Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 settembre 2007

FEBRÍCULA DO SÁBADO NOITE

Fomos onte a unha cea festeira (17 persoas) no restaurante Doméstica Causa da rúa García Olloqui. Decorado con certa gracia moderniya, que non entusiasma pero que acada un ambiente entre kitsch e acolledor, resulta eficaz para tales mesteres. Non sobresae en case nada, pero tampouco decepciona de forma radical. O problema é que as súas comidas hoxe parecen doutra época: un pouco anacrónicas na súa suposta modernidade. Uns montaditos para entrantes, o emprego do maíz de bote para as ensaladas, unhas croquetas corrientes deslocen unha boa selección de embutidos e queixos (ou sexa o que non fan e si mercan feitos), unhas gambas riquísimas e un "kuenkito" de fabas (alubias lle chaman) con langostinos moi sabroso. Pero onde o erro é máis notable é na oferta xa obsoleta dunhas peitugas de polo disfrazadas con recheos e salsas ou un arroz con mariscos pouco atractivo (en realidade, un par de anacos de peixe e uns langostinos regulares nunha paella de arroz convenientemente coloreado de colorante colorado). Para algúns, insípido; para outros, enganoso; para o común, pasable como fórmula de calmar a fame. Os viños, nada doutro mundo; os cafés, manifestamente mellorables ou indignos de levar tal nome. E o servizo, tan agradable como pode resultar o local. Pasámolo ben e creo que pode resistir unha nova visita, tal vez para picar máis que nada, porque os pinchos da barra prometen algo máis.

Logo fomos tomar unhas copiñas ao Ensanche, un clásico entre os clásicos. Demasiada música nostálxica: non sei se cando non estamos varía algo, pero un amigo sospeita que o DJ mete oitentas cando nos ven chegar. A mín cánsame e prefiro que lle dean á horterada directamente, que para escoitar boa música xa teño a miña casa. Cando marchabamos saudei ao camareiro (non sei se socio: creo que si) á porta do pub: un antigo alumno. Cando iamos para casa saudei ao porteiro do Brindis, tamén antigo alumno. Non puiden evitar a sesuda e inquedante pregunta: para que val unha licenciatura de letras?

29 settembre 2007

PRIMEIRA SEMÁN


Esta semán foi de arranque escolar: aínda os motores andan un pouco fríos. Sobre todo, se, por adiantar o comezo do curso, os alumnos van chegando aos poucos e dun día para outro a paisaxe dos pupitres varía de forma considerable. Se un día dous propios e catro erasmus, ao día seguinte, catro propios (dous máis distintos) e ningún erasmus, e, ao terceiro día, tres propios (un novo) e seis erasmus. Ou sexa un caos. Entregas o programa, pides os seus enderezos e explicas as características do curso. Agardo que para o luns todo esté arranxado, mais non acredito. O desastre é tan absoluto coma gratuito.

Este ano comezo co sistema de teledocencia de forma simultánea ás clases presenciais en aulas de ordenadores: trátase dunha plataforma virtual onde podo deixar todos os materiais (documentación, esquemas, presentacións de powerpoint, enlaces a páxinas web, exercicios, cuestionarios) para o alumnado que estea inscrito no curso. Esa mesma aplicación permite foros, debates, enquisas, e, por suposto, un sistema de avisos, notificacións ao instante, que farán de seguro máis atractiva a materia. Polo de agora, levo toda a semán metendo eses materiais e organizando esta nova metodoloxía. Estou contento: creo que vai dar resultado.

E todo llo debo ao meu grande colega (e eminente lingüista) XMGM, que desplegou toda a súa sabedoría, que é moita, na barra da cafetería co seu portátil enganchado á rede gratuita de wifi da Facultade, mentres tomabamos un café tranquilamente. Moitas das grandes cousas que un fai teñen a súa orixe entre o cheiro a café e o balbordo estimulante dunha cafeta de facultade a media mañán.

E entre clase e clase visitas de alumnas (aínda non veu ningún) erasmus, un pouco despistadas, pero ben preparadas (e moi contentas co trato dispensado na nosa universidade e na cidade) para o ano que van pasar aquí. Outro día, unha da Università per stranieri de Siena, procedente de Agrigento, Sicilia, quitou o seu ordenata portátil no despacho e tomou nota cunha velocidade envexable de todo o que eu lle indicaba. Teño outras de Varsovia, de Leipzig, de Besançon, de Ferrara, de Lorient e unha de Vermont, dos EE.UU.. Pero son sólo as primeiras. O luns, máis, moitas máis. A súa ilusión é a miña.

27 settembre 2007

O PADRIÑO


Durante dous sábados seguidos de verán , botaron na televisión a segunda e a terceira parte de O padriño. As fillas ficaron prendidas da historia desde o primeiro momento (non sei se o sangue vertido animou os seus ollos) e fixeron todo o posible por estarmos ás nove en punto na casa do sábado seguinte para ver a terceira parte. Quedaba pendente a primeira e onte chegou en forma de dvd recén mercado polo internete (ben barato, por certo, con extras moi interesantes como o comentario de FFCoppola por riba da película). Convocada a familia ás nove e convidado un amigo adolescente case adoptado como fillo, a primeira parte foi consumida cun respecto insólito, con pequenos saloucos cando remataba algunha escea poderosa, con pequenos comentarios sobre a interpretación de algún dos actores para non perder ripio. Rematou moi tarde e fomos todos case en silencio reverencial para cama. Á mañá seguinte, despois de comprobarmos que non había cabeza de cabalo entre as sábanas, puidemos empezar a contar. Chamou o amigo adolescente, ao que chamaremos X pola súa inicial, e estivo ao teléfono contando á miña filla o schock no que aínda estaba. Que a música o perseguira todo o día, que non quitaba da cabeza as imaxes, que quería ver a segunda parte, que cando a poñíamos. Totalmente colgado. A miña filla, que ría a cachón con aquelas pequenas toleirías, non paraba de relembrar esceas, diálogos, imaxes. A pequena preguntaba cal era a máis violenta das tres, cal nos gustara máis. E pasamos así toda a comida: contando, recordando, admitindo que era a mellor película que viran nunca na súa vida. Niso pode influir que é o que a súa nai e eu levamos a dicir desde que a vimos por primeira vez cando puidemos facelo, alá polos setenta. Agora, despois de tantos anos, non só mantemos o mesmo: cada vez que voltamos vela a nosa impresión reafírmase. Non hai película, películas, equiparable. A gran obra mestra do cine. O summum.

