Nestas noites de certa vixilia, case insomnio, adoito acender a televisión para ver se remato canso. Entón fago un zapeo vertixinoso, circular, por todas as cadeas: non quero saber que poñen, só pretendo acumular imaxes inconexas. Pero, cando chega o mes de febreiro, sempre fago unha parada involuntaria en Canal Sur. Alí retransmiten durante horas os Carnavales de Cádiz desde o teatro Manuel de Falla. Probas, semifinais, finais, tipos, chirigotas, comparsas, coros, cuartetos (de tres ou de cinco persoas), parodias. Música, pasodobles, tangos, cuplés. Eu distingo pouco os xéneros, menos o intríngulis do asunto e ás veces nin siquera entendo as letras, pronunciadas a berros en un caitano endiañado. Non son capaz de entender como podo ficar diante do televisor vendo o espectáculo. E menos eu, que detesto os entroidos, os disfraces, as máscaras. Reflexiono ás veces, mentres miro o televisor coma un parvo, absorto ante o entusiasmo, as risas, o humor macabro e terrorífico destes homes (porque mulleres hai ben poucas: mundo machista que perdura, por pouco tempo, espero). Pero non chego a conclusión algunha. Gústame e nada máis. Teño que confesalo abertamente: gústanme os Carnavales de Cádiz. Nono entendo.[Chirigota Los Prejubilados, Cádiz 2007]






