Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 maggio 2009

GARZÓN QUE SE ATREVE



As decisións do xuíz Garzón de empapelar a canto tirano hai no mundo e de ir ata o fondo en cuestións transcendentais para un país como a reparación dos crimes e delictos cometidos durante a dictadura suscitan en xeral (salvo que sexas familiar ou afín aos posibles emplumados) simpatía. Probablemente unha das súas pretensións sexa a de poñer (nunca mellor dito) en tela de xuízo a ocultación, mestura de esquecemento e infamia, pactada durante tanto tempo neste país. 
Ignoro se mide as consecuencias dos seus actos. Todo o mundo parece poñerse de acordo en anotar a súa extrema soberbia e o seu afán de protagonismo estelar. Eu non o coñezo: escoiteino falar algunhas veces (cunha elocuencia eso si moi empastada que eu non aturo) e sigo con certa atención as súas declaracións. Non proclamaría eu tan alto, por falta de probas contundentes, a súa megalomanía. Pero do que non cabe ningunha dúbida é de que, á marxe da persecución insidiosa e a magna xenreira que provoca en amplos círculos do poder (nomeadamente do cuarto), as súas actuacións están case sempre cheas de fisuras e de lagoas procesais que rematan moitas veces en nada. 
Non sei se ten máis interese en expoñer o caso desde un punto de vista político (o cal a min me parece tamén perfecto, porque sen iso non habería mudanza na xustiza) ca desde o punto de vista estrictamente xudicial. É posible tamén que desexe alertar sobre a dificultade que as leis, o ordenamento xurídico e as persoas que agora mesmo exercen esas funcións supoñen para a resolución de asuntos enquistados e apodrecidos na sociedade española. É posible. Pero estou con Isaac Rosa (quen, por certo, se está a convertir nunha das columnas de lectura obrigatoria) en que non parece ás veces a mellor maneira de resolvelos non asegurar o rigor do seu procedemento. E tamén estou con el en que mentres non haxa leis que permitan facer o que pretende facer con boa intención pero desigual desempeño o maxistrado Garzón os resultados van sempre nulos e, o que é case peor, frustrantes.     

28 maggio 2009

LAPUS LINGUAE


Unha das estrataxemas empregadas polos dirixentes conservadores (prefiro este termo para ubicalos ollando cara o pasado) dos últimos tempos é o de soltar unha barbaridade en forma de globo (s)honda e desdicirse ao momento ou, mellor dito, tan axiña coma ven rexistrada a resposta da opinión pública. Non sei se nos libros de axuda a elites políticas figura un epígrafe dedicado a esta técnica, pero estou vendo o seu uso demasiado extendido para pensar en arroutos ocasionais. E hai que recoñecer que dá resultado, porque a opinión pública tende a glosar máis a insania có xuízo prudente. Se o susodito mira que os seus siarean a animalada pero os rivais amosan escándalo, logo o tipo repite, coa sutileza dun jondere, semellante rutido. Se mira que os da súa casa mesmo poñen faciana de estupefacción e que os outros acuden ao xulgado de instrucción de praza Castilla para presentarlle xa querella por abrir a boca, logo blasfema contra o xornalistiña de turno que recolleu mal as palabras (aínda que foran escritas nunha folla parroquial de monsignore Rocco), acusa aos demáis de torpeza auditiva ou, na maior parte dos casos, afirma que non quixo dicir o que dixo pero dixo e que se o dixera doutra vez diría outra cousa pero a mesma. Unha burda emendatio que, a pesar do que parece, ten efectos se non inmediatos si na segunda vez que semellante brutalidade se emite, porque o ouvido escandalizable desa opinión proteica e maleada afaise a calquera veleno ou insidia.
Non sei se hai tamén nos manuais de axuda a politicastres apartado para contrarrestar estas manobras, pero xa desde aquí aviso a mareantes de perdices: cando un tipo espute un lapus linguae destes desde a atalaia dun horrendo traxe forever young, fagamos como que non oimos a especie. Contemos ata tres e deixemos que transcurra limpo o branco día que temos por diante. 

BARÇA


Esa parte irracional que me persegue desde os campos de croios, ao pe da montaña negra de Ponferrada que agora xa non existe, onde xogaba a todas horas durante case todos os días.
Esa parte irracional que me persegue desde os campos de croios, ao pe da montaña negra de Ponferrada que agora xa non existe, onde xogaba a todas horas durante case todos os días.