25 settembre 2007

PARA COMER...LUGO











Por esta orde: A Nosa Terra, Taberna do España, Mesón de Alberto, Mesón de Auga, La Sucursal e España.
Non teño palabras, agás as de agradecemento ao amigo Xaime da Pena, que foi quen mas enviou. Adicado a todos os lugueses e luguesas, pero cun especial recordo para o propio don Xaime, a don Xosé M. González e para os irmáns G. Neira, ilustres poboadores (uns máis e outros menos) daquela cidade amurallada, de portas sempre abertas.

MARIA MOLINER, O TRIUNFO DO TEIMUDO TALENTO


130 euros costa a nova edición revisada e actualizada dese monumento cultural que é o Diccionario de uso del español, máis coñecido polo nome da súa excepcional autora, María Moliner. O María Moliner sae renovado para seguir dando batalla ao DRAE, como nos seus primeiros tempos cando a grande María Moliner decidiu adicar o seu tempo á redacción dunha obra que hoxe parece imposible para unha soa persoa. O seu fillo adicou hai algún tempo unha semblanza ben emotiva da súa nai, onde explicaba con todo detalle as penalidades desde a infancia, o seu entusiasmo na República coa adicación ás misións pedagóxicas e a elaboración de plans para bibliotecas, os anos difíciles tras a guerra, de privación (o seu marido foi separado da cátedra de física, aínda que ela seguiu a traballar de bibliotecaria en Facenda en Valencia), e os anos, despois de 1953, adicada case en exclusiva a elaboración paciente do Diccionario. A enfermidade do esquecemento radical, o alzheimer, pugnou contra a súa vontade e a súa intelixencia nos últimos días da súa vida. O legado de María Moliner non sólo, por suposto, consiste nun diccionario extraordinario, senón na súa capacidade de traballo, de rigor, de adicación esforzada para conseguir un propósito. O María Moliner renovado é unha homenaxe á súa fascinante vida.

Hoxe lembreina porque chegou a mín publicidade do seu libro, pero tamén porque, despois de ler o xornal e ver, por exemplo e perdón pola comparación odiosa, a composición do Buro batzar do PNV, todo de homes, os gobernantes na ONU, todo homes, e varios lugares máis nos que non se ve ningunha muller ata chegar ás páxinas de xente, onde si, aparecen todas e ademáis en grupos co propósito de gañar un premio de beleza amosando o seu "lato B", pois dixen, aquí vai no mesmo sitio unha homenaxe e unha denuncia clamorosa.

24 settembre 2007

AMBIENTAZO

Ambientazo. Cheo ata o último chanzo do salón de actos. A cafetería ateigada de xente nova, cos seus ordenatas e os seus berros de recén chegados. Os pasillos repletos de persoas que miran os cartaces, os horarios na cortiza. E por riba de todo a ledicia contaxiosa de persoas que comezan: apertas, bicos, risas, sorriso inacabable. E nervios, moitos nervios. E iso que aínda están por chegar os orgasmus: cando aparezan (a vindeira semán ao completo: non hai entradas) outra vez renovaremos ese balbordo que primavera os outonos.

23 settembre 2007

TOSCO PODCAST DE ÉXITOS ESTIVAIS

Comezan mañán as clases: a adrenalina entra pouco a pouco durante esta tarde de domingo. Pola mañán, co tempo fermoso deste verán serodio, escoitei as cancións que me/nos acompañaron durante o estío italián, cancións (horteras, comm'il faut) cheas de enerxía para arrancar a tope. Veleiquí todas:

Sean Kingston, Beautiful Girls.
Negramaro, Parlami d'amore.
Paolo Meneguzzi, Ti amo, ti odio.
Rihanna, feat. Jay-Z, Umbrella.
Biagio Antonacci, Sognami.
Tiziano Ferro, E Raffaella è mia.

Para estes días repasarei mentalmente a música que soaba mentres o salitre cuarteaba a pel. Non atopo outra medicina para levar o outono.

CEN DÍAS DE CABALLERO DOMÍNGUEZ


Cen días con Caballero (e Domínguez) é pouco tempo para avaliar, sobre todo se o feito se limita a ver como saen un día si e outro tamén ás palestras respectivas para explicarennos o que van facer coa cidade. Os atrís mercados para tal ocasión e os paneis do fondo, noviños do trinque, con predominio do azul celeste, están xa máis ca amortizados. O lustre dado a tales instrumentos de definición política estes días é formidable. Pero non só describiren as súas propostas, senón para marcar todos os días, sen falta, o seu territorio, ou o paquete, segundo demande a ocasión.

