Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 marzo 2010

EN DEFENSA DE BIBIANA AÍDO


A raíz dunha amistosa conversa en feisbu, a propósito dunha charla da ministra Bibiana Aído no marco dunhas xornadas parlamentarias nas que xulgou conveniente a incorporación do feminismo como materia troncal no ensino universitario, teño pensado moito na trivialización e na paternal displicencia que todas as cuestións relativas ao mundo da igualdade, da paridade social, xurídica e política da muller suscitan na opinión pública. Deixo á marxe a moi probable terxiversación do tenor das xornadas (unha confusión relativamente corriente entre troncalidade e transversalidade para neófitos algo predispostos á simplificación burda cando de feminismo se trata) e a xa preocupante falta de coñecemento da meirande parte dos opinadores públicos sobre a Lei de Igualdade (que propón entre outras medidas precisamente a incorporación do feminismo no curriculum educativo), porque xa con iso estaría explicada a prexuízosa forma de encarar estes asuntos por parte dos medios de comunicación.
Pero un artigo retranqueiro do sempre agudo Isaac Rosa sobre a condición de pimpampún da ministra (imprescindible, segundo o escritor sevillano, en todo goberno) e a última columna de Elvira Lindo sobre a particular forma de presentar aqueles temas nos que as mulleres ofrecen notorio relevo confirman a mesma idea exposta naquela (xa digo amable e cordial) discusión: a de que ser muller e ademais feminista contribúe necesariamente a ser branco particular de comentarios supostamente simpáticos, cheos de gracietas sen sal nas que se mistura unha condescendencia sardónica cunha clara misoxinia de base. O incontable número de artigos escritos a costa das, por outra parte, coherentes iniciativas da ministra Aído (gusten ou non as súas formas ou as fórmulas empregadas para levalas adiante, das que non están libres outros ministros que por razóns descoñecidas non son tan tidas en conta ou directamente ignoradas) non só me incomoda e molesta profundamente senón que esperta en min unha inevitable simpatía por Bibiana Aído e polo seu valente feminismo que agora mesmo fago pública.

23 marzo 2010

MASTERIZADO

Moito receo que por moito que levo baixado aos avernos da burocratización inútil, perto de onde mora o inventor do metacrilato, aínda me queda un cacho neste camiño de desesperación e rabia. Estou na fase de irritación, que, en min, raras veces conclúe en indignación pausada, senón en tristeza e melanconía de frustración. Estou a piques dese paso, en plena axitación confusa, entre a ira autofáxica e o desprezo olímpico a todo quisque relacionado e minimamente interesado por estes mesteres. Remato por non entender nada, por claudicar diante de todo e, sobre todo, por deixar mostras inútiles (denuncias a mestres armeiros que só existen na miña imaxinación) da impotencia. Agora mesmo, en plena fuxida cara adiante, porque mirar para atrás non compensa despois da desilusionada empresa, ameazo con silencios de fogueo, estorbo para facer ver que nada valeu a pena. Neste tempo, todo parece escuro, menos a luminosa faciana desa alumna que asiste todos estes días ás clases e ignora que as pezas que estivemos encaixando durante todo este tempo para traer aos/ás mellores non encaixan nese vicioso costume de encher, mecanizar, volcar, computar: ese estéril exercicio de colocar un lindo xescampus na peana idólatra dun novo cucho d'ouro.