27 maggio 2009

MADRID MON AMOUR


Pasei menos de 24 horas en Madrid. Fun a unha reunión pola tarde e voltei ao día seguinte. Aproveitei para baixar ao metro, ver os catro novo rañaceos de perto (moito me gustaron), visitar a estación de Chamartín (agardo que un día destrocen todo aquilo), agardar por Rafaeliyo á entrada da Fundación Canal Ysabel II e abrazármonos durante un longo rato despois de varios anos sen vérmonos, tomar con el uns boqueróns en vinagre nunha tasca da praza de Castilla á saúde das nosas respectivas familias, sentir o ar quente da noite de Madrid mentres recolliamos o coche, ir buscar a Leli que viña de Almería de enterrar a unha amiga de infancia, baixar a M-30 abaixo coas xaneliñas abertas e ver as luces da cidade a toda presa, lembrar nese instante ao furacán Fifí, aquel adolescente que un día nos visitou e que morreu moi poucos anos despois dunha sobredose de heroina (probablemente a mesma que a súa nai ía mercar coa nai de Rafa polos baixos fundos de Madrid), ou a Nane, ou a Laura que viaxara connosco a aquel Londres de hai xa tantos anos coa calor abafante daquel xullo inesquecible, contemplar a praza das Ventas, pouco iluminada, recorrer Alcalá adiante e chegarmos a pe do hotel e despedírmonos cun aquel emocionado nos ollos de Leli recén chegada de enterrar á súa amiga de infancia de cáncer de anos, durmir esa noite, escoitar a treboada e despertar coa luz fugaz do lóstrego, deixar as maletas nese hotel aillado de Madrid, nunha paraxe inhóspita unha mañán de sábado, coller o metro en Suanzes, mirar, mirar, mirar, saír en Alonso Martín e seguir polas costanillas do barrio dos poetas, onde antes eran Huertas que aproveitaban a suave pendente deste poblachón manchego, pasar polo Prado para ver que as colas non están feitas para o inquieto, facer unha foto á Neptuno por comanda de don Xaime, subir Carrera de san Jerónimo para alcanzar de novo a praza de santa Ana, contar os restorantes galegos (mesmo aqueles con especialidade en callos á madrileña) ou de comida galega (mesmo aqueles rexentados por persoas de tez tropical) que hai pola rúa da Cruz, lamber os carteis con esas palabras fermosas do idioma español mollejas, gambas al ajillo, riñones al jerez, facer a jimkana da porta do sol, entrar en fnac e saír rápido, tomar uns churros no postigo de san Martín, chegar tarde ao convento das descalzas, ler a placa na sede berroqueña da Cajamadrid que lembra que alí estaba o palacio do Marqués de Villena, anfitrión da academia e principal artífice do Diccionario de Autoridades, subir á praza Maior por cheirar a calamares, visitar as covas dos meus familiares, dar un garbeiyo polo medio do mercado de san Miguel renovado exemplarmente onde se podían comer unhas huitres con champán (e lamentei eu a cutrería da pedra viguesa, a pesar do seu éxito indubidable), entrar na Mallorquina para refuxiarse da chuvia e quecer cun café na barra, antes de mergullarse no metro de Sol e mirar, mirar, mirar, e saír en Suanzes, voltar ao hotel, recoller a maleta, montar nun taxi e tomar o avión de volta e suspirar, suspirar, suspirar. 
Vivín en Madrid un ano enteiro. Pasei semanas enteiras en casa do meu amigo Rafa, Moscatelar 34, en primavera, antes de nadal (naqueles días das lapas do Alcalá 20), en verán, en todo tempo do ano. Visitei Madrid moitísimas veces. Sempre marcho dela con feliz tristeza. Desta vez, non sei por qué, a nostalxia foi moito máis intensa. 
Cheguei á conclusión, entre as turbulencias do avión que me traía a Vigo, de que moito amaba eu esa cidade, cun desacougo sentimental que hoxe non son quen de descifrar de todo.

26 maggio 2009

A QUINTANA É NOSA, RUBÉN


Superior ás miñas forzas: o da clerigallada de onte foi moito. E, claro, veu El Roto ao meu rescate. 
Eu tamén digo/berro, como o blog de Aliciacrece, A QUINTANA É NOSA.

25 maggio 2009

CHUS PATO: O CANON DA POESÍA GALEGA ACTUAL


Dificil ponderar Hordas de escritura sen incurrir en paráfrase ou en abstrusa metapoética. Difícil, suponse, descifralo, de haber álxebra na súa cerna e non só corpo e escritura. Difícil mesmo lelas, se non se prescinde de atoparmos sentidos ou síntomas. Chus Pato escribe coa lóxica interna da linguaxe poética, ao pairo da propia singradura, nun exercicio soberano de liberdade literaria e estética.