Foron días, sen dúbida, axitados, con tantas visitas de ministros, vicepresidentes, conselleiros, secretarios de estado, todos eles ausentes en datas anteriores por problemas de axenda e agora presentes, casi residentes en Vigo, gracias, por suposto e non faltaba máis, á intervención carismática do novo líder da cidade, como hoxe el mesmo lembraba, non sen antes desculpar a súa inmodestia (que como se sabe é a máis sutil das expresións da vanidade). Entre visita e visita, canapé a canapé foron exhibindo o novo poderío do powerpoint, das recreacións virtuais, das gráficas abraiantes, para perfilar esa cidade que moi cedo ha ser envexa de todas as civilizacións, con Universíada incluida (só con imaxinar o súor de todos eses once mil atletas xa me poño a tremer).

Das declaracións de Caballero por un lado e de Domínguez polo outro hoxe no Faro podemos extraer algunhas ensinanzas, todas elas moi nutritivas. En primeiro lugar, que Caballero é o alcalde que presumiamos: un home por riba da cidade, moi por riba, na cúspide da pirámide como o faraón olívico. Aínda que emprega a primeira persoa do plural como esixían aqueles cánones clericais para non pecar de soberbia, os seus comentarios falan del sempre en singular: "yo habría hecho", "no veo la ciudad que yo querría", "yo hago la ciudad". Esa teima de figurar a toda costa, aconsellado probablemente por asesores que tenden a pensar que o poder recae no alcalde e nada máis ca no alcalde, eclipsa o labor doutros concellais, na práctica desaparecidos ou deslumbrados polo fulgor ciclópeo do gran timonel. Ese resplandor que el mesmo se outorga afecta á outra parella do diunvirato: os manifestos conflictos co BNG son despachados por Caballero cunha displicencia que, lonxe de tranquilizar aos cidadáns, fai medrar a sospeita sobre a gravidade do desencontro. A normalidade que proclama no que a todas luces é unha loita constante por acaparar pantalla é desmentida na páxina seguinte do Faro polo teniente Domínguez que se encarga de denunciar a intromisión dos socialistas nas áreas da súa competencia. Domínguez prefire a colexiación do seu grupo e adoita presentarse con todo o equipo, con toda probabilidade para facer constar a homoxeneidade, o labor sólido do BNG fronte á veleidade aristocrática do líder do PSOE. Pero non sei eu se ese meditado concurrir agrupado diante da opinión pública non ha ser visto como debilidade última. En fin, que o show mediático continúa e a cidade mentres tanto supoño que sigue a funcionar porque non hai nada que faga supoñer o contrario. O mellor destes días, con diferencia, a negativa do director do Porto ao proxecto do náutico e o peor, que hai que pagarlle, cos nosos cartos, as ocurrencias megalómanas e elefantiásicas do protoalcalde ao insigne arquitecto.

21 settembre 2007

PRIVADO E PÚBLICO


A imaxe pública dunha persoa en non poucas ocasións contrasta coa súa vida privada. Os casos son numerosos e calquera pode adxuntar un exemplo desa clara dicotomía. Non falo dos extremos notables de personaxes (máis ca persoas) hipermegafamosos que agochan unha vida completamente distinta de casa para adentro, senón de persoas máis do noso entorno cotián que, por circunstancias varias, acadan un certo prestixio a nivel público e que amosan unha faciana diversa cando se enfrontan coa esfera do privado. Falo máis en concreto deses intelectuais e escritores de celebridade que no seu traballo ou na tarefa cotián (normalmente profesores) amósanse coma uns impresentables.

Eu coñezo a máis dun que goza dunha fama (merecida ou non eso é outro cantar) notoria nos ambientes culturais: algúns deles mesmo ousan presentarse como adalides de causas nobres, están sempre prestos a dictar leccións morais (aínda que sexa unha moral/ina de andar por casa), e despois actúan cunha increíble desvergonza: non dan unha clase, escaquean sempre que poden, berran máis que ninguén (e conseguen non seren molestados) por un horario mal colocado, en petit comité abominan, con malas maneiras, dos compañeiros; en fin, constitúen un mal exemplo (social e ético) para case todo. Cren estar en posesión da virtude absoluta, coas características patentes de corso de quen vai de progre, pero, chegados os tempos de facer unha guardia, de presentar os programas, de entregar as actas de avaliación, amosan un desleixe polo traballo totalmente indignante. Se a xente que ergue ao tipo aos altares da fama souber do seu íntimo proceder, de seguro voltaríanlle as costas, pero moito receo que boa parte dese propio nome débese á soberbia aldraxante coa que saben vivir esas menudencias, impropias, por suposto, dun ser destinado á gloria eterna.

20 settembre 2007

ROUBOS CONSENTIDOS


Unha atenta lectura dun Informe de Contas calquera dá para pensar. Un par de exemplos, sen embargo, son elocuentes:
1. Contratos de investigación:
La firma de los contratos de investigación debe hacerse con posterioridad a la
aprobación de la actividad, aprobación que es competencia de la Comisión de Cursos y
Convenios y que ejerce, por delegación, la Oficina de I+D. Sin embargo, en la práctica
totalidad de los contratos e informes analizados, los contratos se firman con anterioridad
a la autorización pertinente de la Comisión.
El presupuesto, como instrumento de control cualitativo, cuantitativo y temporal de
los gastos, es aprobado con carácter previo por la Comisión de Cursos y Convenios.
Estos presupuestos son modificados, de forma frecuente, a lo largo del período de
ejecución del contrato sin motivación.
Una buena parte de los expedientes analizados, no reúnen las condiciones objetivas
necesarias para calificar las actividades como de investigación.

