe teño a gorxa empañada.

20 luglio 2007

GÜIQUÉN IN THE VILLAGE

Fin de semana familiar: visita de festas patronais (a procesión do Carmo capela-igrexa e volta ao día seguinte mete medo: mulleres beatas e non tanto en doble fila con candeas, ufanas, vestidas co traxe do trinque: ulas durante todo o ano?). En fin, lonxe de toda esa matraca infumable, verei ao meu curmán, que ven vernos desde Xixón: un desas persoas, o Javier ese, que merece todas as honras: o máis grande. Ha ser, pois, a miña ilusión destes días, aínda que Marta Sánchez e Paulina Rubio ameazan as noites.

Agardo ver tamén aos amigos de sempre, eses que hai tempo que non ves pero que están. Seguro que quedamos para cear un día e para rirmos a cachón. Non facemos relatos para poñermos ao día: simplesmente rimos, falamos e ás veces mirámonos, felices de atopármonos sempre xuntos. É o que ten a amizade.

Virá un frío de verán típico; ha chover case seguro; mudarei, pois, non só de lugar senón de calendario, aínda que este ano a mudanza será máis leve. Pousarei a carón da ponte sobre o Eume nun banquiño de madeira á beira dun puxigo cun xornal entre as máns, mentre vexo pasar á xente para a festa. Saudarei a todo mundo, aínda que non os coñeza (de feito non coñezo a ninguén: son un estrano naquela vila, pero eles semellan saber quen son ou alomenos disimulan ben). Mesmo algún, que ninguén atura, ha parar falar conmigo: tómame despistado, pero non me disgusta a parola. Os da vila están cansos, pero, como eu non o coñezo de nada, faime gracia. E así paso o tempo. Co tedio do far niente. O dolce virá para Agosto.

19 luglio 2007

FODEMILLO

O fodemillo anda un pouco parado: as crónicas do palheiro, as minhas mulleres, fodendo, madialeva levan varios meses secos/as. A entrada no blogomillo de Lula Fortune, sen embargo, incendiou o blog de Laranxa, quen deu á luz púb(l)ica unha serie tórrida de cinco tórridas aventuras narradas por Charly Wattson. Unha das máis recomendables lecturas deste verán de notoria friaxe: para quentar músculos e o que faga falta.

AURORA POLAR

Hoxe desmontaron o andamio do edificio Aurora Polar (1959), de Jenaro de la Fuente Álvarez: o que queda á vista é dun esplendor que ilumina todo Urzáiz. Paga a pena contemplalo con tranquilidade desde todos os ángulos de vista posibles. Unha marabilla racionalista, con acenos algo totalitarios nas esculturas, en pleno franquismo.
Non poño fotografía porque non levaba cámara e as que teño non fan honra á beleza do edificio restaurado. Cando a consiga, actualizo.

18 luglio 2007

ADEUS AUDITORIO

O comentario de Vigoblog aforra moita verba sobre a paralización da construcción do Auditorio de Vigo. Pero vale tamén para tantas cousas ambiciosas que non son medidas coa racionalidade necesaria. O número de propostas elefantiásicas que teñen pasado polos nosos ollos de vigueses-afeitos-a-todo comeza a superar calquera límite. E o peor de todo é a sensación de sermos espectadores inermes de disparates miles. O do Auditorio ten moi mala pinta, pero a verdade é que podían botar un céspede mol por aquela superficie, mesmo cun par de outeiriños para dar apariencia de natureza respetada, uns arbres e uns bancos, e poñerlle unha placa a toda esa superficie coa lenda "Ía ser o Gugenjain do Berbés e non foi". Mellor que facelo e gastar o que semella a todas luces unha bulra e un pur(t)o escándalo.