O libro, tras unha páxina de preámbulo ou máis ben de acorde, parte dunha cita de Schlegel: a poesía é un discurso republicano, quer dicir, autónomo, que adquire corpo ao construirse e mesmo ao tomar as súas propias decisións. O texto de HdE, multiforme, ábrese en tres partes (Termidor, Tebas e Os paxaros queriamolos ser e non nos gustan os prismáticos), que ben poden non ser nin siquera articulacións do discurso, dada a non sucesividade do que ela (ou quen escriba) chama episodio primeiro e continuación que non ten remate.

Na primeira parte, establécese (ou vaise establecendo nun permanente estado de construcción) unha disposición case narrativa. Depende ese tecido dunha Eu narradora, corporeizada polas propias letras que escribe como solución integradora dos sucesivos e diversos textos: "o eu é  (ou a eu) o argumento que sostén as partes", non o que urde o discurso, senón o resultado de configurar ese propio discurso.

As súas palabras (nin siquera admite visión ou perspectiva, porque de toda a creación se encarga o propio verbo) edifican unha protagonista, unha heroína (unha Hrg enigmática). Crean o relato dunha personaxe tamén colectiva, que ocupa non só un espazo definido, urbano, relativamente contemporáneo (de aeroportos, paseos, paradas de autobuses, museos), senón tamén un espazo case mítico, do pobo que decide traspasar o Rhin e camiñar longas xornadas ata chegar a un lugar de perfís atlánticos en casas con teitos de colmo. Esta heroína, de nome Mariana, protagonista central da tamén narrativa segunda parte do libro (ausente xa a eu narradora, despedida por incumprimento das esixencias por parte da autora), pretende ser a efixie dunha (auto)biografía. Aquí as referencias a un Ourense de infancias (non citado máis ca a través de nomes de rúas: esa Tebas de Edipo, pero quizá de Anfión,o músico constructor dos muros da cidade) ou paisaxes doutros espazos, evocados coa insinuación dun substantivo ou a indicación dunha lembranza, ocupan a maior parte do discurso. Non faltan nin nesta parte nin na anterior, o fértil xogo de reflexións sobre a arte ou a arquitectura. Nestes casos, para confrontalos coa experiencia. Baste esa pasaxe, ao meu xuízo exemplar, da contemplación do monte santa Victoria (pintado por Cézanne) desde unha gasolineira da autopista provenzal de dez carrís (p. 19) para celebrar o esforzo artístico e non o resultado estético definitivo.

A última parte, cun anacoluto deliberado por título, define o acto poético como un delirio fronte ao vivido. “Botar por fóra a escritura”, escribe sobre si mesma a voz que se constrúe. Esta parte suxerida como (auto)biográfica  faise suxeito histórico (sempre sen abandonar a inestabilidade do eu, mil veces desaparecid*), cando narra a visita aos campos de concentración (“sobre a ruina perfílase claramente a Historia”) ou cando menciona Galicia destruida. Tiresias (e aquí vén a memoria de T.S. Eliot) e Orfeo, a pegada da tradición dentro deste complexo deseño poético, parecen outorgar a esa construcción a perspectiva do castigo e da perda.

Non sei se convén sinalar a obvia ausencia de versificación do libro para aqueles que nin siquera tiveron a curiosidade de mergullarse nestas “nunca apreixables augas do río”. O neófit* pregúntase pola condición poética de textos entrecortados con pretensión de aparente prosa. O iniciad* rexeita mesmo a dúbida, pero terá tarefa esixida para aprender o conxunto e dotalo desa coherencia que ao mellor non precisa, probablemente porque o que significa é o que é sobre a páxina que lemos: esa mistura do que nunha liña escollida ao chou se chama morfemas de sangue. A linguaxe poética recibe, con estas palabras de Chus Pato (¿), unha nova e constante epifanía e demostra que é o fundamento do discurso.

Teño para min que este libro vai para o canon. Pode gustar máis ou menos aos mandaríns deste oficio crítico; pode optar (e gañar) a canto encomio (ou vituperio) se (lle) presente; pode a fama librar o incertidume de tomalo como seu. Difícil, imposible, en todo caso, coñecer a poesía ou a literatura galega sen ler Hordas de escritura

