Celebra o Partido Socialista asamblea para elixir directiva local. Reúnense 800 nun hotel. O gañador leva uns 500 votos, o segundo uns 200 e o terceiro uns 100. O gañador levanta os dous dedos en sinal de victoria; o segundo di que é alternativa e o terceiro declara solemne que está claro que o partido está dividido. Con esa cantidade de xente nunha poboación duns 300000 habitantes ou máis de 200000 en idade de votar como poden ter a arrogancia, a alienada perda de conciencia do que representan? No meu edificio só vive máis xente que persoas apoian ao último.
31 ottobre 2008
OITOCENTOS NUN HOTEL
Celebra o Partido Socialista asamblea para elixir directiva local. Reúnense 800 nun hotel. O gañador leva uns 500 votos, o segundo uns 200 e o terceiro uns 100. O gañador levanta os dous dedos en sinal de victoria; o segundo di que é alternativa e o terceiro declara solemne que está claro que o partido está dividido. Con esa cantidade de xente nunha poboación duns 300000 habitantes ou máis de 200000 en idade de votar como poden ter a arrogancia, a alienada perda de conciencia do que representan? No meu edificio só vive máis xente que persoas apoian ao último.
30 ottobre 2008
DE GUANABARA Á SCALA: UN ROTEIRO EXEMPLAR
Levar o coche ao taller racha a rutina e abre perspectivas sempre interesantes. Hoxe aproveitei o tempo que levou cambiarlle os discos de freo para contemplar de perto un exemplario das vilas galegas. Tocou O Porriño pero ben podía ser calquera outra: tal é o grao de mimetismo no desleixo.
28 ottobre 2008
TÓR CULO
Non teño relación algunha con eles, pero cando vin hoxe en El correo gallego que cumprían 25 anos de negocio pensei que algo dese éxito se debe a nós, estudantes da veciña facultade de Mazarelos que entrabamos naquel fuchinoco modestísimo para facermos fotocopias. Que aquel recuncho ínfimo (con aquel pequeno condón granulado no furabolos para contaren as páxinas) rematara nunha empresa de artes gráficas que factura 6 millóns de euros ao ano é un misterio que non ouso descifrar: simplemente quixera aproveitar esa noticia para botar un pouco de nostalxia a esta noite fría dun final de outubro de 2008.
26 ottobre 2008
AU REVOIR GASPAR
Marcha Llamazares; despídese en Mieres. Membros de EU dirixen os seus índices de culpa a este home de escasa teatralidade, de contida retórica. Foi rostro visible, case único, dunha forza en trance de extinción malia o millón de persoas que aprecian as súas ideas, as súas iniciativas. Colocado nun lugar incómodo, herdeiro involuntario dun nome envilecido nas máns doutros sangues, desprezado polo aire burgués de quen ostenta o botín falso dunha hipoteca que costa a vida enteira, negado polos que descren de utopías ou de ucronías igualitarias, aprezado polo tecnócrata cando convén unha pátina de bermellón familiar só nas ceremonias, asediado polas propias células, libérrimas na súa interpretación do corpo que habitan, temido polos veciños máis próximos, capaces de ofrecer con agarimo as lebres máis envelenadas, Gaspar Llamazares foi quen de artellar un discurso correcto de esquerdas, demasiado correcto tal vez para os tempos que corren: un discurso exento de carisma ou de obscenidade mediática, con un punto se cadra (non para min) excesivo de moralismo, pero sempre de tono medio ou monótono, difícilmente audible ou atendible. A súa voz, nunca irritada, emitiu os xuízos máis sensatos e prudentes (que non significan oportunos), as análises máis ponderadas e verosímiles (que non significan compartidas). Pero nada disto pode valer un lugar nítido no teatro da política. No seo do seu partido, moitos (e por varias razóns) eran os seus opositores; mesmo os máis afíns criticaban o seu escaso xenio, a súa escasa euforia, confundida ou asimilada a un entreguismo, tras oito anos de goberno Aznar, á gobernación socialista cando non a unha dinamitación desde EU do poder do PCE nas decisións. Se cadra debeu marchar antes (eu creo que moito antes), pero tampouco o partido ou a coordinación dos partidos (dividido en infinidade de sensibilidades, pouco conectadas entre si, incluso descoñecidas) daba para moito máis.