16 luglio 2007

TOUR DE FRANCE


Gianni Mura, un dos máis interesantes xornalistas deportivos (unha clase na que boto de menos ao grande Patxo Unzueta, ao que non chega nin de lonxe o pedante Segurola) de Italia, escribe hoxe en EL PAÍS sobre o Tour de France. A pesar dunha certa tópica sobre o país francés, Mura describe o que representa a carreira desde un punto de vista social, político e mesmo moral, sobre todo cando acerta a describir a devoción que sinten por Poulidor, o eterno e esforzado segundo, e a emoción que transmite o recorrido épico destes ciclistas polas estradas estreitas do interior de Francia.
Para mín o Tour representa un tempo no calendario, tarde lenta de Xullo, en casa tirado no sofá, pero tamén tardes nun chigre de Candás en Asturies, cun ceo tan escuro coma o de hoxe e un chan mollado coma o destes días de outono, para mirar a José Manuel Fuente (el Tarangu) ou a aquel Ocaña (conquense de Mont-de-Marsan ao que os xornais franquistas regateaban victorias) e a Eddy Merckx, acompañado dun cheiro entre sidra e Kas de laranxa. Recordo o chigre ateigado con fotos de Fuente, asinadas por el, a carón de tantos outros como Gimondi, Zoetemelk ou o propio caníbal belga. Que os afeccionados a este deporte non son moi mirados cos lugares de orixe dos que son capaces de subir ao Galibier, á Croix de Fer ou ao temible Mont Ventoux, aquel monte que subiu un día Petrarca (co seu irmán) no primeiro relato de montañismo da historia.
Onte houbo etapa alpina, un pouco tola, coma esixen as primeiras de montaña. Pero, tras a verde tranquilidade das pistas de Wimbledon, non pode haber un Xullo sen a emoción inevitable dun Tour de France. Comme il faut.

15 luglio 2007

XOSÉ RAMÓN IGLESIAS

O programa Camiña e coñece do Concello de Vigo comezaba hoxe cunha visita ao Casco Vello. Non teño datos moi precisos sobre o programa, pero váleme saber que o guía é Xosé Ramón Iglesias, unha eminencia, para declararme devoto. Eu tiven a sorte de facer un recorrido semellante con este excelente mestre e podo dicir que foi unha auténtica marabilla e iso que só deu tempo para saír da rúa Real e chegarmos á Porta do Sol. Noraboa aos patrocinadores por pensaren en Moncho para tales tarefas. Un luxo para Vigo.
Actualización: a breve introducción de X. R. Iglesias pode consultarse na páxina web do Concello, hoxe considerada en EL PAÍS a cuarta de todas as páxinas webs municipais españolas, con Javier Albertos, o noso admirado, como promotor principal: http://hoxe.vigo.org/pdf/cultura/camina.pdf

14 luglio 2007

CLÁSICOS MODELNOS

No Babelia de hoxe, Winston Manrique (fillo don Diego, creo) fai unha reportaxe sobre a traslación dos clásicos da literatura aos tempos modernos, a propósito, velaí a razón das páxinas, da recente publicación dunha serie de libros dunha editorial. Na reportaxe propagandística, algúns escritores disque famosos, encargados pola editorial para facer o choio, xustifican a tarefa con exemplos de imitacións, intertextualidades, recreacións, refacimentos coñecidos (sorprende, por indignante, o exemplo da Divina comedia con respecto a Virxilio). Con estes precedentes, modernizan o Cid, o Lazarillo, as lendas de Bécquer.
A modernización non ten por que estar mal, mesmo a deturpación, o plaxio indisimulado, o aproveitamento comercial a costa dunha obra que ten o seu público, a mesma ocupación de tres páxinas dun suplemento cultural dun xornal como EL PAÍS. Eu acepto todo. O que xa non aturo é a declaración dun deles (o nome vouno esquecer) de que "Los clásicos tienen un problema, y es que si los lees tal cual hay cosas que se pierden. O condicionan la lectura por las notas a pie de página, por ejemplo". Fai negocio, enche o peto coas verbas e as persoaxes que outros urdiron, pero non digas parvadas: se o Cid leva escafandra que carallo gañan os lectores? Se a nai de Lázaro é puta para que o neno saiba escribir (e citar a Cicerón, ollo: a ver como o poñes na modernización) que carallo gañan os nosos contemporáneos? Que lles vaia ben, pero que non aldraxen a intelixencia.