24 maggio 2009

BARES DE VIGO: CASA PEPE DE JUAN


Un dos locais que primeiro visitei recén chegado a Vigo foi un restorante con apariencia de furancho da avenida de Madrid. Era xuño e o tempo cálido de case verán convidaba a tomar unha caña ao aire libre. Aquel sitio tiña un emparrado sobre mesas de pedra e formaba parte da sólida tradición viguesa do ghalpón acondicionado para a molicie e o ágape. Levaba pouco tempo na cidade, pero aquela mostra de casa de campo en mitade dunha cidade (o balbordo da estrada para Madrid contaminaba o espazo) resultaba estraña: logo comprobei, con visitas a outros lugares semellantes nese territorio fronteirizo que os urbanistas chaman, con perdón, perirrural, que era unha das súas marcas irrenunciables. 
O lugar chamabase e chámase Pepe de Juan. Agora está a carón da horripilante estación de autobuses (u-lo arquitecto?), que antes non existía, nun entorno escasamente amable pola proximidade dunha ampliada Avenida de Madrid. O acceso desde san Roque dá a apariencia de estarmos nunha vila pequena, case recoleta. E así tende a crelo o visitante que desexa completar cunha localización fermoseada a espléndida comida que alí ofrecen. 
Porque diso se trata: de gozar, baixo a parra ou dentro ao lado da cociña, dun xantar clásico, sen estridencias, cos mellores productos deste paesino. Hoxe comimos empanada de xoubas e de zamburiñas (sen tacha: e iso para min xa é un mérito nesta terra de miles de empanadas de pacotilla), un polbo/pulpo de primeirísima calidade (xunto co do Llogo, alto de san Cosme, dos mellores de Vigo), puntillas (que eu non sei se son moi legais: aproveito para preguntar) exquisitas, e xarrete finamente estufado. Hai, como especialidade, outros guisos mariñeiros, así como peixes preparados case ao natural, sen ornamentos prescindibles, que, xantados noutras ocasións, avalan o prestixio dos seus servizos. O servizo (os manteis de papel son  unha praga imposible de exterminar neste país: cando rematará esta peste?) é completamente familiar, pero, a pesar do risco que ás veces isto conleva, resulta case admirable. O café non está nada mal e o prezo, moi axustado ao nivel de grande calidade do que aparece na mesa. 
A compañía de hoxe, extraordinaria e incombustible, permitiu desfrutar do que sen ningunha dúbida é un dos clásicos inescusables de Vigo. 

FOTO: a falta de fotos do lugar, este anaco do skyline de Bouzas.

QUEREMOS TANTO A LÁNDOAS


Bastan un par de fotos para librar melancolías eufóricas e tomar a palabra esa solemne, reservada para altas ocasións coma esta, para afirmar que Lándoas é unha fortuna inmensa que temos neste país e que das súas letras, escritas no plisplás dun lóstrego, saen ideas e marés completas de intelixencia e xenerosidade. Nesa casa que chama blog vivimos moitos.  
Lándoas oblige.     

21 maggio 2009

A INMERSIÓN LINGÜÍSTICA


Cedo hoxe o espazo deste blog ás reflexións dun meu amigo moi querido, X. G., preocupado polo momento delicadísimo da lingua galega en Galicia.

A INMERSIÓN LINGÜÍSTICA.

O español non é unha Lingua Franca en ningún país do mundo (se exceptuamos, quizais, Andorra). En Europa e no mundo, ise papel correspóndelle ao inglés que ademais de ter moitos falantes  como primeira lingua, é a segunda lingua en moitos outros. A medio prazo seráo en todo o mundo. Tamén o francés é Lingua Franca, nomeadamente en Africa.

O español non xoga ese papel en sitio ningún: tén millóns de falantes e é primeira lingua en moitos paises pero non é Lingua Franca . A sua importancia como lingua de comunicación internacional está sobrevalorada e é, sobre todo, un asunto de consumo interno.

Na UE non pasa de un cuarto posto no ranking, a anos luz do inglés, e tivo serias dificultades para ser considerada língua de traballo. En número de falantes está incluso por debaixo do italiano. (En Europa non ten moito peso o argumento dos falantes  latinoamericanos). Por esta razón, cada vez tén máis predicamento o aprendizaxe de linguas extranxeiras entre nós.

Moitos paises europeos (paises pequenos con sistemas educativos avanzados) xa hai tempo que aplican a inmersión lingüística en inglés para conseguír un dominio pleno nesta lingua por parte de toda a poboación. Calquer adolescente sueco ou finés desenvólvese perfectamente nela. O sistema de inmersión  consiste  en dar unha boa parte das asignaturas na lingua escollida (e non só a materia específica). Así, en inglés poderíanse dar asignaturas como matemáticas, física, Hª da arte, etc. Todos os governos europeos empezan a ver os beneficios deste sistema e xa falan del abertamente. O governo español, tamén. Incluso os partidos da oposición (Rajoy dixo claramente que, o útil para os rapaces sería estudar inglés e deixarse de andrómenas)

En Galicia déronse os primeiros pasos coas Sección Europeas que consisten  en crear grupos de alumnos cun bo nivel académico que reciben algunhas das súas aulas na lingua extranxeira escollida. Polo momento, é un sistema moi precario, que se basea na boa disposición dos docentes  que teñen algún dominio desa lingua, co apoio do departamento correspondente e tendo carácter voluntario para todos: profesores e alumnos. Sería, pois, unha pseudoinmersión, parcial e moi limitada. Se( como se pretende) nun futuro, os docentes  de distintas areas, acadasen un dominio pleno nunha lingua extranxeira, estaríase en condicións de planificar e levar a cabo a inmersión plena e total.