25 ottobre 2008
MOBILIZACIÓN EN ITALIA
Case dous millóns e medio no Circo Máximo de Roma para acoller os simpatizantes do centrosinistra do PD, principal forza opositora da política protofascista de Berlusconi. Un'altra Italia é possibile. Pero que difícil está! Italia é (moito, engado) mellor que os que a gobernan.
A WONDERFUL DAY IN PADRÓN
Foi día de pasar en Padrón con amigos de infancia, adolescencia, xuventude e o que caia. Había tempo que non nos víamos (que guapísimas elas!) e preparamos (máis ben a decidida Pili) un xantar na Casa dos Martínez, un recuncho moi agradable da vila, descoñecido para min e agora moi pero que moi recomendable. O día outonizo pero cálido preludiaba un caluroso encontro e así é que foi: apenas tivemos tempo para tomar un piscolabis polas ruelas de Padrón porque de seguido entramos nese pequeno local. Moi ben amoblado, moderno, pero sen estridencias minimalistas como adoitan agora ter os restaurantes, que parece que estás de máis, que sobras naquel espazo. A Casa dos Martínez convida a xantar con tranquilidade. O dono, atentísimo, acolle de forma espléndida aos comensais e dalles confianza (sen excesos) para sentirse ben. Procura entender o que queres e inmediatamente propón primeiros pratos variados para picar e despois pratos que preparan co que atopan no mercado.
HSM-3, A LEDICIA ADOLESCENTE
23 ottobre 2008
AGUSTÍN, A LIX PREMIADA
Encendo o coche. Poño a radio. Escoito unha voz familiar, entrecortada, como de teléfono móbil. É Agustín. Pero que fai falando en radio 5 e en español? Córtase a comunicación. A entrevistadora disimula facendo eloxiada presentación. E ao cabo, outra voz lembra a noticia, a feliz noticia, a fenomenal noticia: Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura infantil. Noraboa desde este recuncho hoxe de ledicia porque ademáis pasou por esta bitácora en xuño. Bicos ademáis de C., que está encantada.
22 ottobre 2008
IDENTIDADE
Detesto a palabra identidade ou alomenos o seu abuso (co seu plural correspondiente, signo de modernidade(s)) nos tempos que corren. Panacea, bálsamo, angarilla, caxato ou podio para discursos de medianía, intervén nas ágoras como pirixel taumatúrxico, a cuxa pronuncia acode o orbe e o avutre. Para conxurar o termo, apuro un lixeiro exercicio lexicográfico, co tesouro académico hispánico como referencia. Veleiquí o resultado.
21 ottobre 2008
4 MESES, 3 SEMÁNS, 2 DÍAS
Vin a semán pasada, libre das habituais recomendacións ou comentarios que adoitan acompañar as estreas cinematográficas, Catro meses, tres semáns e dous días. Apreciei a vontade do director de crear unha narración especial, a base de manter a cámara nun plano teatralizado e de deixar que as palabras flúan coa demora e o ritmo falsamente natural dun diálogo verista. Apreciei o sólido traballo das actrices, en particular o da protagonista, aínda que o silencio, a ollada perdida e o camiñar sen rumbo, cunha steadycam nervosa detrás dela, podan suliñar en exceso ese drama interior. Apreciei a grisácea descripción dun Bucarest hostil e a insinuación efectiva dun inverno moral e afectivo. Apreciei o retrato anodino dunha familia rumana expresado nun plano a propósito irritante no que apenas caben todos os personaxes. Apreciei a íntima repulsión das mulleres, apreixadas nun cuarto, nunha atmosfera abafante e sen saída.
19 ottobre 2008
LA CENA PESADA DE ELS JOGLARS
Chego agora mesmo de La cena, unha nova chorrada de Els Joglars ou máis ben do autor da suposta obra, nun xa evidente declive de talento. O labor actoral é coma sempre nesta compañía irreprochable, cun Fonserè sempre sobreaínte. Os aplausos finais foron máis ao traballo e, no fondo, á marca dun grupo histórico coma o catalán ca propiamente á obra que resulta pesada, aburrida e chea de diálogos insulsos e completamente prescindibles. A sátira, cando aparece, é de sal gorda, como é adoito nos últimos montaxes, con menosprezo dunha maior intelixencia na resolución de gags verbais. Por momentos, parece un estar a ver unha versión (moito peor) dun episodio de teleserie cómica, con esceas moi desaproveitadas. A visión ridiculizadora do poder ou a exaltación da estulticia representada por un gurú da gastronomía sirven un prato confuso, de discursos (eles mesmos empregan o termo monsergas) inacabables e persoaxes sen acabar, unha especie de parrillada indixesta de gracias inocuas e supostas diatribas (máis ben parvadas) contra todo.