13 luglio 2007

LUGAR RESIDENCIAL

Estiven antonte cuns irlandeses de Gallway que están a pasar por aquí uns días de vacacións. Falabamos dos lugares onde viviamos e saiu, por suposto, Dublín, para eles a urbe, a gran cidade. Unha persoa apuntou que, aínda grande, non tiña edificios altos e deu a entender que se extendían as vivendas unifamiliares ao redor cun xeito armonioso. A irlandesa rexeitou, con certa enerxía, que ese sistema fora positivo, porque conlevaba problemas de transporte, de organización da vida laboral e mesmo dunha certa sociabilidade entre as familias. Engadiu algo sorprendente: con esa estructura non hai parques nin lugares de lecer públicos. O mito da casiña caeu nun par de segundos, na voz dunha muller que vive no rural, rural, a escasos vinte kilómetros da cidade de referencia, un dato por outra parte innecesario xa que a súa vida social e laboral transcurre alí mesmo, nun pobo do interior irlandés.
Lembrei por un intre o meu viaxe o ano pasado á Rochela, en Francia, a un lugar fóra da propia cidade, só residencial. Unha casiña preciosa, cun xardinciño tamén moi cuidado, cunha pisciniña de plástico, e cos correspondientes valados para non ver nada do que facía o veciño nin por suposto sermos vistos. Nos vinte días que pasei alí, non vin a ninguén. Unha soedade, un silencio, a pesar de que tras os muros habitaba xente: estou certo. Non tiña ningún centro, agás se por iso entendemos a panadería e o kiosko (ou sexa o mítico conxunto de xornal e baguette que distingue aos franceses) co correspondiente parking de uso fugaz para os que se aproximaban cos coches, artiluxio de uso case obrigatorio por moita bicicleta que empregan para dar voltas sobre sí mesmos. Un gran Carrefour nun carrefour a cinco kilómetros, cos engadidos Decathlon, Leroy-Merlin e demáis, ampliaba a oferta social. A Rochela semellaba reservada para turistas que ancoraban os seus veleiros perto do fermosísimo Vieux Port. Fóra daquel fermoso esceario, unha vida pouco vivida, unha residencia fermosa para ficar alí invernos de chuvia, vento e paisaxes con nubes de cinza. Acabarán así as urbanizacións dos arredores das nosas cidades?

12 luglio 2007

PRESIDENTE, MINISTROS, FÚTBOL E POLBO

Hoxe hai overbooking en Vigo. O Presi, cunha chea de ministros, chega para presidir (o seu, vaia) unha Comisión de Ciencia e Tecnoloxía (parece que o lobby universitario vigués arraigado por toda administración comeza a dar froitos). E Michel Salgado, cunha chea de colegas, chega para presidir unha pachanguita no Vao. Estou en dúbidas: onde acudir? Estou confundido. Sobre todo despois de saber que a ración de pulpo (ao parecer non polbo, como recordaba en célebre entrevista na TVG o cronista oficial de Lugo que aseguraba moi serio que o polbo era para despois: claro, despois, deulle a risa) en san Froilán sube 30 céntimos. O tamaño da ración, quero supoñer da mítica prodigalidade dos lugueses, non cambia.

11 luglio 2007

PRAIA


Onte foi o segundo día de praia. O primeiro acabou, por mor dun nordés insoportable, tras as xunqueiras de Patos, cunha cervexa nas mans e o sol aloumiñando o careto. Onte tamén foi en Patos (coma case sempre desde hai anos), co pano teatral das Cíes ao fondo e unha nortada lixeira. Niki (por Vigo din polo) por se acaso e paseo pola beira do mar, baixa a maré. A auga tocada cos pés, moi recelosos. Iremos hoxe tamén, brancuxiños e adobados ata as cellas con protección mil. Mágoa de wifi na area.
Fotografía de J. Albertos, coma sempre, de: www.vigoenfotos.com

10 luglio 2007

REVISTA DE PRENSA DEREITISTA

Un guieiro para coñecermos por onde vai a dereita.