19 marzo 2010

BARES DE VIGO: O LABREGO URBÁN

A xente que vén a Vigo doutras cidades galegas adoita dicir que non atopa unha rúa de viños, un espazo no que tomar unhas cañas ou uns chatos sen moverse demasiado. A Franxa-Galera-Olmos na Coruña, Cruz e Nova, en Lugo; a Leña-Verdura, en Pontevedra; mesmo o Franco-Raíña, en Santiago, malia todo, avezan a estes nosos visitantes a roteiros sinxelos e domésticos, concorridos e familiares nos que encontran a tododiós. Cando chegan a Vigo reclaman un lugar semellante. Pero ignora o foráneo que aquí nada é doado, que aquí, como a fama, todo custa, que hai que buscar os sitios axeitados, que iso de andar zigzagueando de taberna en baiuca non se estila, agás para erasmus e rapazada en xeral que queima a rúa Real arriba abaixo desde o Faibistés (esa xoia da nomenclatura bareira) ata o Marexada que dá comezo a troula nouturna.
Digámolo claro: tomar uns viños en Vigo require iniciación, procura, indagación profunda. Cando se atopa, o roteiro é máxico. E dentro dese roteiro, O Labrego (urbán) constitúe un sorprendente fito. Sorprendente polo éxito rotundo de asistencia e tamén porque ofrece algunhas singularidades na carta que merecen visita especial. Onte decidimos facer parada, no roteiro habitual, para picar algo (máis). Non era a primeira vez: doutras veces o xamón ou a tortilla estaban espléndidos e o viño servido na súa temperatura ideal, cousa pouco frecuente. Non sei se a posible relación (por confirmar) entre este bar e o Compostela, inflúe na excelencia da comida, pero onte caeron unhas croquetas magníficas, uns caracois gorentosos e unhas ancas de rá no seu punto con all i oli. Corrían polas mesas unhas bandeixas de carne crúa para preparar nunha grella individualizada, uns pratos de pulpo moi rechamantes e todo tipo de viandas cunha pinta estupenda. O local ten unha estructura un tanto tortuosa, cunha ponte de madeira incluido para salvar unha escaleira que conduce ao piso de abaixo, tamén cheo de xente, pero conserva o arrecendo dunha cociña contundente e moi traballada. O prezo, nada caro, convida a regresar de novo canto antes. Hai que dicir, para o visitante, que arredor da Praza de Compostela, coas froles encesas dos castiñeiros de indias a rebentar, de cheirume penetrante a pesar do orballo da pasada noite, están varios bares de viños que fan grande, moi grande esta cidade.

18 marzo 2010

O CAPATAZ


Cada catro anos hai eleccións na universidade. Para maio están previstas as vindeiras. Xa se saben os candidatos e xa se saben máis ou menos as equipas. E tamén se sabe que comezou a carreira, porque o de sempre e coma sempre comeza a visitar os despachos co propósito tan lícito como sospeitoso (habida conta de que nunca aparece por aí para interesarse por nada) de procurar o voto. E tamén comeza a visitar as delegacións de alumnos, outrora esquecidas, agora tan desexables como Bora Bora, e tamén ao persoal de servizos, que se pregunta quen carallo vén sendo o que se achega a saúdalos.
Por suposto, se algunha vez aparece polo teu despacho nunca dirá que vén buscar o voto (do seu candidato, ailaleloailalalá: léase con música de Catro vellos mariñeiros), virá con ánimo de que participes (non faltaba máis), de que esteas pendente de se estás no censo, de lembrarche por onde ten que pasar o xogo, de alabarche o gusto e o razonamento cando tires a dar ao seu candidato, de indicarche sempre que el non está concernido, que está canso, que o vai deixar, que desta vez non vai. Pero ti sabes que tan axiña como gañen os seus seguirá no machito, controlando, poñendo e quitando rei, maquinando, vendendo, dictando. É o seu. Non vive disto, pero cre que vive disto. Necesita vivir disto. É por iso polo que escruta censos e conta, avaro, os votos seguros, os menos seguros, os fráxiles, os perdidos, os necesarios. Vive con intensidade todo esta cerimonia.
Porque destes días dependerán os vindeiros catro anos (a universidade non permite aos derrotados ningún gramo de responsabilidade). E durante eses catro anos poderá organizar a troupe, repartir o parné, searear ao capo ou disimular os descontentos. Estes días son fundamentais: necesita fatigar pasillos, aulas, despachos, laboratorios, comedores, barras da cafetería, senras por entre os bidueiros. Precisa apañar o que pode porque ninguén dubida de que él é o verdadeiro capataz do rancho.