2. Másters do Universo.
Aprobada la realización del curso por el Consejo de gobierno, el profesor
encargado de dirigirlo decide todos los gastos, dentro del límite de los ingresos
generados, sin que ninguna otra instancia supervise la racionalidad y adecuación. El
hecho de que ninguna otra instancia se encargue de autorizar o supervisar la realización
de los gastos para el desarrollo del curso implica que el director se autorice el pago de
sus propias retribuciones. Se llegaron a producir situaciones absurdas como ocurre en el
caso del curso de X, en el que el director del curso se invita a sí
mismo a pronunciar una conferencia, acepta pronunciarla y acredita que la pronunció.


Ven a conto esta historia porque na tertulia de hoxe saíron casos "sobrecolledores" de connivencia empresa-universidade, ou entre cartos públicos e privados que metían medo. Claro está, sen probas fehacientes, pero vox populi. Estes que aquí transcribo son casos verídicos, casos coñecidos, sobre os que voa o silencio máis recatado.
Fotograma: Trouble in paradise, de Ernst Lubitsch.

AGASALLOS INXUSTOS


A política social dos gobernos progresistas tanto monclovita como sancaetanita tenden a unha forma moi sofisticada pero diáfana de reparto de agasallos a tutiplén. A fórmula consiste en poñer un límite por arriba de ingresos salariais (non sempre) e despois facer o cálculo dos cartos que van repartir. Así conceden 300 euros para ordenador e cursos de idiomas no estranxeiro para os que están nun curso determinado. Gratuidade dos libros para todo quisque. 210 euros para o aluguer de casas. E moitos máis exemplos.
Este xénero de repartos non parece igualitario. Probablemente evita complicacións técnicas ou sistemas máis burocráticos, pero parece evidente que non todo o mundo precisa deses cartos para eso. Uns máis e outros menos. No reparto tamén de retribucións, vexo que últimamente prefiren este mecanismo, porque arbitrar sistemas de distribución máis acaída non resulta doado e tiran polo medio: café para todos.
En calquera caso, falta unha programación a longo prazo. Claro que con eleccións cada tres ou catro anos e, nalgúns casos, con cambio na conselleiría ou no ministerio que conleva un cambio radical (e eso dentro do mesmo partido: imaxinemos se son de distinto) de persoas, plans e máis cousas, é moi difícil plantear medidas máis profundas. Así, non estraña nada que chegados os tempos electorais saquen esta ristra de medidas aparentemente atractivas que son, no fondo, estrictamente inxustas.

19 settembre 2007

O IRRACIONAL


O ano escolar comenzou hoxe no Reca oficialmente. Foi escasa (eramos dous) a concurrencia na tertulia. Pero o tema que sacamos, sempre fortuito, foi interesante: o peso do irracional (con pequenas alusións ao relixioso, que, por non repetirmos, evitabamos) no pensamento de moitas persoas. Son consciente da contradicción, pero é moi habitual atoparmos con xente que prefire a versión máis fantástica á racional, que prefire someter todo a unha especie de limbo do descoñecido que a unha lóxica máis ou menos argumentada.

Todo empezou co relato do meu amigo que invitou a uns nenos á casa e decidiu contarlles, sen moito ánimo e de xeito moi breve e sinxelo, a teoría da evolución, coa sorpresa de que os cativos, enleados coas cousas da primeira comunión, decidiron desmontala á brava coa súa crenza na creación de súpeto. Entendeu o meu amigo que se metera en camisas de once varas. Máis aínda cando os pais das creaturas lle fixeron ver que, en efecto, a teoría da evolución estaba ben pero que non explicaba todo e que, polo tanto, era mellor pensar que deus fixera o mundo en seis días.

A partirmos desta anécdota para nada impertinente, empezamos a debater cómo as persoas prefiren adecuar o seu discurso a eses resquicios do ignorado e do escuro, en lugar de dar explicación lóxica e natural ás cousas. Fóra do ámbito relixioso, pode verse mesmo en asuntos triviais para os que a xente busca o máis raro antes de conformarse cun relato máis ou menos sinxelo pero intelixible. A superstición, a crenza nunha forza superior, a presencia de algo que non controlamos (que non é o azar caprichoso, senón unha especie de máquina autónoma que nos move), modifica a nosa percepción e a nosa descripción mesma da realidade. Provoca unha parálise mental que impide debuxar as liñas lóxicas; acomoda (coloca e fai cómodo) o pensamento a un espacio reducido. Por iso, ese adoctrinamento dos rapaces na crenza dun ente que nos supera é inhumán.

Para Occam's Razor, para que a vaia afiando

18 settembre 2007

ARTIGOS SOBRE ITALIA


Un novo artigo sobre Italia e a súa política saiu onte na Gazetanación. Desta vez é sobre a anomalía Berlusconi. Estou contento e moi agradecido aos amigos do xornal. Non sei se teño moitos lectores, pero sí debo recoñecer que o paso moi ben escribíndoos. Eso é o máis importante. Se me len, por suposto, moito máis, claro está.

Na foto a costa Smeralda.

A TORRE DE HÉRCULES DESDE VIGO


A Torre de Hércules ten moitas posibilidades de ser declarada Patrimonio da Humanidade. Para mín xa ten esa categoría hai tempo: só faltan os trámites burocráticos para recibir o galardón. Desde Vigo, e sen asomo de nengunha historieta localista, vaia o meu apoio (coma a outros lugares senlleiros da nosa xeografía sentimental coma a Ribeira Sacra) a esa fermosísima construcción que, cando saiamos de A Capela para baixarmos cara Pontedeume, viamos ao lonxe. Longa vida, pois, á Torre de Hércules.