1. LA RAZÓN. Unha fotografía a toda plana da Vicepresidenta Fernández de la Vega con Alfonso Ussía, sorrintes, coas declaracións "tranquilizadoras" de que Educación para a Cidadanía non suplirá a Relixión. En letras pequenas, Ussía agradece o aceno da vicepresidenta porque falan de España.

2. ABC. Onte traía en portada a rebeldía dos colexios relixiosos contra a conferencia episcopal polo mesmo asunto: os colexios relixiosos, nunha volta de torca abraiante, confesaban (non podía ser doutra forma) que a obxeción de conciencia podía mesmo afectar á materia de relixión, xa que as familias que levan os seus fillos a tales colexios poderían, nun paradoxo monumental (ou colosal, como lles gusta dicir a don Mariano), solicitar a obxeción da materia relixiosa. Hoxe sigue a película co enfrontamento entre colexios relixiosos e asociacións católicas de familias polo mesmo.

3. EL MUNDO. Unha fotografía do novo ministro de Cultura, con cadro de rei forzadamente aparecido no curruncho superior esquerdo, amosando pedigrí republicán, familiar, por suposto. Por encima da fotografía o recordatorio de que a chamada de Zapatero por Bono é para compensar o de ETA e as cesións aos nacionalistas.

Eu pregunto: dan por perdidas as eleccións?

8 luglio 2007

EN CORUÑA

Andiven esta finde por Coruña (sen artigos). Fun de molladeiras de piso no Templeburg e aproveitei para visitar a FNAC (cunha moqueta e unha amplitude que convida ao gasto desaforado, aínda que o que teñan sexa igual que noutros lados: pero así tan churrusqueiro mola) e a exposición do señor dos aneis, ou máis ben a metade, porque a outra anda por Santiago. O curioso da exposición é (aparte do número de camisetas negras con logos ad hoc, pantalóns curtos e botas potentes, entre chirucas e caterpillar, dos siareiros) ver como a xente se detén nos videos, que amosan unhas reportaxes do making off que ben pode un ver nos extras dos dvds na tranquilidade do fogar. O resto, perfectamente esquecible. De feito creo que lembrarei máis a viaxe en elevador oblicuo, con canguelo incluido, ca calquera dos obxectos alí exposto.
O máis rechamante desta viaxe, aparte do fresco xeral e do nordés que sempre fai naquela cidade, é o cartel anunciador da exposición sobre cen anos de cartaces, xa exhibida en Vigo e da que falei hai tempo. Se en Vigo elixiron un cartaz dun tren que simbolizaba a forza obreira do sovietismo, en Coruña elixiron un anuncio balneario da praia da concha donostiarra, cunha muller en bañador e o mar seductor ao fondo. Deixo á reflexión esta distinción de cartaces entre Vigo e Coruña.

BICENTENARIO DA RECONQUISTA (SIC)

O Concello de Vigo ten previsto conmemorar o bicentenario da expulsión dos franceses, chamada por mal nome reconquista. Como están a repartir todo en dúas partes, eu propoño que para ese evento nomeado Reconquista 2009, repartan as centurias: un século para cadanseu partido. E se queren algo máis complexo, poden reunirse para decidir qué cen anos (calquera, non consecutivos) conmemora o BNG e cales o PSOE. Eso sí que sería un bicentenario á viguesa.

6 luglio 2007

MAZARELOS AGAIN

Villeneuve acompaña a William Red na Royal Academy. E van dous da Mazarelos School. Noraboa, Darío. O de ministro ten que agardar: o Kaiser Antonio vai antes.

4 luglio 2007

CAROLINE CUMPLE

A iso das nove da noite, cando deixou de chover e cando sae a xente a tomar os viños, alí que chegou a Carolina, unha tola que todo o fai o revés, hai xa once anos.