17 marzo 2010

A GALICIA THERMOMIX DE FEIJOO


Despois de escoitado onte a Feijoo nun discurso exento de concesións (mesmo no sentido retórico do termo), teño que admitir que calquera aproximación entre os partidos resulta difícil ou imposible. Mesmo a chiscadela perversa do presidente cara o BNG no asunto das caixas amosa ben, polo que representa de marxinación ao outro grupo da cámara, que a intención de conciliar intereses resulta moi difícil. Por que? Unha frase extraída do texto lido por Feijoo pode explicar moi ben o asunto.
Ao comezo do seu discurso de onte, o presidente expuxo a súa concepción do país como resultado dunha reducción, decantación ou, no mellor dos casos, transubstanciación dun proceso electoral. Galicia non é só o que sae das urnas (nunha clásica interpretación da identificación do país coa manifestación dos seus cidadáns coa que eu non podo estar en desacordo), senón que o resultado desas urnas é un todo homoxéneo, sólido, unha peza única. O texto non me deixará mentir: "É precisamente nas urnas onde a sociedade se amosa como un conxunto homoxéneo, onde se mesturan territorios, sectores e individuos". Esta interpretación, xa reductora e aniquiladora da diversidade dun país feito de votantes pasados por urna thermomix, deu pe no texto a un par de recursos tópicos sobre correlacións de forzas entre maiorías e minorías e sobre a contraposición entre países imaxinarios e países reais por coñecidos pouco interesantes.
Pero o verdadeiro salto deuse no espazo que media entre este parágrafo e o seguinte. Para iso, precisou un "Pois ben", unha recollida de folgos antes da frase esencial, un ergo antes da oración clave: "Galicia quere austeridade e este Goberno é austero". Ninguén discute a facultade do Presidente de Goberno de soster que o seu goberno é austero, pero é un abuso argumentativo considerar esa Galicia como ese ser homoxéneo que renuncia as súas contradiccións e disensións internas que se pronuncia cunha soa voz e quere austeridade. Pero aquí está precisamente o miolo do discurso político de Feijoo, non só o literal (o que escribiu para o debate de onte) senón o figurado: a pretensión de interpretar todo un país completo sobre a victoria (aínda que fose pola mínima) das urnas.
Se el se queixa, con razón, de que non debemos apelar a países imaxinarios, esa Galicia da que fala é un país tan imaxinario coma os que el supostamente denuncia, xa que os votantes non se dilúen tras pronunciarse nas eleccións, non se amalgaman nunha soa voz para sempre. Non existe esa Galicia: existen uns votantes que o preferiron a el, que lle outorgaron esa licencia provisional para gobernar uns meses, uns anos.
De esta concepción política, advertible en apenas un parágrafo, en apenas unha frase de identificación do país co que o PP quere para o país, se deriva a dificultade de chegar a acordos substanciais para a conciliación social e a convivencia política. E, como a min non me gusta asistir a esta lea permanente, porque formo parte individualizada deses votantes que foron ás urnas coa pretensión de seguir sendo votantes e vixiantes das accións de goberno tras meter o papeliño e non un corpo homoxéneo e místico que concede un cheque en branco para estes anos, creo conveniente que por parte do goberno se recapacite sobre a necesidade de tender pontes, de manifestar desexos de acordo, de apurar as concesións necesarias para unha política moderna e plenamente democrática.

Hoxe estou demasiado constructivo: non mo tomen a mal, debe de ser a primavera.