TARDE DE DOMINGO
18 ottobre 2008
SOCIALISTAS EN VIGO
A noticia de que un home chamado Carlos regresa á política viguesa permite unha reflexión. Sen valorar a figura obsoleta(1) do susodito, o que chama máis a atención é a distancia sideral que os grupos políticos manteñen coa cidadanía.
17 ottobre 2008
ERASMUS AGAIN
Nas tres materias que imparto o número de Erasmus supera con moito ao dos locais. Nunha clase concretamente de 27 alumnos, 17 son do famoso programa europeu, 2 son dun programa cos EE.UU.. Se temos en conta ademáis que teño 3 persoas do programa de cuarto ciclo (ou sexa maiores de 55 anos), saen a conta dos/as propios/as. Nas outras clases a proporción é máis pequena pero aínda así son sempre máis do doble dos coñecidos doutros anos.
16 ottobre 2008
UNIVERSIDADE DE GALICIA (II)
A proposta do meu post anterior require unha pequena explicación. As principais razóns que levaron á escisión en tres universidades están expostas no preámbulo da lei aprobada en xullo do ano xa lonxano de 1989. Todas elas, sen excepción, son agora completamente impertinentes. Ou, miradas con certa perspectiva, xa eran daquela frouxos motivos para a división triversitaria.
UNIVERSIDADE DE GALICIA
Hai rumores de fusións nas caixas de aforro. En concreto, das galegas. A crise é a excusa para xuntar cartos nunha soa empresa. Optimizar recursos e afianzar posicións. Disque.
15 ottobre 2008
METARRETÓRICA
14 ottobre 2008
VIRXILIAR
BARES DE VIGO: A ALDEANA
O meu amigo Antonio recomendoume a tortilla do Aldeana, un bar modesto da rúa Rosalía de Castro. Desde que pecharan a Lucense, paraíso de churros a primeira hora e de tortilla a iso das dez da mañá co local enteiro cheirando a cebola rustrida, o amigo Antonio camiñaba como alma en pena na percura doutro edén. O outro día avisou deste local. Probeino o venres a media mañán, nesa hora fantástica da cidade, co trafego inigualable desas horas. A proba non estivo mal, pero dame a impresión de que o meu amigo ven demasiado famento das súas longas brazadas na piscina.
12 ottobre 2008
EN BOAS MANS
O XLSemanal agasalla unha entrevista cos cinco conservadores (a palabra inglesa curator parece máis axeitada) do Museu do Prado de Madrid. As voces destes expertos en arte pictórico de varias épocas son extraordinarias por moitas razóns. Porque desmontan vellos vicios, que Manuela Mena chama erros vulgares, sobre a interpretación interesada de certos cadros; porque eliminan as preconcepcións sobre o biografismo, o verismo e a mímese asociados á pintura; porque desenmascaran o patriotismo (que peste!) de escolas coa aplicación dunha sinxela rede de tradicións varias (coa admisión para min emocionante de que é preferible que a Venus do espello permaneza para sempre na National Gallery por recompensa á estima dos ingleses pola pintura de Velázquez e, como non, por xustificar unha viaxe a Londres): porque prestixian as pequenas obras, marxinadas polos ecos dos lenzos máis contundentes; porque aman a súa profesión e engrandecen, coas súas actualizacións cheas de intelixencia e faltas de prexuízos, o estudio da Pintura.
10 ottobre 2008
O NON TURISTA. SECONDA PUNTATA
O non turista camiña por un dos barrios máis e menos venecianos. Máis veneciano porque alí só habitan veciños de sempre, de berce salgado e ollada lacustre, que toman o vaporetto coa toalla ao pescozo para iren ao Lido ou para refrescarense na parte dos canais que dan á lagoa, a máis lavada polas tormentas e as corrientes. Non fai falta engadir que desprendidos de calquera fascinación por aquela xeira de illas, canles e bacini. Senta naquela beira da grande morea de illas, sobre un petril de pedra de Istria (só el é quen, xaora, de recoñecer a procedencia daquel balaustre branco e poroso) para admirar o vello trafegar de anciáns co gazzetino baixo o brazo ou de nais que acompañan aos seus fillos a pasaren o exame médico de asmas na federación italiana de iudo. Cando mira chegar a unha familia de Cincinnati, vira os ollos cara a illa de san Michele co firme propósito de visitar as tumbas dos persoaxes escasamente célebres ou venerar as lápidas dos infinitos Zanni que construiron as ringleiras de arbres mineralizadas sobre as que pousan palazzi, fondachi ou magazzini. Mentres memoriza o perfil dos cipreses e do valado de escuro ladrillo do cemiterio de san Michele e da illa de Murano ao seu carón, honra coa súa lembranza o sangue esquecido, a calivera que imaxinou táboas para a acqua alta ou a liña oblicua para as pontes tortas que unen calli que non coinciden.