ELS COMEDIANTS: O TEATRO QUE NOS PARIU


Els Comediants representan na historia do teatro neste país o triunfo das compañías independientes. Nadas a finais dos anos 60, cun meteórico ascenso nos anos 70, unha consolidación nos 80 e unha clara institucionalización nos 90 e comezos deste século XXI, as compañías de teatro independiente, de raigame amateur e, segundo talentos, convenientemente profesionalizadas, son os puntos de referencia básicos da actividade teatral en España. Os nomes senlleiros de Els Joglars, Dagoll-Dagom (entre os miles de grupos cataláns de primeiro nivel), máis tarde La Fura dels Baus, xunto con aqueles procedentes en boa medida do teatro universitario como Tábano, Goliardos, a sevillana La cuadra de Távora, contribuiron á recuperación da vitalidade do teatro. Sen estes grupos hoxe é imposible contar a historia do teatro do final do século XX.
Entre todos eles, Els Comediants ocupa un lugar eminente. Os seus montaxes, nos que primaba sempre máis a escenografía, a participación festiva e lúdica do público, emparentaban cunha das partes esenciais desta renovación teatral: o componente circense, espectacular, ao fin e ao cabo, do xénero dramático. Joan Font, o seu director de case sempre, foi home ambicioso nestes planteamentos e soubo trasladar aos espazos públicos o divertimento, a imaxinación e o esplendor dos artellos e tramoias que configuran o máis atractivo do mundo teatral.
Els Comediants estiveron onte en Vigo. Nun esceario tradicional, de embocadura italiana. Lonxe do seu habitat natural de ágoras amplas e rueiros por onde atravesar os seus dragóns de lume, os xigantes e cabezudos de troula, os zancos impertinentes a bourear entre a xente. Aínda así, non son capaces de deixarense aprisionar polos lindes do taboado e comezaron e pecharon a obra misturados entre o público. Presentaron unha obra, ao meu xuízo, menor, pero con todo o encanto comediants. Cos elementos metateatrais que proporcionaban á obra un distanciamento irónico, a obra trataba de relatar, dun xeito para mín demasiado escolar e didáctico, a vella historia do teatro, a través dos fitos dramáticos (unha representación de Romeo e Julieta desconstruida, por dicir algo moderno) e dos distintos xéneros teatrais: as danzas primitivas de imitación, a traxedia grega, a commedia dell'arte (a parte que mellor representaron: bordaron un exemplar entremés), a farsa satírica, o melodrama, o drama existencialista, o teatro actual (cun chisco de parodia pouco explotada).
O texto dramático pareceume pobre ou escasamente elaborado, pero non así a posta en escea, sempre abraiante, cunha eficacia nos xogos de luces, música, atrezzo, asombrosa. Os cinco actores (tres homes e dúas mulleres), moi novos, cumplen coa esixente escola de Els Comediants e conducen de forma lixeira e admirable a representación. A distancia irónica que proporcionan á obra impide ao final saudalos e felicitalos como convén. Foi unha amable velada (un pouco curta), con momentos especialmente brilantes (como o do final), que xustifican a sona e o prestixio dun grupo ao que lle debo (debemos, se conto aos que asistimos) boa parte da nosa cultureta, a pouca que fomos construindo ao longo do tempo.