15 marzo 2010

NAS MESMAS


Cotexo con algo de atención o novo borrador do decreto coas anteriores bases. E percibo o seguinte:
1. Eliminación de todo o referido ás linguas estranxeiras, que ocupan capítulo aparte. Deixa a redacción algo máis clara, pero a intención nese aspecto moito máis inconcreta.
2. Eliminación da referencia ao modelo de inmersión. Manteñen a idea do modelo de conxunción de linguas, pero quitan mesmo a referencia ás crítica do Consello Consultivo ao anterior decreto.
3. Nesa mesma liña, eliminan do preámbulo os xuízos sobre o decreto anterior. Ao mellor prefiren non litigar co pasado.
4. Cambian, no epígrafe de lingua administrativa, a fórmula "promoverase a utilización" por "utilizarase". Parece máis conminatoria.
5. Engaden un capítulo íntegro sobre principios, que ben pode ir no preámbulo e que resulta redundante.
6. Eliminan, no artigo sobre a necesidade de incorporar material didáctico en formación profisional, aquela expresión xa criticada neste blog do "vocabulario específico do galego" por "vocabulario específico das dúas linguas". Unha modificación técnica, pero que a min me fixera gracia polo significativo.
7. Engaden unha frase no artigo da lingua que debe empregar o alumnado na clase: "procurarase que utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo". Téñoa como máxima concesión.
8. Deciden o reparto das materias troncais en lugar de deixarlle tal resolución aos pais/nais, con esa clausuliña que outorga capacidade de mudanza a posteriori. Cortaron polo san ao notar demasiado dilettante a consulta paterna.
Do resto, poucos ou ningún cambio. Eu creo que en substancia estamos no mesmo decreto de hai meses, con pequenos retoques, resultado da comprobación empírica de que son difíciles ou imposibles de levar cun mínimo de garantía ás aulas.

Unha cuestión queda sen comprender plenamente: por que na primeirísima frase das Bases aparecía "A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural" e agora no borrador aparece "As linguas constitúen un elemento básico de identidade cultural". Hai libro de agasallo para as respostas máis enxeñosas (non as máis convincentes).

14 marzo 2010

AS MATEMÁTICAS NO NOVO DECRETO

Teño debatido moitas veces con persoas especialmente refractarias ao uso da lingua galega no ensino ou con persoas que, admitindo como signo de particularidade (case folclórica) o emprego do galego nas aulas, apelan á liberdade dos pais para elixir o idioma que deben utilizar os seus fillos na clase. Tras unha discusión, non sempre doada, mesmo chegan a parecerlles pouco grave a división paritaria do idioma segundo as materias. Pero de ningún xeito admiten, e aquí o punto é innegociable, que a lingua para dar Matemáticas sexa o galego. A Física e a Química están moi próximas na súa posición de forza, pero o das matemáticas é sagrado. Por suposto, entenden que Coñecemento do medio (o célebre Coñe) ten que ser en galego (a min non sei se me asusta máis ese "ten que" que o "de ningunha maneira" para as matemáticas). Mesmo as Ciencias sociais, a Historia, a Xeografía ou a Historia da Arte, tamén poden ser en lingua galega. Pero Matemáticas, ou no seu caso Física e Química, de ningún xeito.
Eu creo que esta cuestión (en que lingua se dan as matemáticas), unida á liberdade outorgada ao alumno/a para utilizar a lingua que queira en exames e no diálogo en clase, é a única verdadeiramente relevante para eses sectores. Eu creo que, se me apuran, aceptarían de bó grao que a lingua galega fose maioritaria, mentres estas materias, que teñen elevadas ao altar da importancia suma, sexan impartidas en lingua castelá.
Non quixera supoñer que esta división, que o goberno galego establece como principal no seu novo decreto, ten que ver cunha diglosia mental da poboación galega, para quen as cousas que teñen que ver co máis próximo (xeografía, narración do pasado ou natureza) deben ser estudadas na lingua galega e aquelas que supoñen un grao de abstracción maior deben ser estudadas en español. Se é así, o equilibrio pretendido será de número de materias, pero non de calado profundo: de xeito subtil, pero evidente, estanse proxectando as limitacións dunha lingua sobre a outra.
Esta é unha pequena faceta (para min importante) das moitas que o novo decreto suscita coa alarma de problema serio incorporada.