E menos veneciano, porque alí non hai demasiado telón para as máscaras. Alí desembocan, xunto ao muro do campo de fútbol de herba artificial dun verde luminoso, o lixo que a maré transporta: as infinitas botellas de plástico que o comune de Venecia pretende evitar coa incorporación de cloro á auga da billa; as rodas (le gomme) que ainda serven para amorrar as barcas ao peirao; as bolsas de calquera especie ondeando nun mar de algas algo putrefactas que as zonas industriais alimentan a diario. Contempla ese devalo coa delectación de quen, por fin, atopa a non Venecia, a non postal, a perspectiva que nunca figura nos inventarios por moita torre da Madonna dell’Orto que poida enaltecer o contraste.
Nas poucas mazás (non vale o termo: quizáis elevacións ordenadas de pedra, con xanela, portas e tendais que comunican os tellados, entre os camiños que levan a unha ponte) da parroquia de sant Alvise, o turista recrea os ollos na estampa da roupa tendida dunha casa a outra; repara sen censura na decrepitude das paredes ou na elección do aluminio dourado para as dobres fiestras que enfrontan as treboadas. Sabas de cores como as das pequenas casas de Burano e unha ringleira perfecta de bragas negras e un sostén gris marengo satisface durante esta primeira mañán a súa fantasía.
Regresa a casa pola ponte da Fornasa Vecia, despois de mercar no supermercado Billa uns pinchos morunos elaborados para o común dos mortais vénetos que fica en agosto na súa cidade. Prescinde de rucolas, mozzarellas ou pomodorini secchi: só esa trivial preparación de anacos de raxo espetados, tosca e vulgar, permítelle comprender ese universo e finxir unha provocadora non estancia, unha non visita, nunha non Venecia especialmente creada para a súa ocasión.
Entra, prepara a comida, toma un café coa Moka e sube ao seu cuarto a escribir as primeiras impresións dun non turista.
9 ottobre 2008
O NON TURISTA
O turista que chega a Venecia acubilla a fantasía de non selo. Cando pon os pes no Piazzale Roma ou na estación de santa Luzia mira un mundo de persoas exactamente iguais a el, mais tende a pensarse único espectador dunha comedia na que non participa. Cruza a ponte dos Scalzi ou a das Guglie coa firme determinación de ser invisible ou, en todo caso, a de agocharse camuflado entres as multitudes coma un estraño. Algún deles mesmo aventuran unha súbita transformación en venecianos de estirpe dogal para semellaren indiferentes ao mansedume da grei turística.
A teima do turista por borrar a súa condición require dunha estratexia exhaustiva. Despreza os lugares comúns, os tópicos endeusados polas postais ou polo folclore globalizador. Cando detecta moreas demasiado ordeadas bule cara escuras calellas onde ninguén camiña. Elixe, para camiñar sottoportegos a ningures, cortes que dan acceso a varias vivendas pero sen saída, que obrigan sempre a voltar sobre os mesmo pasos. Desimulase a sí mesmo coa detención en insólitos detalles: un par de botellas de agua para alonxar gatos no limiar das portas, a cancela de ferro batido en Gorizia, os picaportes co rostro de dous mouros con turbante ou a pétrea distribución dos timbres e dos chitófonos das casas.
Escolle a periferia para o risco. Ama as fondamente baleiras, mesmo de venecianos, desparecidos pola calor tras as xanelas fechadas, aínda que un sol de chumbo quente acrisole a súa cachola evaporada. Cando chega, por exemplo, á praza de diante de sant Alvise e entra na igrexa, detense á entrada, separada do interior por unha maroma tan basta coma a que empregan no vaporetto e por unha ventilada biglieteria onde figura o prezo para o turista que el non é. Confórmase con admirar a bóveda desde a porta a pesares de que o trampantollo engana máis a vista do necesario. Pero o non turista xamáis paga a cuota, non por indignación cristiá contra os mercaderes do templo ou por unha contestación secular contra o monopolio da beleza, senon por non contribuír á impostura turistizante con aquel décimo actualizado para transeúntes.
