Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 marzo 2010

JEFF BRIDGES

Do sempre entretido pero longo espectáculo de entrega de óscars quedo co seguinte, a beneficio de inventario de espectador despegado (o cinéfilo que asiste e comenta estas ceremonias é como o urbanita pailán que vai con zapatos de tafilete a dar unha volta polas corredoiras):
1. A presentación sobria de Baldwin e Martin con ocasional gracia no chiste de que Cameron regalara a Bigelow un cesto con temporizador mentres esta, en correspondencia, o agasallaba cun Toyota.
2. A presencia de Streep, cun vestido branco elegantísimo. Demasiado diva, pero coa amabilidade xusta.
3. A incrible envergadura da protagonista de Precious e a seriedade permanente de Mo'nique, actriz de fama cómica.
4. O aparente cabreo de Clooney, sempre guapo aínda que cun corte de pelo un tanto estraño, os vestidos bellísimos de Kruger e Parker. As pajaritas. Ollo, amigas de Catoire.
5. A corrección correcta de Damon, a abdución de Freeman por Mandela.
6. A belleza de Theron, a tristura elegante de Winslet, os labios vermellos de Bullock.
7. A ausencia de Pitt, a pallasada de Stiller, o careto inexpresivo de Cameron, empalado polo presaxio do fracaso. A fortaleza de Bigelow.
8. O número espectacular de baile, a serie de lembranzas in memoriam.
9. Lauren Bacall. E Gordon Willis sen Allen.
10. O incrible caos de Campanella, nerviosísimo.
11. Michelle Pfeiffer e Julianne Moore xuntas.
12. A voz, o corpo, a expresión enteira do gran Jeff Bridges cubrindo por completo o Kodak Theatre.
Isto último (e Pfeiffer again) valeu por toda a ceremonia. Canto me presta mirala sempre!

7 marzo 2010

O PARAÍSO EN CASA EMILIO DE CATOIRA


Miles de séculos de civilización (non ando eu con contabilidades: cunha cantidade enorme xa me vale) para atopar o ónfalos, o umbilicus mundi, o aleph, a cadratura do círculo, o walhalla, o santo grial, o uróboros, o velo de ouro, o ying e mailo yang, o bálsamo de fierabrás, o paraíso, o janah, a arca da alianza, o hortus conclusus, o shangri-la, o dourado, os campos elíseos, o maná, o ceo, o orgasmo tántrico, o mandala, a hostia en verso e vai estar todo isto e nunha soa tarde, case nun par de horas que durou a enchenta, na Casa Emilio de Catoira entre as tres e as cinco da tarde dun 6 de marzo de 2010.
Dos detalles do momento dará conta no futuro unha oportuna e limitada lenda. Polo de agora sírvanse constatar a efeméride.

5 marzo 2010

AGRADECEMENTO


Foi o que foi o día 3 de marzo e houbo festa grande no Choco, con
Like a rolling stone de fondo, unha tarta (a Tarta, por antonomasia) de té do Molino, unha arte poética con rimario incluido, unhas copas de cava supremo, e uns amigos (aínda máis supremos) enfundados nunha camiseta que branco sobre negro proclamaba unha verdade inconstestable: "Muy mal se nos tiene que dar la noche". A esmorga, aínda en vigor, rematou provisionalmente no Xancarajazz nunha jam session extraordinaria que, de repetirse cos mesmos ingredientes, convén difundir.
Mais non agardaba eu hoxe un agasallo fermoso dunhas amigas encantadoras que recorreron Vigo enteiro para atopar o que pode verse na foto: unha preciosidade dun kilo de peso, de nome Lavazza e de apelidos Gold Selection, empaquetado con primorosa elegancia. A lenda con que acompañaron o presente fica na miña intimidade, aínda que non me costa nada confesar o emocionante trance ao descubrilo. A risco (miuh) de parecer cursi (non é a primeira vez que alguén mo di neste blog e fóra del), farei hoxe o café coas bágoas destas últimas e agradecidísimas emocións.

4 marzo 2010

FUTBOLEIRO


Son fuboleiro desde que fun quen de poñer os pes no chan con certa estabilidade. O pracer de xogar (agora xa nada) sempre foi acompañado do pracer de mirar xogar, agora cada vez menos. Participo da irracionalidade de ser do Barça e, sobre todo, da de non ser do Madrid. Dos demais equipos teño querencias por afinidades selectivas. Así o Sporting, o Caudal, a Ponferradina, o As Pontes, aka Endesa, (todos eles con variable intensidade, en función dos triunfos: como pode verse, son un aficionado de pouca monta, é dicir dos piores) poden nalgún momento determinado ser motivos de interese moi ocasional. Do Celta, por telo todos os días nos xornais e por ter amigos que sufren, padecen e sangran celeste, algo máis pode atraer, pero non o suficiente ou o que se pide nestes casos. Son do Barça, avant tout e de forma case exclusiva. E iso sempre e cando a repunancia que leva aparellada a literatura épica de victorias inmortais non trascenda o propio xogo e faga diso unha metáfora ou metonimia de non sei que valores entre morais, sociais ou históricos.
A medida que nos acercamos ao verán, eu espero que este xogo marabilloso que algúns equipos practican cunha beleza comparable ao nacemento de Venus ou a unha liña dun verso de Leopardi sexa inmune ás soflamas patrioteiras e animalizantes que comezan a lerse (porque escoitar eu xa non o aturo), claramente nauseabundas.

