Sempre fun moi individualista. Ou pouco gregario. Sempre gustei da contracorrente. Pagueino moitas veces. Nunca aceptei imposicións, obediencias, autoridades. E iso que por veces escollín mandar, levar as rendas de algo. Agora ocupo precisamente un pequeno cargo de dirección e fun, outrora, tamén cabeza dun órgano colexiado. Pero nunca admitín que me mandaran fácilmente. Tiven problemas por iso desde pequeno. Soberbio podo resultar, pero sempre me resultou insoportable que alguén me dixera o que tiña que facer.Cando era adolescente e adolecía, rebeleime contra a dirección do colexio onde estudiaba porque non nos deixaban o día libre para irmos á festa. Saltamos o valado do instituto coa mala fortuna de que meu pai tiña cita co titor aquel día. Caeume a culpa de incitar á rebelión. Nunca militei en partidos: nunca quixen depender de ninguén, non soportei disciplina algunha.
Cando estiven na Universidade participei na loita dos pisos e aínda recordo un paseo glorioso polos despachos de Mazarelos tentando convencer (bieita mocidade) aos profesores de que participaran na loita final. Cando rematei a carreira e comecei facer o CAP rebélamonos contra esa mandanga (coas correspondentes mobilizacións) que aínda segue coa súa inutilidade amargando a vida dos que aspiran a ser profesores. E cando conseguín o meu primeiro emprego como profesor de Instituto pasei o primeiro ano en intrigas para botar ao impresentable director.
Cando din o paso a outro traballo, tomei a decisión en moitos casos de impedir que persoas pouco eficaces e, sobre todo, fascistoides ocuparan lugares de responsabilidade académica. Non sempre tiven fortuna nas loitas, pero sempre o tentei. Mesmo entrei de representante de pais nun Consello Escolar: participei directamente (con risco mesmo para a miña integridade física) no proceso de sustitución (conseguido) da directora do centro que era claramente ineficaz e autoritaria.
E agora ando noutra lea. E todo por asumir desde sempre e teimudamente unha premisa: non admitir de forma doada o principio de autoridade. Non o soporto. Sei que fago mal, pero non me dou corrixido. Pagareino sempre, pero non podo coa miña incorrexible inobediencia.
.jpg)