3 luglio 2007

A POLÍTICA BÍFIDA


Plantea de la Highway 61 no comentario ao meu post anterior a conveniencia de que os partidos aliados para a cogobernación dos concellos galegos asinen un programa de mínimos para levalo adiante de forma conxunta. E, supoño, que deixen para ocasión máis axeitada o programa de máximos resultado das sumas de propostas. Pois non. Todo o contrario. Ou, polo menos, unha versión retorta destas premisas chiquitiáns, coas que non pode un non estar de acordo.
A interpretación que fan as cúpulas (non sei por que non os rochos, pero vese que lles vai a metáfora arquitectónica eclesial) do BNG e PSOE dos resultados das eleccións supón (que xa é moito supoñer) unha validación das súas políticas, pero non explícitamente unha validación de ámbalas dúas políticas sumadas. O curioso é que despois non resultan sumas de propostas, senón sumas da metade (ou da porcentaxe no reparto) de propostas correspondiente a cadanseu partido. O problema non remata no acordo inicial (declaracións de intencións e reparto de competencias), senón que esa división mantense obrigatoriamente ao longo dos catro anos de goberno, coas situacións conflictivas en primeiro termo, pero tamén coas grotescas, coas ridículas que xa comezan a albiscarense. Visitas da consellería do partido A? Pois que vaia o alcalde A. Que o conselleiro é do B pois que vaia o vicealcalde B. E se hai tallada, pois que vaian os dous, non vaia ser. E así ad nauseam. E, por non cifrar todo nesta cidade na que vivo, onde toda incomodidade ten o seu asento, convén recordar que a xente non vota unha política bífida, senón unha única, coas "sensibilidades" (haberá cousa máis cursi!), ideas, persoas, vontades ou capacidades que unha coalición ostente, pero unha soa, por favor. Para mín foi escrita aquela cousa dantesca, non para a entrada no inferno, senón para a gobernación eficaz da cidade ou do lugar onde vivo: Voi ch'entrate lasciate ogni esperanza.

2 luglio 2007

DISPARATE MUNICIPAL


A escasos días da elección de alcalde, un pleito insólito, que promete divertir á cidadanía viguesa, entretén aos dous partidos de goberno: qué parte da cidade lle corresponde a cada un. Como o reparto de concelleirías ofrecía a singularidade de que os socialistas eran responsables de urbanismo e vivenda mentres o BNG quedaba con patrimonio histórico e, polo que se ve, casco vello e Bouzas, discuten estes días cal vai ser a liña divisoria entre eles. Pero non de competencias, senón xeográfica. De tal xeito que uns serán responsables dunha parte da cidade e outros doutra parte. Eu, desde logo, nunca tal vín. Pero como estamos no primeiro mes de Caballero I e Dominguez II, albergo esperanzas que verei cousas aínda máis disparatadas.

1 luglio 2007

DOMINGO NO CORAZÓN DO SALNÉS


Tras a noite de orballo e Julieta Venegas (eu quedei na casa, non porque non quixera, porque a mín a moza gústame, senón por un erro de estratexia), hoxe tocaba devolver a unha convidada á súa familia. E para iso quedamos no lugar mítico do Tío Benito, en Barrantes. Lugar de encontro desde hai máis de vinte anos, cando cheguei por primeira vez ás terras do Salnés (outro día conto a miña epifanía en Ponte Arnelas).
Vamos de cando en vez e sempre cedo, porque sempre hai problemas para reservar mesa. Ten aspecto do que chaman por esas terras "alboio", pero ben cuidado, con mesas robustas e decoración rústica pero entrañable. Antes carecía dunha iluminación agradable, pero agora, guiado pola man sabia de Irene, unha das fillas do matrimonio, o local é moi ameno. Teñen un servicio impecable, descoñecido e insólito para os estándares da zona. De primeiro tomamos, coma sempre, polbo á feira e uns callos (xa fóra de tempada ou non) de primeira (tendo en conta que a mín os callos, á madrileña). E de segundo, os que pasaron do polbo de entrante arreáronlle a un polbo con cachelos de admirar e os que lle metimos pauciño (como debe ser, aínda que non vamos ser repugnantes) ao polbo pasamos a un cordeiro de categoría superior. Inclinámonos (por experiencia de anos e por prevención estomacal diante do "mardito" barrantes) por un marqués de Cáceres. O flan mítico de Irene completou o xantar cos correspondientes cafés, bastante normaliños, ou sexa malos. Foi emotivo saudarmos aos donos de sempre e á filla Irene, que xa exhibe polo restaurante unha descendencia espelida coma ela. Esta casa máis ca familiar merece unha visita, aínda que só sexa para visitar nestas épocas as beiras do Umia, coas viñas a estouparen de verdicio, camiño de Cambados.