3 marzo 2010

UNHA FRASE PARA 49ERS


"Con eso ya se come, Teresina".
Ista era a frase irónica que ao parecer meu avó Félix tiña reservada para os seus fillos cando estes celebraban pequenas ledicias íntimas. Acompañábaa cun sorriso nada censor, mesmo compracido, para non rachar o feitizo dese inocuo entusiasmo. Miña nai conservou frase, escenificación, oportunidade e propósito. E cando nós, meu irmán e mais eu, manifestabamos a nosa alegría por algún feito digno de aplauso ela sempre estaba ao quite para poñer as cousas no lugar que estas merecían. Non nego que ás veces esa frase non resultara irritante, xa que abaixaba as nosas lexítimas ilusións nun plisplás, pero, co tempo, aprendimos a medir a intensidade e, sobre todo, a importancia que van tendo os feitos na vida de cada un. Tampouco sei o que ten de estoicismo ético esa frase ou o que ten de elementalidade camponesa, habida conta da procedencia inicial do meu avó nas terras de Rueda en épocas de filoxera, fame e búsqueda de oportunidades alén de Castela. Con todo, serviunos e sérvenos sempre de termómetro infalible para tantas e tantas prescindibles inclinacións que impiden contemplar coa sinxeleza necesaria o paso do tempo.
"Con eso ya se come, Manelín".

2 marzo 2010

LOGOMAQUIA IN THE FFT

Hoxe tivemos reunión da CGC da FFT para tratar de aprobar as modificacións ao SIGC remitidas pola ACSUG. Os fluxogramas de ciclo, os indicadores de satisfacción e as implementacións de mellora estaban correctos, agás na especificación aclaratoria das propostas de políticas activas de calidade da aprendizxe, que deben axustarse, como non podía ser doutro xeito, ao determinado tanto por estatutos como polas normas reguladoras dos procedementos de control da calidade. Neste aspecto, toda a sesión transcurriu con benevolente disposición por parte dos membros da CGC e non se rexistraron incidentes dignos de mención, excepto unha pequenísima, case impertinente para o resultado final, discusión sobre o sentido da palabra queixas, incluida de forma insólita nun contexto decididamente palmario e paradigmático de tetrasílabos en concorrencia máxima.
Están previstas moitas máis reunións coma esta de hoxe, nunha emocionante e nunca ben valorada intensa fuxida cara adiante subidos nos magníficos e cómodos wagons lits dun tren chamado Logomaquia.

1 marzo 2010

DE ANF, NO DÍA DO SEU CUMPREANOS


ANF é da miña idade. Naceu no 61 e debeu de compartir, case seguro, os anos composteláns conmigo. Seica o ano 1985, xa licenciado, aprobara unha oposición para un posto na administración, o que quere dicir que rematou a súa carreira o ano anterior. Non o lembro de Santiago. Isto pode dicir moito da miña escasa memoria ou da grande poboación compostelana naqueles tempos. Pero creo que, mirado aquel tempo, entendo ben boa parte da formación política de Feijoo. Daquela os que non asistían ás asambleas, non formaban parte de ningunha agrupación partidaria, non participaban nos eventos característicos daqueles grupos (por suposto, non limitados), como teatro na Salle, ciclos de cine no Salón Teatro, foros na Caixagalicia de Carreira do Conde, movíanse por outros sitios. Pero coincidiamos moito nos novos pubs da parte nova, que tiñan o seu horario preciso e calculado para que todos estiveran de bote en bote durante alomenos media hora ao día. Os amigos que vivían case en exclusiva para estudar (pouco, porque se comezaba a estudiar segundo a regla non escrita do estudantado, en especial de dereito e tamén algo de medicina, por marzo ou abril) e para saír de copas e pertencían a un espectro social de clase media tiñan o seu mundo planificado para seguir ou ben a estela dos seus pais ou ben para procurar rápido un emprego definido e definitivo. Eran bastante máis pragmáticos có resto e tomaban a vida universitaria compostelana como unha preparatoria para a vida regulada e convencional, por suposto, nada contestada nin discutida. Pero tamén teño que recoñecer que aquel foi o signo dos tempos, que comezou daquela a fraguar no horizonte dos estudantes, probablemente coincidente co abandono da práctica partidaria, da participación en agrupacións políticas ou da intervención en cuestións sociais. Non sei se o tempo aquel chamado da movida, das ganas de pasalo ben e de pasar páxina a un tempo determinado non cobrou a súa parte no proceso.
O certo é que Feijoo é un presidente desa primeira xeración de BUP e COU, desexosa se cadra duns novos planteamentos e de romper co pasado. Non sei se algunha daquelas teimas, observables nos estudantes máis comúns e menos comprometidos, de non meterse en política (como eles mesmos aclaraban a cada paso) explica ese desmontaxe, esa peculiar negación da cultura política da transición que eles viviron de perto e que non puideron mudar. Decidiron ir escalando postos na administración, mentres os demais se entregaban á lea política. Cando estes lograban o paso a través de dialéctica e disputa en campo aberto, eles emerxían coa meritaxe de oficinas e cargos públicos posibilistas, empregados como trampolíns individuais para o acceso ao poder. Enfrontando Feijoo ao seu antecesor, Touriño, dámonos de conta de que a Xunta abeira a un funcionario curtido na xestión administrativa, exercida desde arriba sempre, desde esa mesma atalaia, en substitución doutro, igualmente funcionario, tamén experimentado en dirección de organismos, pero moito máis afeito á pugna civil, ao modo asambleario e parlamentario doutros tempos. Sen establecer distincións valorativas porque nos efectos poden estar as bondades ou maldades dos dous sistemas, Feijoo adopta de forma natural un xerencialismo baixo carauta de presidente severo e decidido, mentres Touriño, coa axuda de Quintana, prefería unha gobernabilidade composta de dúbidas e consensos. Probablemente dúas formas de comprender a acción política, que teñen a súa orixe nesa pequena mudanza xeracional, que non o explica todo pero que permite (a min, alomenos) entender algo mellor o panorama deste último ano.