Abandona o non turista aquel inhóspito templo cando advirte que más de dúas persoas de parla dálmata ou cabeleira tudesca irrumpe nese territorio que aventuraba incógnito e preparado só para el. E procura a estación do vaporetto máis afastada, aquela que mira as refinerías de Porto Marghera ou os guindastres de Mestre. O horizonte fabril da terraferma que miran os seus ollos aumenta a sensación de autenticidade, de verismo axeitado á súa obsesión evasiva, pois conduce ao backstage dun esceario que el, por suposto, detesta. Pero dubida se resulta satisfactorio, porque a lagoa brila cunha cor cincenta e o reflexo do ar provoca nel un estupor que identifica (ou cre identificar) co que sinten os miles de turistas que buscan calquera panorama.
7 ottobre 2008
SCUOLA GRANDE DI SAN ROCCO
O viaxeiro que visita Venezia recorre os lugares marcados pola tradición e pauta no tempo que vai pasar naquela cidade os sitios que pretende ver. Nese percorrido comprobo que hai un lugar pouco transitado, increíblemente esquecido pola inxusta xerarquía do mercado turístico: a Scuola Grande di san Rocco. Son consciente de que Venezia é inabarcable mesmo se vives alí toda unha vida, pero parece estraño que entre os principais lugares de visita non se atope esta marabilla das marabillas. Á marxe da devoción que un poda sentir por Tintoretto, as dúas salas que compoñen esa casa supostamente de beneficiencia pero prodixio de luxo e esplendor magníficos merecen un posto preferente na contemplación de Venezia. Tomen nota (é algo caro: uns 8 euros, pero eu entrei gratis na súa festa principal o 16 de agosto) por se toman a sabia elección de vivir, aínda que sexa unhas horas, na cidade máis fermosa do mundo.
O LIBRO, ESA ESPECIE EN EXTINCIÓN
6 ottobre 2008
FRÍAS, FRÁXILES, DURMINTES
Lamento disentir con cantos recomendaron as fotos de Victoria Diehl expostas na sala de Caixagalicia de Vigo baixo o rótulo de Photogalicia 2008: non me gustaron nada. A proposta conceptual de modificar fotos de corpos espidos coa apariencia de estatuas (des)gastadas e limadas polo tempo non pasa disto: unha proposta que non debeu pasar da súa mera formulación intelectual. Había mesmo unha guía explicando o concepto. Puxen un pouco a antena, non por ver de comprender aquel artificio, senón por analizar o xénero explicación de exposicións. Interesoume máis a performance de tentar animar aos asistentes a participar na contemplación e intelección da obra de Diehl cá propia obra.
BLOGOCULAR
Hoxe Anabande volveume indicar que lectores e lectoras deste blog renuncian a ler as miñas anotacións pola cor negra do fondo e a cor branca (agrisada nas derradeiras versións) das letras. Moléstalles. Non son os primeiros e receo que non sexan os únicos. A min gústame, e moito, o resultado final: sempre gustei da cor negra como fondo para as fotos e para as letras. Atopo elegante a combinación actual do meu blog e sinto que forma parte xa das súas características. Tamén é verdade que desde o meu ecrán o resultado é moi atractivo. Sinto, en todo caso, non poder satisfacer os seus desexos. Se podo facer outra cousa por eles/elas, aquí están os comentarios para facer chegar as súas suxestións.