11 marzo 2010

LP, COME BACK TO FILIPO

O amigo LP anda algo baixo de forma, entre outras cousas porque está a piques de deixar o cargo que ten e anda de pato coxo desde hai tempo. Ou sexa marchando pero sen marchar de todo e recibindo novos asuntos que non poderá atender e que, nalgún caso, estoupan sen que el poda facer absolutamente nada por arranxalos. Anda todo o día pegado ao teléfono, vai dun lado a outro sen solución de continuidade, só acouga para sacar a cadela a pasear polas noites e ás veces nin para iso ten tempo. E todo cunha perspectiva de futuro que tende a cero. Eu estiven nunha situación coma a del e durante máis tempo. Fun parvo, absolutamente parvo. El tamén está advertido, pero o seu sentido lóxico da responsabilidade manteno atado a toda esa actividade incesante. E por riba hoxe levou. Non lle merece a pena.
Eu xa llo digo: manda todo aí, aí mesmo. Que se queden cos postits.

8 marzo 2010

JEFF BRIDGES

Do sempre entretido pero longo espectáculo de entrega de óscars quedo co seguinte, a beneficio de inventario de espectador despegado (o cinéfilo que asiste e comenta estas ceremonias é como o urbanita pailán que vai con zapatos de tafilete a dar unha volta polas corredoiras):
1. A presentación sobria de Baldwin e Martin con ocasional gracia no chiste de que Cameron regalara a Bigelow un cesto con temporizador mentres esta, en correspondencia, o agasallaba cun Toyota.
2. A presencia de Streep, cun vestido branco elegantísimo. Demasiado diva, pero coa amabilidade xusta.
3. A incrible envergadura da protagonista de Precious e a seriedade permanente de Mo'nique, actriz de fama cómica.
4. O aparente cabreo de Clooney, sempre guapo aínda que cun corte de pelo un tanto estraño, os vestidos bellísimos de Kruger e Parker. As pajaritas. Ollo, amigas de Catoire.
5. A corrección correcta de Damon, a abdución de Freeman por Mandela.
6. A belleza de Theron, a tristura elegante de Winslet, os labios vermellos de Bullock.
7. A ausencia de Pitt, a pallasada de Stiller, o careto inexpresivo de Cameron, empalado polo presaxio do fracaso. A fortaleza de Bigelow.
8. O número espectacular de baile, a serie de lembranzas in memoriam.
9. Lauren Bacall. E Gordon Willis sen Allen.
10. O incrible caos de Campanella, nerviosísimo.
11. Michelle Pfeiffer e Julianne Moore xuntas.
12. A voz, o corpo, a expresión enteira do gran Jeff Bridges cubrindo por completo o Kodak Theatre.
Isto último (e Pfeiffer again) valeu por toda a ceremonia. Canto me presta mirala sempre!

7 marzo 2010

O PARAÍSO EN CASA EMILIO DE CATOIRA


Miles de séculos de civilización (non ando eu con contabilidades: cunha cantidade enorme xa me vale) para atopar o ónfalos, o umbilicus mundi, o aleph, a cadratura do círculo, o walhalla, o santo grial, o uróboros, o velo de ouro, o ying e mailo yang, o bálsamo de fierabrás, o paraíso, o janah, a arca da alianza, o hortus conclusus, o shangri-la, o dourado, os campos elíseos, o maná, o ceo, o orgasmo tántrico, o mandala, a hostia en verso e vai estar todo isto e nunha soa tarde, case nun par de horas que durou a enchenta, na Casa Emilio de Catoira entre as tres e as cinco da tarde dun 6 de marzo de 2010.
Dos detalles do momento dará conta no futuro unha oportuna e limitada lenda. Polo de agora sírvanse constatar a efeméride.

5 marzo 2010

AGRADECEMENTO


Foi o que foi o día 3 de marzo e houbo festa grande no Choco, con
Like a rolling stone de fondo, unha tarta (a Tarta, por antonomasia) de té do Molino, unha arte poética con rimario incluido, unhas copas de cava supremo, e uns amigos (aínda máis supremos) enfundados nunha camiseta que branco sobre negro proclamaba unha verdade inconstestable: "Muy mal se nos tiene que dar la noche". A esmorga, aínda en vigor, rematou provisionalmente no Xancarajazz nunha jam session extraordinaria que, de repetirse cos mesmos ingredientes, convén difundir.
Mais non agardaba eu hoxe un agasallo fermoso dunhas amigas encantadoras que recorreron Vigo enteiro para atopar o que pode verse na foto: unha preciosidade dun kilo de peso, de nome Lavazza e de apelidos Gold Selection, empaquetado con primorosa elegancia. A lenda con que acompañaron o presente fica na miña intimidade, aínda que non me costa nada confesar o emocionante trance ao descubrilo. A risco (miuh) de parecer cursi (non é a primeira vez que alguén mo di neste blog e fóra del), farei hoxe o café coas bágoas destas últimas e agradecidísimas emocións.

