1. PP
O PP perde a intemerata. Perde ata quedar co posto, co eleitorado estrictamente conservador: o que conserva, mantén, preserva, reserva, atesoura, acumula, aforra. O que desexa que nada cambie, que virgencita virgencita se quede como está. O quedante. O de sempre, a marca da casa. O xa vello novo rico deplora agora o abandono. Esta excrecencia (bosta, por mal nome) das vacas gordas agora non cheira parné; algúns están perto da trena, outros recollen pulgos de patacas. O/A elegante home/muller de negocios capitalino, nacido para crear empresas, de elegante terno liberal, non disimula o enfado. O/a profisional do bufete, da banca, da consultora observa pampo/a a administración da nada. Esas cohortes de incondicionais, montados ou non no dólar, nin siquera visitan Génova. Os gabinetes de prensa han ter a culpa: non explican ben os esforzos. A propaganda non cunde. Está interesante este desfile de ratas, abandoando aos poucos o barco. Pero non apresurarse: estes aínda conservan o risón desta parálise.
2. PSOE
O PSOE atopou por fin o abismo. É posible algunha sima máis, pero daquí só pode subir. A demisión de Rubalcaba chega moi tarde. Perdidas as eleccións anteriores, o PSOE debía mudar de persoas. A elección de Valenciano para Europa demostra a mediocridade dos cadros socialistas nestes momentos. A campaña, anodina, cunha teima co machismo indubidable do candidato popular, non aportou nada. En certa medida porque as medidas que podían ofrecer estaban hipotecadas pola proximidade do goberno Zapatero, precursor dos recurtes que Rajoy agora exhibe. Precisa dunha renovación considerable. En fulanos/as primeiro; en tomas de posturas ideolóxicas, despois. Para facerse crible, necesita apostar de novo por abandeirar a socialdemocracia sen complexos de ningunha clase, claro que con xente que non teña nada que ver cos últimos anos do zapaterismo. En materia de dereitos cidadáns aínda manteñen certo caché entre o seu eleitorado, pero necesitan callar un proxecto sólido económico, coa defensa da igualdade social como motor fundamental, e unha iniciativa brutal de carácter político contra a corrupción e o mantemento de privilexios da casta dirixente. Non é o PSOE partido que desperte confianza neste sentido, senon máis ben o contrario, pero non ten outra saída que amputarse boa parte do seu pasado.
3. AGE e Podemos
Anova e EU repetiron baile. Desta vez, nun salón diferente, con menos éxito. As liortas internas en Anova (ata o último momento, mesmo cando se decidía a coalición), a deliberadamente escasa preponderancia de EU na campaña, a elección dunha candidata de perfís icónicos moi relevantes pero, ao meu ver, pouco preparada para a materia europea permitiron o avance insospeitado da nova formación política Podemos. Comparten mesmo espazo, comparten estratexias, pero por desconfianza do vello sobre o novo a alianza previa non puido ser: nin tan siquera puido albiscarse razón algunha para iso. Podemos e EU presentaron a súa declaración por separado. É posible que miren ver se lles compensa o réxime de gañanciais: EU, nese caso, ten máis que gañar que unha agrupación que fai da súa liberdade de manobra e da súa nula infraestructura orgánica unha das súas señas de identidade. Anova, cuxo dirixente máximo declara especial simpatía polo líder de Podemos, garante, ao parecer, unha permanencia da coalición. Resulta relevante esa nova querencia por dar relevo ao esquerdismo en detrimento dunha soberanía que agora mírase subsidiaria. Nesa nova situación, a relación co BNG, demandada por moita xente nas redes sociais na procura dunha fronte ampla de esquerdas para as municipais, parece menos factible. En todo caso, vívese neste terreo da esquerda esquerda momentos de axitación ilusionante. Non son eu desa corda tan entusiasta (tal vez os anos e certos acenos culturais hexemonizantes identitarios que agardo pasen coma a varíola non a estimulen), pero miro con interese este espazo.
4. BNG.
O BNG non atopou o abismo, porque ao parecer houbo un tempo en que aínda estivo máis baixo. Pero ronda. E o que resulta máis interesante é que non se miran trazas de mudanza. Presentaba unha candidata de notable traxectoria, pero nin con isas. A relación con Bildu, non sendo negativa a priori, detraeu moito voto, pero foi máis o dinamismo das novas plataformas políticas, enganchadas ao movemento do 15M (que foi despachado polo BNG con aires condescendentes cando non críticos), o que explica o "fantástico" resultado. Parece estrano que o grao de militancia belixerante do nacionalismo en asociacións, sindicatos ou grupos de opinión non sexa quen de activar ou mesmo conservar o seu público votante. O perfil docente, de moderada presencia, de Vence non logra mellorar o murcho perfil do anterior dirixente, cuxo nome cústame incluso lembrar. Unhas demisións a tempo, unhas primarias tolas, unha baralla por barallar podería resucitar a este grupo en caída libre.
5. CxG
CxG naceu case coma obrigada resistencia a formar parte doutras ponlas do BNG. Agora, pasadas dúas eleccións na nada máis absoluta (unha sos e a outra con correlixionarios raros raros para unha formación autoproclamada socialdemócrata), convenlle repasar a súa necesidade. Unha disolución noutras formacións sería o máis rápido, a non ser que aínda poda verse e utilizarse coma plataforma mediática para certas candidaturas municipais. Nese caso podería prolongarse a agonía ata o ano que vén: moito me parece.