17 settembre 2007

COMER, XANTAR, CELEBRAR

Foi un fin de semán de encontros familiares, celebracións íntimas. Pisamos, pois, bares e restaurantes. Parece paso obrigado misturar emocións e deglucións. O venres comprobamos unha vez máis que Maruja Limón segue a ser o mellor restaurante de Vigo e arredores ata o Padarnelo e máis alá: Mero e Bacallau pasaron a engrosar a lista de peixes bordados por ese artista chamado Centeno. O sábado foi xantar na casa: uns spaghetti al ragù marca da casa pouco arriscados pero eficaces. O sábado á noite, unhas tapas no noso bar de sempre: o Proa da rúa Canceleiro: polbiños á grella, empanada de grelos e chourizo (rara excepción á extendida peste da empanada anodina), revoltos de gambas e algas, e setas e xamón. Regado convenientemente para sinalar o fasto. O domingo, foi tempo de Lanterna, de pizzas supremas. Pero mentres falabamos naquel templo da pasta en Vigo de cousas trascendentes (ou sexa outros xantares), alguén sacou a expresión Tres Portiñas e alí sufrimos todos a experiencia mística da memoria sublime: unha casa de comidas con ese nome en medio do noso barrio de infancia en Ponferrada (Lago de Carucedo, 13) onde ofrecen o mellor polbo do mundo, ao xeito bercián, unha modalidade non moi diferente do clásico á feira presentado en cazola de barro. Comimos dúas veces: unha en Vigo e outra en Ponferrada e as dúas alimentaron por igual corpo e desexo. Agora volvo e coa escritura volto a tomar aqueles tentáculos brilantes, mollados cos tintos en xarras frescas da terra daquel verxidum román. Non hai nada como estarmos todos xuntos e poder alcanzar certos paraísos.

15 settembre 2007

EFERVESCENCIA MUSICAL EN VIGO


Hoxe vou falar do que non coñezo, pero que intúo. A información indirecta venme por vía da miña filla, engaiolada, coma moitas da súa idade, pola música, eso sí nas vertientes máis anglosaxonas. Anda estes días de concertos nocturnos. Onte foi no Castro; hoxe, no Contrabajo, na rúa Venezuela. É noviña, pero o curioso do choio é que vai ver a xente da súa idade (uns 16 anos, colegas seus de clase) tocando en directo. Onte eran As de picas e hoxe Basta de fingir. Fun buscala onte a noite e puiden ver, na pista de patinaxe onde comezou case a andar, cómo os xóvenes de Vigo se reúnen ao ar libre para escoitar música duns rapaces que aínda teñen dificultade para achar pelos na barba ou rapazas que hai pouco viron medrar o corpo. E, ao parecer, eran e son varios grupos os que tocaban: eu sospeito que non hai hoxe raparigo ou rapariga que non cante nun grupo do que sexa. Que poderá saír de tal efervescencia, por agora recluida entre as arbres do parque, pero pronta a ocupar os centros das nosas vidas?

13 settembre 2007

TEXTOS DIXITAIS

Estes días, entregado á febril organización dun curso de verán, tiven a oportunidade de rencontrar vellas amizades, remedar as tortas por mor dalgún penoso malentendido e cobrar algunha nova. E, por suposto, puiden aprender, e moito, dos meus colegas que sempre están tan alerta ás novidades. Libros recomendados aparte, que xa levo anotados no lombo, discusións fértiles sobre a construcción e reconstrucción do canon, sobre a voz e as lecturas femininas, sobre xéneros, subxéneros e demáis familia, o curso puxo de manifesto a importancia crecente dos soportes informáticos e a crise de mentalidade que supón esta fiestra infinita no seo da investigación literaria. Firmes partidarios da dixitalización de todo ou de case todo, os investigadores enfréntanse á paulatina desaparición do formato papel para a divulgación das súas pesquisas. Con todo o que esto supón de desconfianza, incredulidade e ás veces nostalxia invencible. Estudantes alí congregadas (mulleres, sempre mulleres) apuraban o vello tópico do tacto do libro para reparar a posible perda. Profesores crían aínda na simultaneidade dos formatos. Outros, sen embargo, sen prexuizos nen lamentos, corrían raudos a anunciar a boa nova. O certo é que, nas pantallas das presentacións feitas, o fenómeno do dixital semella imparable. Atentos, pois, estamos á que caia, que xa comeza a ser abundante e case inabarcable.

Mentres tanto, paseen, pois, por estas páxinas: unha, de A Coruña, de emblemas, relacións de sucesos e polianteas; e outra, un extraordinario portal de Valencia, do que teño falado noutras ocasións, que é un auténtico festín para os que, coma mín, padecemos o morbo de pasar horas vendo textos e imaxes doutras épocas. Aproveiten para entrar para quedar abraiados. Coma mín.

9 settembre 2007

FEIRA MEDIEVAL E EMIGRACIÓN


Foi fin de semana de feira medieval en aspontes. Para visitar a family, entregada á reconstrucción da vila en formato medievo. Falcóns, teatriño ambulante, elixires varios, danzas do ventre e, como non, unha concentración moteira, con striptease de camisetas molladas. Non din feito. Entre empanada de liscos (moi célebre naquela terra polo seu poder calorífico), o arrecendo a queixos de cabra e ovella e a exaltación do donuts con chiculate tamaño neumático, transcurriu o día. Paseino ben (moi ben: é o que ten ver o meu irmán en plena forma), pero o das camisetas xa era moito. Non sei se houbo, porque o típico ralentín ou rintintín da noite non daba para moito. Eso si, vin a Ana (unha amiga de Zero Vacas) que facía tempo que non vía. E, coma sempre, foi suficiente para comprobar que os mellores das mellores xeneracións estánlle a coller moito gusto a viaxar e a vivir noutro lugar distinto de Galicia. Antes chamaban a iso emigración, pero agora non sei. Un destacado membro do nacionalismo local laiábase de que os seus fillos, educados na idea de permanecer en Galicia para crear e construir país, viven encantados a súa xuventude en Madrid e en Barcelona. O pai, desesperado, non comprende nada.