 E todo isto, a que vén?

 Pois a que, niste intre se está a debatir en Galicia o tema lingüístico e a comenencia ou non  de cursar  en galego unha parte das materias. Discútese se os pais teñen que decidir e opinar sobre o propio  sistema educativo e se todo isto é un asunto de libertade individual, etc. O que parece evidente é que o tema se utilizou, de xeito irresponsable, na confrontación política e iso conseguiu meternos a todos nun sarillo do que non se sabe como  saír. Vendo algunhas das declaracións últimas dos responsables políticos na materia, moito me temo que a cousa rematará por enlearse aínda máis e traerá consecuencias moi negativas para o país.

Sabe o conselleiro de educación algo diste tema? E o presidente? Témome que non! As políticas que se anuncian ( se en realidade se levan á práctica) rematarán no enfrentamento e no caos.

Como é posible que se acepte como necesario en toda Europa (en España tamén)  o procedemento de inmersión lingüística  nunha lingua extranxeira e ese mesmo sistema se lle nego ao galego?

Os pais de Galicia Bilíngüe negaranse tamén a que os seus fillos “sufran” a inmersión nunha lingua europea non coñecida? Se isto se levase a cabo, os resultados académicos veríanse gravemente afectados como din que pasa co galego? Están os pais en condicións de decidir sobre estas cousas? Como é posible que haxa xa colexios privados de élite e liceos extranxeiros que ofertan como un valor engadido na formación  a inmersión lingüística? É que só o galego representa un handicap na formación dos nosos rapaces e rapazas?

A ninguén lle importa que o galego sexa unha lingua milenaria na que se desenvolveu a maior parte da cultura do país, plenamente viva e en condicións de seguír ofrecendo sustento á arte, á ciencia e á comunicación? A ninguén lle importa que sexa, con moito, a parte máis importante do noso patrimonio?

Que se esquezan de conseguír os seus fins os que soñen cun sistema educativo moderno,  aberto e plurilingüe e que, ao mesmo tempo, prescinda do galego, un IDIOMA PROPIO E OFICIAL DE GALICIA. Non sería viable, nen xusto, nen democrático!

Sería antepoñer a barbarie á razón.

X. G.   

No medio da foto escóitase o verbo encendido de Bieito Iglesias.

19 maggio 2009

MAJESTIC ANTONY AND THE JOHNSONS

Para Isabel, Aser, Ana e Carolina, que compartiron este momento e unhas torradas mixtas no Majestic de auténtico luxo 

No Coliseu de Porto, un deses lugares que o tempo renova para conservarse intacto, cantou onte Antony, arcanxelizado polos Johnsons. O concerto comezou con algúns minutos de demora, por mor do habitual tempo de cortesía e dunha soporífera e prescindible danza de plásticos e sons telúricos que movía a risa e a lástima máis cá contemplación admirativa. Non sei se quere o responsable do concerto rebaixar os ánimos dos siareiros ou anovarlles o estado de ansiedade con que agardan a chegada do seu carismático ídolo.

O certo é que cando soan os primeiros acordes, a xente rebule nos seus asentos e apréstase, cun nerviosismo nada disimulado, a preparar a benvida fastuosa ao divo. Este chega aproveitando a escuridade do esceario e séntase diante do piano. Pulsa a primeira tecla e o auditorio en pleno, coma nun resorte instantáneo, prorrumpe en aplausos, berros e asubíos de entrega orxiástica. Nese preciso balbordo decátaste de que o que vas ver é un  prolongado de éxtase.