4 marzo 2010

FUTBOLEIRO


Son fuboleiro desde que fun quen de poñer os pes no chan con certa estabilidade. O pracer de xogar (agora xa nada) sempre foi acompañado do pracer de mirar xogar, agora cada vez menos. Participo da irracionalidade de ser do Barça e, sobre todo, da de non ser do Madrid. Dos demais equipos teño querencias por afinidades selectivas. Así o Sporting, o Caudal, a Ponferradina, o As Pontes, aka Endesa, (todos eles con variable intensidade, en función dos triunfos: como pode verse, son un aficionado de pouca monta, é dicir dos piores) poden nalgún momento determinado ser motivos de interese moi ocasional. Do Celta, por telo todos os días nos xornais e por ter amigos que sufren, padecen e sangran celeste, algo máis pode atraer, pero non o suficiente ou o que se pide nestes casos. Son do Barça, avant tout e de forma case exclusiva. E iso sempre e cando a repunancia que leva aparellada a literatura épica de victorias inmortais non trascenda o propio xogo e faga diso unha metáfora ou metonimia de non sei que valores entre morais, sociais ou históricos.
A medida que nos acercamos ao verán, eu espero que este xogo marabilloso que algúns equipos practican cunha beleza comparable ao nacemento de Venus ou a unha liña dun verso de Leopardi sexa inmune ás soflamas patrioteiras e animalizantes que comezan a lerse (porque escoitar eu xa non o aturo), claramente nauseabundas.

3 marzo 2010

UNHA FRASE PARA 49ERS


"Con eso ya se come, Teresina".
Ista era a frase irónica que ao parecer meu avó Félix tiña reservada para os seus fillos cando estes celebraban pequenas ledicias íntimas. Acompañábaa cun sorriso nada censor, mesmo compracido, para non rachar o feitizo dese inocuo entusiasmo. Miña nai conservou frase, escenificación, oportunidade e propósito. E cando nós, meu irmán e mais eu, manifestabamos a nosa alegría por algún feito digno de aplauso ela sempre estaba ao quite para poñer as cousas no lugar que estas merecían. Non nego que ás veces esa frase non resultara irritante, xa que abaixaba as nosas lexítimas ilusións nun plisplás, pero, co tempo, aprendimos a medir a intensidade e, sobre todo, a importancia que van tendo os feitos na vida de cada un. Tampouco sei o que ten de estoicismo ético esa frase ou o que ten de elementalidade camponesa, habida conta da procedencia inicial do meu avó nas terras de Rueda en épocas de filoxera, fame e búsqueda de oportunidades alén de Castela. Con todo, serviunos e sérvenos sempre de termómetro infalible para tantas e tantas prescindibles inclinacións que impiden contemplar coa sinxeleza necesaria o paso do tempo.
"Con eso ya se come, Manelín".

2 marzo 2010

LOGOMAQUIA IN THE FFT

Hoxe tivemos reunión da CGC da FFT para tratar de aprobar as modificacións ao SIGC remitidas pola ACSUG. Os fluxogramas de ciclo, os indicadores de satisfacción e as implementacións de mellora estaban correctos, agás na especificación aclaratoria das propostas de políticas activas de calidade da aprendizxe, que deben axustarse, como non podía ser doutro xeito, ao determinado tanto por estatutos como polas normas reguladoras dos procedementos de control da calidade. Neste aspecto, toda a sesión transcurriu con benevolente disposición por parte dos membros da CGC e non se rexistraron incidentes dignos de mención, excepto unha pequenísima, case impertinente para o resultado final, discusión sobre o sentido da palabra queixas, incluida de forma insólita nun contexto decididamente palmario e paradigmático de tetrasílabos en concorrencia máxima.
Están previstas moitas máis reunións coma esta de hoxe, nunha emocionante e nunca ben valorada intensa fuxida cara adiante subidos nos magníficos e cómodos wagons lits dun tren chamado Logomaquia.