Foi esta visita á idade media, polo que se ve, moi fructífera.

Nota: tratarei de seguir estes días o blog, pero vaiseme facer difícil. Ando de curso de verán e non sei se poderei incluir as miñas reflexións.

7 settembre 2007

UNHA VERGONZA, UN CRIME

Unha das tormentas (en aparente vaso de auga) políticas do verán en Italia xurdiu cando un deputado de Rifondizione Comunista, ao comentar o elevado número de mortes por accidentes no traballo (morreran dous xoves o mesmo día), apuntou por responsabilidade criminal aos ministros que elaboraron a lei laboral aos que chamou directamente asesiños. As palabras do deputado lembraron a moitos os discursos do terrorismo dos anos 80 e pediron ao presidente do partido, Fausto Bertinotti, que desacreditara ao seu deputado. Un dos ministros aludidos, ademáis, fora víctima había un ano da reaparición das Brigate Rosse e, polo tanto, o comentario quedou baixo sospeita. Os xornalistas, en xeral, amonestaron a conducta do deputado, con palabras moi duras. Pero, salvo excepcións, pasaron por riba sobre a denuncia.

Hoxe lembro ese episodio cando vexo que día tras día nos xornais aparecen novas de mortes en accidente. Onte escoitei na radio que nada menos que 1300 persoas morreran no que vai de ano en accidente laboral. Xente xove case sempre, en oficios, coma o da construcción, de precariedade absoluta cando non de escravismo e destaxismo a mans cheas. Todos os días aparecen, do mesmo xeito que as noticias sobre Irak ou sobre a fame e a pobreza noutros países do mundo (e mesmo nos nosos), como unha ledaíña molesta que pasamos sen case atención. Hoxe, no Faro de Vigo a estampa deses mariñeiros peruváns que perderan o seu compañeiro na mar, coma onte os de Barbate non poden ser episodios cotiáns. A octava potencia mundial e de parte do estranxeiro, cunha macroeconomía que avanza ao 4% anual, cuns niveis de crecemento (para arriba) históricos, non pode permitir ese sangue nas rúas, nas estradas, baixo andamios, entre ferros retortos. Unha vergonza de país.

6 settembre 2007

TUTTO PAVAROTTI


Una furtiva lacrima...
Actualización: Gracias ao blog de Leonardo Coen, transcribo a letra de Caruso, escrita tamén para Paravotti, e inclúo o enlace cunha versión emotiva do sempre emotivo Lucianone.

Qui dove il mare luccica
e tira forte il vento
su una vecchia terrazza davanti
al golfo di Surriento,
un uomo abbraccia una ragazza
dopo che aveva pianto
poi si schiarisce la voce
e ricomincia il canto.
Te voglio bene assai e
ma tanto tanto bene sai
è una catena ormai
che scioglie il sangue
dint’e vene sai.
Vide le luci in mezzo al mare
pensò alle notti là in America
ma erano solo le lampare
e la bianca scia di un’elica;
sentì il dolore nella musi
casi alzò dal pianoforte
ma quando vide la luna
uscire da una nuvola
gli sembrò dolce anche la morte
guardò negli occhi la ragazza
quegli occhi verdi come il mare
poi all’improvviso uscì una lacrima
e lui credette di affogare.
Te voglio bene assaie
ma tanto tanto bene sai
è una catena ormai
che scioglie il sangue
dint’e vene sai.
Potenza della lirica
dove ogni dramma è un falso
che con un pò di trucco
e con la mimica
puoi diventare un altro
ma due occhi che ti guardano
così vicini e veriti fan scordare le parole
confondono i pensieri
così diventa tutto piccolo
anche le notti là in America
ti volti e vedi la tua vita
come la scia di un’elica
ma si è la vita che finisce
ma lui non ci pensò
poi tanto
anzi si sentiva già felice
e ricominciò il suo canto.
Te voglio bene assaie
ma tanto tanto bene sai
è una catena ormai
che scioglie il sangue
dint’e vene sai.dint’e vene sai.
CARUSO- Lucio Dalla

5 settembre 2007

ADEUS ERASMUS PROPIAS

Son estes días de volta cando as nosas rapazas Erasmus marchan. Son días de despedidas e de desexos de boa sorte. Aparecen polo teu despacho para que lles asines as follas de matrícula (aínda que eu non teño tal competencia) e aproveitan para comentaren, cunha confianza insólita durante o curso, as súas intencións, os seus pequenos temores, as súas esperanzas, entre calculadas e insospeitadas. Agradecen calquera palabra de ánimo; quedan de pe na porta coa última frase. Eu levántome, vou onda elas e acompáñoas (porque son todas mulleres) un pouco polo pasillo e polas escaleiras. Xa abaixo despídome cunha nova verba de afecto. Velas marchar polo vestíbulo coas amigas que tamén van, como elas, a un país que descoñecen. E teño que recoñecer que a envexa e unha íntima satisfacción xúntanse mentres regreso ao meu despacho. Tempo, pois, de Erasmus propias. Tempo de tristes adeuses e, sobre todo, de emocionantes horizontes.

Nota: tratarei de seguir a liga de segunda división de baloncesto feminino de Inglaterra: no Newcastle xogará unha alumna nosa.
Ilustración: E. Baamonde.