Non sei se isto beneficia ou perxudica ao nivel do concerto por igual. A min, que valoro moito a entrega e a calor do público desde o principio, sobre todo daqueles desprovistos de calquera sentido da medida, paréceme extraordinario. Pero é posible que contaxie aos músicos unha excesiva compracencia co respetable. Por momentos, o propio Antony establece conversa co público (por certo, capaz de seguir coas risas os monólogos irónicos do cantante, nunha mostra máis do coñecemento de idiomas da Gallaecia trasmiñán) e déixase levar polos aloumiños constantes das voces que saen extemporáneas de calquera lugar do espléndido coliseo pedindo mesmo casamento ou unha cita en bambalinas. Sinalo isto para mostra do estado de delirio e abandono (alguén poderá dicir que tamén moi propio da súa música) da audiencia e, se ben se mira, da ausencia (totalmente explicable) de capacidade crítica sobre o que está vendo.

Pero é que por moi oblicua ou torta que poida ser ollada con que se xulgue o concerto, Antony and the Johnsons consegue obnubilar ou hipnotizar ao persoal sen que iste poida aprecialo. A súa voz, única, aínda que ecos de case todos os grandes cantantes do mundo poidan estar por veces nela contidos (penso en Simone, Holiday, Presley, Piaf, mesmo Sinatra), logra embaucar ao ouvinte por moito que este teña a tentación de evadirse mirando ao tendido ou tratando de comprender as letras. Sempre hai un momento, digamos a media canción, en que non estás no Coliseu de Porto e tampouco en ningún outro sitio: sintes que as notas vibrantes da súa gorxa, concordes coas dos instrumentos que innecesariamente lle fan os ecos, vante levando a ningures. Só cando se fai o silencio ou se apagan definitivamente as luces ao rematar a canción, entendes que estabas perdido pero tampouco sabes onde.

Probablemente o entendido en música note excesiva a súa predilección polas tonalidades menores, por esa fórmula eficaz de frasear para os acordes máis melancólicos, co aproveitamento deses vibratos inconfundibles que dramatizan a expresión dolorosa, característica da súa música. Se cadra, outros espectadores de gustos musicais máis sobrios boten en demasía a teatralización dos acenos, a ampulosidade sinfónica dos arranxos (nun dejà vu pinkfloydián ou glitterián propio dun davidbowie) ou a prolongación ás veces trampulleira de series rítmicas que convidan á participación e á kermesse sedante. É posible que asuma unha doce compracencia na interpretación das súas cancións máis clásicas, pero tamén hai que recoñecer que incorpora riscos en forma de rupturas desacougantes que turban (e de paso ironizan) a melodía. E sempre sempre sae desa especie de abismo do doado co seu talento descomunal e coa libre luminosidade da súa voz.

Non vou negar que Antony suscite fobias irredentas: a personalidade atractiva dun home (só en apariencia) que nega xa non, por suposto, o seu circunstancial sexo, senón ese non xénero ou transxénero no que difícilmente se insire, compaxinada co seu xeito especialísimo de combinar todas as tradicións (soul, funk, folk, jazz, barroco) cunha forma de interpretación plenamente moderna (por libre, irónica e heteroxénea) ata o punto de constituir para min o paradigma da banda sonora da contemporaneidade, non resulta doada de admitir. Sobre gustos xa se sabe, pero agora mesmo resulta imposible pensar un mundo sen Fistful of love, Epilepsy is dancing, You are my sister ou Cripple and Starfish

O concerto de onte durou máis de dúas horas dunha intensidade espantosa. Ao final, en plena éxtase, sonou, como desde o fundo da terra, Hope there’s someone e a xente puido baixar por Passos Manuel na noite morna de Porto coa ledicia dun silencio apoteósico.


16 maggio 2009

MARCHANDO UNHA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA


Pasadas as primeiras reaccións ao nomeamento de Anxo Lorenzo (non aínda o consecuente rebumbio), escribo para especular sobre o futuro inmediato da política lingüística. Pretendo reparar nas posibilidades que a acción política poida ofrecer á resolución do que é agora mesmo un conflicto social evidente (lémbrame un meu amigo que nos claustros de ensino medio obsérvanse fortes liortas verbais e mesmo nalgures aloumiños pouco cariñosos).

A proximidade co Partido Socialista do home elixido para levar adiante a política lingüística do PP no governo e a súa afinidade con moitos sectores do nacionalismo (nomeadamente os concernidos coa cultura) é unha boa oportunidade para convocar a todos os partidos a unha acción conxunta neste terreo que eu me atrevo a chamar de Estado, dada a gravidade da situación lingüística do idioma galego. Cunha pequena ollada retrospectiva, incluso tería sido conveniente o seu nomeamento tras unha discreta consulta nos sectores do bipartito anterior propicios a un entendemento, coma se fai en circunstancias similares á hora de nomear ao Valedor do Pobo ou ao presidente do CES. Pero, xa que non podemos contar con estas benéficas negociacións previas, creo que aínda estamos no momento de artellar unha política que implique a todo o mundo.

