Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 aprile 2010

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN 7


Non teño fotos do Jüdisches Museum de Libeskind. Non sei se por respecto involuntario ou por puro esquecemento diante das infinitas sensacións que un padece (hai algo tamén de inevitable mortificación) naquel sobrecolledor espazo. Non revelo nada se digo que se trata dun dos museus máis extraordinarios que un pode visitar, aínda que visitar non é nin moito menos a palabra. Concebido con planos que fuxen de paralelismos e simetrías, con predominio dos ángulos agudos e de aparentes insinuacións trapezoidais, nunha especie de deconstrucción da estrela de david (influencia de Benjamin na proposta de Libeskind), o museu permite recorrer a historia do xudaísmo a través dos seus símbolos, da súa vida doméstica, da súa proxección socioeconómica, con particular atención a Alemaña pero tamén a toda Europa (aínda que non vin eu demasiada á expulsión dos xudeus españois, pero era tanta a información que tamén pode ser que se me escapara nun dos moitos currunchos da exposición).
Pero non queda nunha mera xustaposición dos elementos máis comúns do mundo xudeu, senón que procura á persoa que entra nesas salas, que negan o cubo clásico e elemental da arquitectura, unha sensación de desacougo esencial, plasmado de forma ao meu xuízo xenial en tres ponlas do inusual edificio: unha, que conduce á parte museística (aínda que poucas musas poden acougar), a Escaleira da Continuidade; outra, a vía do Exilio, que leva a un patio de oliveiras, enterradas sobre varios pilares de cemento, no único espazo cadrado do museu; e a terceira, do Holocausto, cunhas vitrinas que gardan os obxectos e, sobre todo, as breves pero exemplares narracións do horror, que se dirixe a unha sala escura, de apenas uns dez ou quince metros cadrados, de plano trapezoide, cunha altura duns doce metros, só iluminada (un dicir) por unha pequena fenda dun metro de lonxitude e uns dez centímetros de anchura por onde entra unha mortecina luz que permite, tras a cegueira inicial, recoñecer os rostros sobrecollidos dos demáis visitantes (por poñer un nome) e tocar a textura fría da parede de cemento negro que cubre (outro verbo inútil) aquela cámara.
Libeskind deu ese espazo baleiro para a reflexión, como moitos outros que marcan o itinerario, pero tamén para recrear unha ausencia ou, máis ben, para reconstruir a ausencia. Poucas veces un arquitecto, ao meu modesto entender, foi quen de plasmar, en cemento, cristal ou no zinc grisalla que recobre a fachada e compite en aspereza coa ocre luminosidade do Collegiunhaus barroco contiguo, unha idea tan brillante para conter a negrura e o horror dos feitos probablemente máis infames da historia da humanidade.

Foto: É da última sala da Neue Nationalgalerie, onde, por certo, hai un tríptico, que non puiden rescatar de internet, titulado precisamente así, Nacht über Deutschland, de Horst Strempel, que ofrece como paisaxe terrible unhas choupanas negras que ben puideron inspirar a Eisenman os cubículos de cemento negro para o seu memorial de Berlín. Cando consiga ilustración, heina poñer.

6 aprile 2010

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN 6

Berlín como cidade ultramodernísima, sede do vangardismo de vangarda über alles, é unha alternativa turística difícil de evitar. Non sei se para os propios berlineses resulta tan turística, se temos en conta que por eses espazos só pululan familias españolas (de aire máis ben midclass, cos seus barbouriños e belstafiños do trinque) ou troupes de italianos con stivali de prata e piumini neri ata as cellas. Sobre todo, a partir das sete da tarde, cando, coma nun sumidoiro, só vai quedando esta caste de humanoides pola cidade.
Coma atraccción bizarra este Berlín ten o seu aquel (non en van rematan por se converter en lugares para tomar copas), pero estes currunchos como meca da arte non vou ser eu quen os desmonte.