5 ottobre 2008
SOMBRAS
Sigo coa miña teima universitaria. Estamos a mudar os planos de estudios. Pasamos de licenciaturas de 300 créditos (5 anos) a Graos de 240 créditos (4 anos). Esa pequena diferencia cuantitativa leva á potenciación dos posgraos, estudios de 60 créditos (máis será raro), para completar o grao e especializar ao alumado, eso si con prezos públicos pero lixeiramente máis elevados. A transformación comporta unha necesaria reducción da docencia, pero non unha regulación de emprego do profesorado, na súa grande maioría de condición funcionario. Nesta nova situación debe actuarse con audacia: coa incorporación dun programa completo de resultados e obxectivos concretos a medio prazo para o persoal investigador e docente das universidades. Un compromiso cunhas metas moi precisas (unhas determinadas pautas investigadoras, unha melloría nas aulas: non participarmos neses cursos infinitos impartidos por profesores da propia universidade que non saben eles mesmos nin explicar que é o que fan nas súas clases) que permitan mellorar o labor do profesorado e a propia eficacia da universidade. Para iso precisamos dunha vontade política (polo de agora inexistente) e dunhas ideas claras (que pensen outros, é a consigna) ao respecto. O comentario habitual entre os pasillos é o de augurar un cambio lampeduso, porque todo o mundo acepta que as autoridades son incapaces de alterar ou molestar á pax beatífica dos campus por decisións impopulares tomadas desde arriba.
SATURDEI NAIT
Onte houbo cea mexicana no Chilam Balam da rúa Porto. Cos veciños de edificio e afíns, xuntámonos para celebrarmos que nos xuntábamos. Coma sempre e comm'il faut. O local, acolledor e cun servizo atentísimo, estaba cheo. O xantar, variado, foi informal, composto de tortitas de maínzo con faragullas saborosas de carnes mixtas. Para xantar coas mans e regar con salsas diversas, graduadas de maior a menor picante. O viño, á forza abundante, non estivo mal, así coma o postre e o café. Un lugar moi recomendable: pensamos, de feito, repetir. Eso si, convén reservar porque o éxito do restaurante é moi notable: os prezos razonables explican os seus méritos.
4 ottobre 2008
O XORNAL DE HOXE
Leo con tranquilidade EL PAÍS despois de xantar. Unha vella tradición sabatina. Procuro determe máis do habitual, en especial nas páxinas dun Babelia sempre irregular e nas novas cheas de abundante información do Viajero. Das primeiras constato a (resesa) ubicuidade de Juan Cruz; a abundante anatomía de Villalta; o artigo de Muñoz Molina (hoxe máis interesante do habitual); a especial devoción dos mandaríns barceloneses (Jordi Gracia) por Gimferrer, cuxa historia amoroso-erótica axiña contarei; a incomprensible recensión do incomprensible (e plúmbeo) Ferlosio; a reseña sempre limpa, sen aristas (e tamén sen interese), de Guelbenzu; a insulsa frivolidade de Rodríguez Rivero; a sempre útil e interesante glosa de Calvo Serraller (un lugar de parada obrigado); a crónica de espectáculos de Marcos Ordóñez, imprescindible para quen carece de oportunidades de ver teatro; e a correcta (e rutinaria) evocación de Paul Newman feita por Martín Garzo.
ITALIAS
Subscribo por completo (con algúns matices que non veñen ao caso) o artigo publicado en Vieiros sobre a realidade italiana. Onte mesmo vía libre ao trámite da lei. Agardo que en vindeiras semáns o autor siga a crónica da complexa e fascinante Italia.
3 ottobre 2008
NON AO PROXECTO DE PRAZA DE ESPAÑA
Anuncian unha desfeita irreparable para a Praza de España en Vigo. Aprobado o PXOM, chegan as barbaridades. Cos planos e as maquetas á vista, o horror (vacui, no fondo) é palmario. Por moita superficie arborea (similar á Alameda, din os turiferarios), por moita vixianza e rigor constructivo que prometan a calamidade está servida. Que un PXOM era necesario ninguén o dubidou: que empecen por iste enxendro simplemente delata a toda unha clase política.
2 ottobre 2008
EGO/NOMATO
TODO O PODER PARA OS REITORES
1 ottobre 2008
CRISE
Caixanova fornece Galicia 25. Ignoro a calidade da mostra, porque non puiden vela entre tanto boato. Pero estou seriamente preocupado. Non sei como vai rematar todo esto. Se onte comezaba a tremer polo futuro, diante das pésimas noticias bancarias procedentes do dauyons, do indiceniquei e da bolsa de shanghai, hoxe certifico a debacle do mundo das finanzas. Caixanova non foi quen de subministrar convenientes doses de viños e cervexas (había superávit de fantas) nin de cebar con suficientes pinchos (dun tamaño, por certo, minguante: o Molino, cunha política de recortes no follaldre*) á cultura e intelectualidade galegas. A restricción foi tan notable que mañán mesmo a primeira hora acudo á sucursal máis próxima a retirar os meus cartos. Esto cheira moi mal.