O marco normativo vixente, sen o decreto 124/2007 que eu xa dou por derrogado, non ofrece moita marxe de manobra lexislativa. O Plano Xeral aprobado en 2004 (en cuxa elaboración interviu o propio Anxo Lorenzo) contou coa participación de todos os axentes sociais e foi aceptado de xeito unánime por parte de todos os partidos políticos. Desde este punto de vista, e salvo que se queira obviar un informe non prescriptivo nin vinculante pero políticamente inadiable, calquera nova redacción do decreto escolar debe ter en contar as propostas incluidas nese Plan e, polo tanto, as discusións ao respecto van quedar subordinadas á xenerosidade ou á pura vontade política de acadar o propio acordo. Pode resultar un tanto redundante, pero non queda outra saída que a propia reunión dos partidos en torno a un propósito común.

A inclusión da Secretaría Xeral dentro da Consellería de Educación pode limitar o desenrolo completo do Plan Xeral noutros sectores fundamentais da acción política necesitados de pulo galeguizador. Pero, aínda así, hai nese aspecto numerosas opcións para chegaren a un acordo unánime, sen mingua substancial das posicións de partida, sen renuncias difícilmente intelixibles nos correspondientes sectores que representan. Eu, que coñezo a Anxo Lorenzo máis deste tipo de reunións onde é preciso chegarmos a un acordo que da súa competencia como sociolingüista (que eu dou por probada á vista do seu curriculum), creo que convén tratar o asunto desde unha perspectiva xenerosa de Estado e presentar os resultados non desde a perspectiva do partido de governo, senón como froito dun compromiso parlamentario (representativo) entre os distintos partidos políticos. O aval do Plano Xeral, que vai máis alá dunha mera formalidade parlamentaria e abrangue a sociedade enteira, debe ser achegado coma pedagóxica ferramenta política na presentación do mesmo para o próximo curso académico.

Non son tan inxenuo para pensar que tanto o PSdG coma o BNG vaian esquecer fácilmente o rudo encono que precedeu a este intre. A situación previa non facilita calquera intento de achegamento. Pero a ollada posta nun medio prazo, na responsabilidade compartida sobre o que pretende a sociedade (non difuminada en imaxinarios desexos, senón concretamente exposta por escrito no Plano Xeral), debe prevalecer sobre os xustificables recelos e sobre os recordos ben vivos das últimas leas coa lingua como ariete e estandarte.

Creo que vai facer falta máis política ca (socio)lingüística. Alomenos nos primeiros momentos. Para despois, eu non me atrevo a tanto, aínda que tamén apuro (permítaseme a licencia brincante coa que pretendo aliviar os efluvios destes dous últimos días) unha solución entre lampedusiana e pierremenarda (esta sería a miña favorita): a redacción dun novo decreto, semellante ao anterior, coa incorporación do inglés como variante modulable, ou a repetición do mesmo decreto baixo nova autoría, coa interpretación que dous anos e unha loita política polo medio poden outorgar á súa lectura. En calquera caso, o colega Anxo Lorenzo, con quen debatín duramente este último ano varias veces por mor de planos de estudios, ten unha tarefa dura dura. Que teña ánimos e, sobre todo, tempranza e man esquerda: falta lle van facer.  

13 maggio 2009

FEISBU/BLOGS


O Feisbu é aos Blogs como comer de tapas o é a comer de prato.
Eu, xaora, Xulio, como de todo.  
 
     

12 maggio 2009

ME ASOMO A LA VENTANA


Coloco o meu papel neste muro das lamentacións de hoxe. Como recoñecemento por todos os momentos felices que nos fixo pasar o grande Antonio Vega. 
Que a terra lle sexa tan xenerosa coma el con todos nós.