5 aprile 2010

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN 5

Hai algo en Berlín (no París das grandes avenidas, campos elíseos, arcos de triunfo e inválidos, e no Londres do Mall ou na Roma que vai da tarta de Víctor Manuel ao Coliseo tamén me pasa) que non me gusta nada. E dentro dese nada, que ten que ver co gusto pola línea recta (será a línea recta unha metáfora do autoritarismo?), o pastiche berlinés faise aínda máis intragable. E dentro dese pastiche, nada máis eminente que a illa dos museos, un pretencioso espazo de moi dubidoso gusto por empregar este tópico adxectivo eufemístico. E dentro desa illa, este museo, coroación das veleidades (e algo máis) imperiais e imperialistas (que semellan por que non dicilo o propio British Museum), de Pergamón. Fascinante rapiña á maior gloria da vaterland.
Menos mal que, pasado o río, aínda se papan uns currywurst para aliviar a acidez histórica.

4 aprile 2010

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN 4


Aproveito esta foto diante da Humboldt (que ben podería ser calquera lugar do mundo onde se vendan libros ao aire libre) para formular unha pregunta que me leva rondando desde hai moito tempo: que teñen as caixas de cartón de bananas para carrexar libros?

3 aprile 2010

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN 3


Na explanada de herba que cunha suave pendente baixa cara ao río Spree xusto en frente da mole da catedral berlinesa estivo non hai moito o edificio do Palast der Republik en ruinas. Hai apenas un ano e medio puiden ver a súa fasquía cinzenta, como de destrución inacabada. Uns camiños de madeira agora rodean ese espazo verde e tranquilo, que agarda pola primavera para ser seguramente lugar fermoso de lecer. No horizonte, un pode mirar o campanario da Marien Kirche, a altísima torre de comunicacións, o edificio vermello do concello de Berlín, a nova biblioteca municipal, os edificios do antiguo consello da RDA e as fachadas de pastiche grecolatino dos museos imperiais, sen contarmos a impoñente pedra do Dom á dereita do antigo Lustgarten.
Pero ese inmenso solar, docemente prantado de herba, é provisional recurso para dar tempo (2015, seica) á ambiciosa reconstrución das fachadas (non sei se inclúe tamén o interior, aínda que falan de estación de metro e de hotel de luxo) do vello e enorme Berlin Stadtschloss, destruido en gran parte polas bombas na segunda guerra mundial. O pazo castelo dos Hohenzollern, construido no centro da illa que queda no medio do meandro do río, constituiu durante séculos o símbolo arquitectónico do poder político de Berlín e dos seus sucesivos imperios e dominios. As autoridades da RDA dinamitaron o edificio no ano 1950, pero non lograron reconstruir algo nese mesmo lugar ata o ano 1976 en que inauguraron o Pazo da República para dar acubillo a festas, concertos e espectáculos. Coa caída do muro, o edificio acristalado, de estilo insípido, quedou sen servizo ata que nos primeiros anos deste século padeceu de novo o derribo.
Agora, unha campaña cidadá para recuperar o antigo pazo de finais do século XVII, apoiada desde hai un par de anos con orzamento propio polo goberno federal, parece abrir, non sen polémica, un novo/vello horizonte para este espazo inmenso no corazón de Berlín. Que toda esta pequena historia de construción e destrución suceda no mesmo lugar que foi a orixe da cidade explica en gran medida a convulsa e axitada historia de Berlín e, por extensión, a da propia Alemaña.

2 aprile 2010

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN 2

Non sei eu se a febre constructora de Berlín, fuxida cara adiante ou horror vacui, destes últimos anos, acompañada dunha pretendida (e inexplicada) modernidade estética, dará aguantado moito o paso do tempo. Este edificio na praza do mercado de Winterfeld é un exemplo do que digo, pero hai moitos, pero moitos coma el.

APUNTES (VISUAIS) SOBRE BERLÍN


Berlín coloca neste antigo wasteland, no cruce de Bernauerstrasse e Ackerstrasse, un observatorio do pasado. Constrúe unha pequena torre para mirar o cemeterio e a longa e estéril franxa de terra a ámbolos dous lados do muro. Pero non se conforma con iso: engade unha galería de fotos xigantes sobre un valado de madeira en recordo daquela época. Para non esquecer nada de nada.