1 marzo 2010

DE ANF, NO DÍA DO SEU CUMPREANOS


ANF é da miña idade. Naceu no 61 e debeu de compartir, case seguro, os anos composteláns conmigo. Seica o ano 1985, xa licenciado, aprobara unha oposición para un posto na administración, o que quere dicir que rematou a súa carreira o ano anterior. Non o lembro de Santiago. Isto pode dicir moito da miña escasa memoria ou da grande poboación compostelana naqueles tempos. Pero creo que, mirado aquel tempo, entendo ben boa parte da formación política de Feijoo. Daquela os que non asistían ás asambleas, non formaban parte de ningunha agrupación partidaria, non participaban nos eventos característicos daqueles grupos (por suposto, non limitados), como teatro na Salle, ciclos de cine no Salón Teatro, foros na Caixagalicia de Carreira do Conde, movíanse por outros sitios. Pero coincidiamos moito nos novos pubs da parte nova, que tiñan o seu horario preciso e calculado para que todos estiveran de bote en bote durante alomenos media hora ao día. Os amigos que vivían case en exclusiva para estudar (pouco, porque se comezaba a estudiar segundo a regla non escrita do estudantado, en especial de dereito e tamén algo de medicina, por marzo ou abril) e para saír de copas e pertencían a un espectro social de clase media tiñan o seu mundo planificado para seguir ou ben a estela dos seus pais ou ben para procurar rápido un emprego definido e definitivo. Eran bastante máis pragmáticos có resto e tomaban a vida universitaria compostelana como unha preparatoria para a vida regulada e convencional, por suposto, nada contestada nin discutida. Pero tamén teño que recoñecer que aquel foi o signo dos tempos, que comezou daquela a fraguar no horizonte dos estudantes, probablemente coincidente co abandono da práctica partidaria, da participación en agrupacións políticas ou da intervención en cuestións sociais. Non sei se o tempo aquel chamado da movida, das ganas de pasalo ben e de pasar páxina a un tempo determinado non cobrou a súa parte no proceso.
O certo é que Feijoo é un presidente desa primeira xeración de BUP e COU, desexosa se cadra duns novos planteamentos e de romper co pasado. Non sei se algunha daquelas teimas, observables nos estudantes máis comúns e menos comprometidos, de non meterse en política (como eles mesmos aclaraban a cada paso) explica ese desmontaxe, esa peculiar negación da cultura política da transición que eles viviron de perto e que non puideron mudar. Decidiron ir escalando postos na administración, mentres os demais se entregaban á lea política. Cando estes lograban o paso a través de dialéctica e disputa en campo aberto, eles emerxían coa meritaxe de oficinas e cargos públicos posibilistas, empregados como trampolíns individuais para o acceso ao poder. Enfrontando Feijoo ao seu antecesor, Touriño, dámonos de conta de que a Xunta abeira a un funcionario curtido na xestión administrativa, exercida desde arriba sempre, desde esa mesma atalaia, en substitución doutro, igualmente funcionario, tamén experimentado en dirección de organismos, pero moito máis afeito á pugna civil, ao modo asambleario e parlamentario doutros tempos. Sen establecer distincións valorativas porque nos efectos poden estar as bondades ou maldades dos dous sistemas, Feijoo adopta de forma natural un xerencialismo baixo carauta de presidente severo e decidido, mentres Touriño, coa axuda de Quintana, prefería unha gobernabilidade composta de dúbidas e consensos. Probablemente dúas formas de comprender a acción política, que teñen a súa orixe nesa pequena mudanza xeracional, que non o explica todo pero que permite (a min, alomenos) entender algo mellor o panorama deste último ano.