9 maggio 2009

BERLUSCO NON FAI GRACIA


Neste blog adiquei moito tempo á figura de Berlusconi. Probablemente porque, como dixen nalgún dos posts que escribín, faise inconcebible o grao de aceptación e apoio que ten en Italia. Aquí tratei varias veces de explicar o fenómeno, pero aínda así nunca remato por dar satisfacción ao conxunto. Sumados todos os factores que un pode aducir (mesmo esa cousa na que nunca creo pero que podo engadir para encher o cúmulo de argumentos como a idiosincrasia dun país e que me saia o resultado, como cando fas trampa no solitario), sempre queda algo inexplicable, que pertence ao arcano das reglas políticas e sociais que funcionan en calquera espazo e tempo dados.
Nos últimos tempos, a sucesiva cadea de informacións referidas á súa vida íntima ou ás saídas de ton protagonizadas urbi et orbi parecen dotalo ademáis dunha aura cómica, que, de forma perigosa, pode facelo entrañable ou disculpable na liña do impresentable Martínez Soria, protagonista querido e repetido nas sesións de cine de barrio dos sábados pola tarde. A forza (Italia: perdón polo chiste) de entresacar o Berlusco pavero, imos camiño de outorgarlle, pola vía da exhibición pública permanente, un carisma televisivo indudable, alleo a calquera resposta crítica. 
Berlusconi non fai gracia: non debe facernos gracia. Debemos tomalo en serio: velo como o seudofascista (seudo polo seu intento de disimulo) que é, emparentado co Mussolini que cruza os brazos mentres pasa pola pedra aos seus concidadáns. Todo o que ofrece, nun país cun estado de dereito nos seus aspectos substanciais plenamente democrático, non é motivo de brincadeira. El pretende que iso sexa así, que todas esas supostas chiscadelas sexan dixeridas en eternos debates que o sitúan sempre no centro do país, mentres os seus axentes levan por toda Italia o programa de control político e social máis prolongado do tempo. Mentres vai a Porta a porta a largar sobre a súa muller ou sobre as súas súbitas aparicións en postas de largo de nenas de clase alta, o país é gobernado por unha sorta di infinitos políticos de garavata elegante (aos que se lles permite mesmo afear a conducta do cavaliere para pareceren asisados) que levan adiante a estratexia máis dereitista (sen complexos, á aznariana) de toda Europa. 
Outra cousa é que Fini, o modelo desa eleganza retórico-mediática, sexa o sucesor de Berlusconi. Diso falarei noutro post.    

8 maggio 2009

BLOGS QUE AGONIZAN


Proclama Rubicho de Katanga a agonía do bloguismo, ameazado de morte polo seu irmán pequeno ou sobriño adiantado o feisbuk. Concordo con el polo que a min toca. Tiven mesmo as miñas tentacións twitteiras, co propósito de ver se, ultrapasada a rede social do feisbuk, hai vida aínda máis novidosa. Debe de ser que non practico iphone ou telefonía móbil para twitterar porque non lle atopo singularidade (ou nomadismo para exercer o microblogueo) para contar o mesmo que o meu apalanque diante do ecrán me permite coa nova rede social do feisbuk, onde agora habito.
O certo é que a redacción de entradas para este blog faise cada vez máis costa arriba e a incorporación dun novo post tarefa case sempre adiada. O nivel de esixencia, autoimposto, do blog obriga a un exercicio de elaboración maior que antes monopolizaba o meu tempo. A presencia do feisbu, complementaria e nalgún momento alternativa, impide a mesma adicación anterior aos posts. Aos poucos, vou dándome conta de que entro menos no meu blog, que renovo máis paseniño as anotacións e que ademáis comprobo que o número de visitas diminúe de forma considerable. En termos cuantitativos o blog vai para abaixo; en termos cualitativos, aumenta o tamaño dos textos (xa que me meto, largo: parece a premisa involuntaria), pero tamén atopo máis dificultades para atopar unha cuestión da que falar que non fose xa exposta de forma breve ou medio longa no feisbuk. Ou sexa, o meu feisbuk fai competencia ao meu blog e non son quen de autorregular esta asimétrica vontade.
As fórmulas para engadir documentación, comentarios, observacións ou para simplemente relacionarse con outras persoas do feisbuk é infinitamente superior ás dos blogs, no fondo conformado (e cada vez máis) como unha voz que fala sen saber se é escoitada, agás se algunhas poucas persoas, que ademáis podes descoñecer, deixan unha pequena palabra de contacto. 
Esto explica que, salvo excepcións que ademáis eu non son quen agora de apuntar porque me temo que non hai xa excepcións, o sistema xeral dos blogs estea agora mesmo moi seriamente danado, non digo en trance de desaparición, pero si en melancólica retirada. Como depósito de textos de calado máis profundo, como formato un pouco máis personalizado (unha especie de retablo onde o autor pode colocar de modo máis particular os seus textos, coa tendencia habitual ao horror vacui) o blog pode constituir aínda refuxio: como almacén ou galpón onde deixar o que en feisbuk xa non cabe. Como pasa cos trasteiros, supón agora mesmo o lugar onde van parar aquelas cousas que non caben na casa, xusto antes (ou cinco anos antes) de chamar ao concello para que veña buscalas.
Rabichu de Katanga non quere entrar no feisbu: imos quedar por esta blogoleira/leria un tempo, pero dame que coas ínfulas baixadas, co ímpetu demediado, a piques de cantarmos Outeiro abaixo cara Peruleiro, It's all over now, baby blue.