4 settembre 2007

ARTIGOS SOBRE POLÍTICA ITALIANA


Ando moi elocuente estes días: faime falta, que teño que preparar unha conferencia para o vindeiro martes en Pontevedra. Pero trato de centrarme nas miñas obrigas inmediatas e os ollos e o corazón, aínda no Mediterráneo, fanme escribir de seguido sobre Italia. Na Gazeta Nación seguen coa xenerosidade, e a paciencia, de publicar as miñas reflexións sobre a política italiana. Son os meus primeiros artigos sobre tal cousa e ademáis en serie, porque non pode ser doutro xeito. Os dous primeiros, sobre o novo Partito Democratico que ten previsto convocar á esquerda moderada (e non tanto) italiana. Teño que poñerme ao meu, pero vaiseme, vaiseme á cabeza para outro lado.

Na foto, Arume baixo os piñeiros que perviven dunha antiga vila fenicia.

AS GUÍAS DE VIAXE

As guías de viaxe son complemento imprescindible tan pronto como sabemos onde vamos movernos. Corremos á primeira librería para follear cal parece aportarnos máis datos. Como non sabemos nada do lugar en cuestión, eliximos por intuición ou por indicacións ás veces un pouco irracionais: as boas fotos, as ilustracións moi ben deseñadas, a claridade da tipografía, pero é evidente que pouco relacionado coa información sobre o lugar que imos visitar. Entre as máis coñecidas atópanse as de EL PAÍS-Aguilar, que, en realidade, son traduccións da elegante editorial inglesa Dorling Kindersley, adaptadas, ao parecer, para o lector español. Na última que comprei para unha zona de Italia atopei entre as precaucións estas xoias: "En verano, ya esté en la playa o en el campo, protéjase del sol para prevenir quemaduras e insolaciones. Si hace viento, es posible que no se dé cuenta de que se está quemando (...) Recuerde que en X puede encontrar cerdos, ovejas, vacas y caballos pastando en el campo abierto y algunos se le acercarán a la tienda a buscar comida. En las zonas de montaña evite a los perros pastores: están amaestrados para intimidar a los intrusos". "La campiña es muy agreste, pero afortunadamente no hay serpientes venenosas".

En Italia publican unhas excelentes guías a cargo do Touring Club Italiano. De feito, dá a impresión de que moitas outras collen información e datos daquelas, que acostuman actualizarse cunha frecuencia notable. Non así estas de EL PAIS, que presentan ás veces fotos antediluviáns. Cren que con cambiaren o das liras polo euro, está todo feito.

Pero, volvendo ás guías, mesmo ás mellores, o capítulo que máis me interesa é o da historia local. Como vou case sempre a países dos que coñezo algo a súa historia xeral, resúltame máis ou menos sinxelo comprender os distintos periodos dos relatos ad hoc. Sen embargo, a obriga de sintetizar e de comprender en poucas páxinas o que desde logo son varios séculos produce a incomodidade (por chamarlle dalgún xeito) de atopar expresións que, por tópicas, están sendo bastante habituais.

O modelo da historia dos lugares que visito é sempre o seguinte: uns tipos descoñecidos habitan o lugar desde moi antigo, sabemos algo deles, pero pouco, unhas ferramentas (que se atopan todas no arqueolóxico da cidade máis próxima ou na capital) e pouco máis. Que se enterraban ou non, que se comían trigo ou non. Cousas so estilo. A prehistoria. A historia sempre comeza cun fenicio ou cun feixe deles, presentados como uns comerciantes de primeira, con moedas nas máns, que cunha intelixencia fóra do común fundan cidades, xusto onde están as actuais, nun lugar privilexiado para entrar e saír e facer negocio. Así medran eses lugares.

O xusto para que xa veña por alí todo xénero de xentes. Entre eles non podían faltar os románs que chegan poñamos no século II a. c. e quedan alí romanizando uns cantos séculos. Así figura en case todas as guías: unha romanización que dura sete séculos. Por suposto, ese concepto sempre ven lastrado dun compoñente negativo, como o dos fenicios, o dos gregos ou dos púnicos que son os fenicios pero máis renovados: sempre chegan de fóra e molestan aos da casa, que xa nese momento xa non sabemos de onde veñen sendo. A caída do imperio román é, a pesar de todo, unha traxedia: chegan os bárbaros. Pero, a pouco que un avance no relato histórico, resulta que eses bárbaros son o comezo da "identidade" dise sitio: uns longobardos por aquí, uns ligures que baixan, uns aragoneses que ven tamén choio. Todos eses van chegando en sucesivas oleadas, por suposto, coa creación de numerosos pobos, pero, sobre todo, castelos, muros, bastións, cidadelas inaccesibles. A narración dese periodo é, para mín, un perfecto caos. Como non sabes quen era quen, comezan con que Alfonso V (ou III, que máis ten) rexeita aos que estaban antes que non sabemos onde van parar e forma nunha rocha confortable unha nova cidade, cunhas murallas que agora serven para albergar o clásico teatriño ao ar libre para o verán. A partir dese momento, pasan tamén varios séculos baixo a dominación dos maños e dos cataláns: o pior momento da súa historia, porque sempre hai un periodo terrible da historia dun país que soe coincidir coa chegada de conquistadores que esquilman e rouban todo o que atopan. Eso sí, recoñece a guía que a maior parte da riqueza artística da zona débese case en exclusiva a esa xente, moi devota, moi preocupada polas apariencias. É curioso cómo neste caso, a guía fai un estrano comentario sobre ausencias: non hai renacimento como en Toscana ou en Roma. Se non o hai por que entón sacalo? Para tocar as narices? En Italia todo o fetén é etrusco, se non hai etruscos, entón estamos diante dun país cativo.

