Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 novembre 2014

BARCELONA 2


Non está mal comezar o día nun forn que fornece bocadiños e longas torradas ao pe do metro. Nin tampouco retomar a rambla cara a praia. Nin por suposto aproveitar as raiolas dun sol aínda quente mentres os corpos espidos adormecen sobre a area, masaxeados por mulleres que ofrecen ambulantes o seu servizo. Dirixímonos cara ao Forum, ao final da praia, onda o Besós desemboca en centrais eléctricas. Os edificios desta parte da cidade son novos, acristalados e con formas tan audaces como pouco seductoras. O Museu de Ciencias Naturais fica case suspendido no ar, pero a mole e a cor impiden aprezar a súa suposta beleza. Tomamos o tranvía para recorrer a Diagonal ata o hotel. Sempre me pregunto por qué non hai tram na miña cidade. E, sobre todo, este tranvía, limpo, luminoso. Suben a el mulleres, cargadas de nenos ou de bolsas. Falan outros idiomas distintos ao meu. Pero non escoito nin no tram ni no metro tanto catalán como un agarda. Os turistas non chegan tan lonxe. Son mulleres de procedencia oriental ou sudamericana, algunha coa cabeza tapada por un pano, de forma descuidada. Desde o tram, a avenida parece tirada dun anuncio de automóviles, coas follas das árbores apenas caídas. Nas rúas do Poble Nou hai unha axitación extraordinaria de colmados e tascas. Nos balcóns lucen senyeras. Nas terrazas grupos numerosos, tamén de mulleres, comentan o día. É a hora de saída do instituto: nas rotondas destas rúas con chafláns amoréase a adolescencia entre berros e carreiras. Cómpre xantar. A oferta é ampla e diversa. Decidímonos por pura intuición. Ou polo mantel e a caligrafía da pizarra. No restaurante, con camareiros sempre doutros lugares do mundo, escoitamos risas e proxectos de futuro entre o menú do día. Cae a primeira botifarra amb mongetes. Barcelona ès molt bona. Osties. 

4 novembre 2014

BARCELONA 1


O avión chega á noite. O autobús urbano que nos achega á praza de Espanya pasa tortuosamente por todas as rúas do Prat, case baleiras. As auxiliares de vó, non sei por qué, viven por esas rúas. Despídense con facianas de cansanzo cando pousan nas paradas. Son case as doce na praza de Espanya: hai Fira de manga. Algún aínda pasea pola superficie coas galas do seu heroe. Metémonos no metro ata Glòries. Aquela inmensa esplanada, iluminada baixo o edificio das Agbar, está en obras. Desde as fiestras do autobús do aeroporto aprezábase a orde e a limpeza das avenidas ben iluminadas, aliñadas con ringleiras dobres de árbores. En Glóries, a Gran Vía e a Diagonal acentúan esa xeometría limpa de Barcelona. Os edificios son novos, non recentes, pero novos. Cristais e metal. Alturas distintas, ubicación algo estravagante nas fincas, en relación co trazado lineal das longas rúas. Deixamos as cousas no hotel e camiñamos cara a Rambla del Poble Nou. Probamos a cear. Case todo pechado, mesmo os sushi take away ou os kebab. Pechados ou a punto de pechar. Debaixo da casa de C hai un bar que seguro está aberto. Vámonos achegando. Pois non. A piques de pechar. Xusto enfrente no chaflán, Aita Galicia en letreiro luminoso azul rechama. Entramos, preguntamos se podemos cear. "Por suposto, estamos abertos ata as tres". Miro ben os carteis: gintonería. As cervexas, de Estrella Galicia. Nas paredes, pendurados, cadros de trapos de cociña con galego e galega danzaríns e receitas de cociña. O local, moderno, coa cor branca en táboas e cadeiras dominante, sempre lacadas. As camareiras, amabilísimas, recitan o repertorio. Tomamos unha ensaladilla rusa, por alonxarnos do  menú galaico: os Pebrots del (sic) Padrón resplandecen na carta. O pop a la gallega, tamén. Lacón, orella, berberechos e tutti quanti parecen indicar que aínda non saiches de Galicia. Xa o sabes, pero sempre sorprende que a gastronomía característica de Barcelona ten un aire galego inconfundible, arrebatador, totalmente catalán.