A castigada parte aínda non italián chega ao seu momento clave: a chegada dos Savoia, e con eles a italianità. Hai que recoñecer que a guía neste momento deixa de contar porque entende que os seus lectores comprenden o termo, pero aquí, sen dúbida, empeza a afinar de carallo o historiador sintético. E aquí o lector pouco avezado empeza a naufragar e a pasar páxinas ata chegar á actualidade, despois do clásico unificación, fascismo, dopoguerra, hoxe. O interesante das guías de Touring Club é que o narrador síntese na obriga de facer un comentario seu sobre a situación do lugar no momento en que escribe e, desde logo, resulta a parte máis orixinal, máis atrevida (non dá espacio para a compracencia: hai guías nas que o lugar que visitas parece desaconsellable) e máis interesante.

En fin, que a miña loita contra as guías acabou por uns días. Pronto atacarei outras. É parte consustancial da viaxe.

3 settembre 2007

CALIFICACIÓNS PARA O PROFESOR

Unha boa noticia para comezar o ano académico: os alumnos do ano anterior puxéronme unha nota estupenda: un 4,61 sobre 5. Xa sei que as enquisas non son moi fiables, que os enquisidores non fan ben as cousas, que os rapaces non saben respostar; que todo é unha carallada. Dou todos eses inconvintes por moi ben argumentados. Pero, qué carallo, eu estou moi contento. E prometo mellorar. Para o ano, o 5.

2 settembre 2007

MEMORIA DA VIAXE


Gusto de viaxar de vacacións a Italia por varias razóns. A principal é porque me gusta de forma case visceral. A segunda polo clima, despois de probar viaxes a latitudes superiores á nosa (do hemisferio norte, of course) e acabar conxelado pola friaxe, como ano pasado na Rochela francesa, xa decidín trazar unha liña imaxinaria que seguindo a fronteira norte portuguesa enfía cara a oriente. Máis arriba desa liña teño prohibida calquera tentación para o verán, que eu concibo como estación para secar, como fan en Italia cos pomodorini e os funghi porcini.

Pero, a terceira, non menos importante, é a de escoitar outro idioma, outras voces; saber doutro país; recoñecer outros costumes (o costume alí é o traxe de baño); ver outras cores; e, por que non decilo, escapar de aquí por terra, mar e ar, durante un tempo prudencial. Así, relativizo completamente o día día do noso país. Cando volto, estou varios días comparando e, mentres comparo, esquezo esa voráxine que acado a media temporada cando a actualidade vai repicando todos os días con teimuda frecuencia. Cando un abandona o país, abandona tamén esa inmediatez, abandona non só os feitos que constitúen o noso pan cotián, senón tamén as reflexións constantes sobre os mesmos. Desaparece, durante os días que duran as vacacións, a propia idea de país. Como non hai noticias dél, agás os partes meteorolóxicos nos mapas extendidos dos xornais, non existe. E sólo existe o país no que vives e acabas mimetizando todo ata o punto de que acabas dun italián subido, cos engadidos capilares propios daquel país. Todo con tal de esquecer como sexa e durante todo o tempo o que aquí sucede. E claro que o consigues, porque compras todos os días o xornal querido, todas as revistas, falas cos veciños e preguntas a todas horas, e, por riba, como che deixan unha macchina italiana, fas que es italián e adiantas nas raias continuas e aparcas en lugares prohibidos; non respectas as colas; corres para coller o sitio; colocas a túa sombrilla a carón doutro; tomas un xeado coa mesma eficacia do que o leva no adn; compras un speedo para fachendear de bandulliño metido para dentro sen respirar; escoitas a radio que invita ás discotecas de nomes sempre españois (La movida ou La corrida) ou hispanoamericáns (La piragua, L'amaca); ves na RAI ese eterno programa de variedades con eses belezóns italiáns que parecen quitados dunha factoría en pezas de dúas, unha loira outra morena, sempre acompañadas do galán vestido de forma imposible (rosa ciclamino ou amarelo canario) ou do vello presentador que mide medio metro menos ca elas. Todo, mentres respiras ese ar seco, cálido, a terra bruciata, de volta para casa, co bañador mollado, as fiestriñas do coche abertas, e os ollos incapaces de resistir o brillo do sol espellándose sobre o mar azzurro. E a mímese é completa.

E entón, chegas un día; baixas do avión e compras o primeiro xornal e descubres que nada aconteceu, que a liga está a piques de comezar, que está todo dios de vacacións e que contratan os xornais a uns supostos graciosillos para facer o que eles chaman páxinas de verán, nun exercicio de rebaixas literarias ao que estamos demasiado afeitos. Descubres que todo segue máis ou menos no mesmo lugar, ás veces demasiado inmóvil, pero aceptas a situación cunha naturalidade insólita. Pero, a nostalxia daqueles días mentres o teu país non era máis cunha forma no mapa, nin siquera distinta doutras que levaban un paraugas por riba, é poderosa e sirve para ir amortiguando as pequenísimas pero constantes pingas da actualidade no novo país que é o teu vello país de sempre.

MATT DAMON, O HOME IMPASIBLE


Non teño ningún rubor en afirmar que O ultimatum de Bourne é unha das películas de acción máis impresionantes que teño visto en moitos anos. Teño que recoñecer que son un pouco fan da saga, pero esta última, do extraordinario director de United 93, Paul Greengrass, supera todas as demáis. As persecucións son exemplares, deixan sen alento a calquera e o ritmo, dun vértigo insuperable, logran agarrar ao espectador como poucas películas. Se a iso lle engadimos unha banda sonora poderosa e un actor de primeirísima (hoxe por hoxe para mín o mellor actor de Hollywood) coma Matt Damon no papel do atormentado Jason Bourne temos a película desta temporad(iñ)a. Porque xa sabemos que as temporadas para os que vemos películas con frecuencia dura o que tarda en aparecer outra que supere a anterior. Pero, mentres tanto, o ultimatum teno todo.