Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 novembre 2009

XOGADORES DE CHICA


Cando escribía o post anterior, unha pequena historia ilustrou a miña inquedanza. A Voz de Galicia acababa de publicar a nova de que unha axencia lingüística da UE reprendía a política de Feijoo. De inmediato, todos os feisbuqueiros e feisbuqueiras preocupados polas propostas do PP en materia lingüística colgaron nos seus muros respectivos a referencia á nova. Houbo algunha persoa que, tras colocala, manifestou o insólito do caso, ao tratarse da propia Voz de Galicia, campiona en ataques á discriminación positiva do galego, como emisora do asunto. A miña desconfianza (que eu atribúo a deformación profisional, pero que entendo debería estenderse a calquera cun mínimo de curiosidade nesta clase de casos) fixo que buscara en Google o nome da oficina mencionada. Nun segundo puiden comprobar que a tal axencia era en realidade unha organización non gubernamental que elaboraba informes consultivos ao UE sobre o estado e a situación das linguas minorizadas. A propia web citaba varias informacións sobre manifestacións en Europa en defensa das linguas, como unha recente en Carcassone ou a do 18 de novembro en Compostela. Mirei precisamente esta nova e vin cómo esa noticia estaba presentada co espíritu agardado nunha oficina que precisamente trata de dar conta das dificultades destas linguas no contexto europeo. Por ningún lado atopaba o escrito de reprimenda, pero semellaba claro que non era unha axencia lingüística da UE quen escribía aquilo senón unha oficina non gubernamental preocupada por estes asuntos de modo particular. Nalgúns muros advertín eu mesmo que moi probablemente á Voz de Galica ou aos xornalistas tal información lles fora transmitida de forma errónea. 
A iso das 4 da tarde, e cando case todo o mundo xa fixera o seu particular enlace coa Voz, coa natural celebración que unha recriminación aparentemente da UE promovía sobre o goberno de Feijoo, advirto que o titular mudara e que no corpo da nova a propia redacción da Voz sinalaba que había un erro nos teletipos e que non era unha axencia da UE a responsable do escrito senón unha oenegué que traballaba ocasionalmente para a Unión Europea. A rectificación non foi vista ata moito máis tarde, pero para entón o nivel de entusiasmo entre os que consideraban que Europa enteira afeaba a política lingüística do goberno era incontible. 
Unha lectura a un xornal afín a causa do galego e belixerante neste tema, como A nosa terra, aclaraba de forma contundente o panorama. Xa non era unha axencia, nin a oficina ao completo a responsable do reproche, senón a Comisión do Estado español desa mesma oficina na que nunha reunión en Barcelona facía un pequeno escrito de reprimenda. A cousa, lida xa na propia prensa dos defensores do galego, era ben distinta ao do comezo.
Que ocurriu, logo? Ocurriu que a tensión xerada durante estes meses arredor do galego, por unha imprudente e demagóxica utilización do asunto por parte do PP cando o que conviña era chegar a unha solución sosegada e consensuada, está a promover a sensación de que un partido trascendental se está a librar a cada momento e de que calquera pequena noticia a favor ou en contra das distintas opinións pode representar un signo imbatible da próxima victoria. 
Teñen os xogadores de mus un refrán moi elocuente para estes casos: Xogador de chica, perdedor de mus. Esa é a sensación que eu teño cando pequenas escaramuzas (ás veces, mesmo de tan transparentes algo toscas) ou sonoras nimiedades suscitan tanto balbordo entusiasta nun contexto de combate de longo alento. Estas pezas que se libran en terreos doadísimos (o do Tribunal Supremo era un caso semellante) ou propicios como se fosen a final da Champions League teñen a posible desvantaxe dun triunfo pírrico a medio prazo (o que sería tráxico e frustrante) e, sobre todo, o triste aroma dun complexo de inferioridade que non se debe aceptar cando o que aquí se dilucida é moito máis cunha noticia máis ou menos favorable: a aplicación con todas as consecuencias do que a soberana decisión do parlamento por unanimidade abordou no seu día: a aplicación do Plano Xeral de Política Lingüística. 
Fixemos ese obxectivo político claro, repitámolo de forma insistente, e deixémonos de celebracións anticipadas da nadería.  

27 novembre 2009

EFERVESCENCIA


Noto en xeral, debe de ser o dinamismo do facebook ou a transmisión acelerada de información por todas as vías, unha seareirización da política preocupante. Parece que se xogan partidos todos os días e que dos resultados depende a nosa temperatura vital e política, por suposto tan elevada como os propios acontecementos parecen suscitar. Pero debo recoñecer que me sorprende en xente que teño por capacitada, por informada, por intelectual de fuste algunhas manifestacións infantís de ilusións repentinas ou de decepcións abismais. Adoptan de contino unha posición algo displicente, mesmo ensimismada, propia da soberbia do cargo que empaquetan na súa condición, pero cando o seu equipo (agochado mentres perde ou empata partidos un tras outro) gaña o partidiño de entre semana, aínda que sexa con outro equipiño de pior entidade, sae esa vea infantil que todos temos (algúns, claro está, para cousas máis inocuas ou celebrativas) para plasmar felicidades sen vir a conto. 
Serei eu que me estou volvendo un escéptico de carallo que non chego a entender efervescencias a según que idades e tras procelosas traxectorias vitais? Estes últimos días, con alakranas, caixas de aforros, manifestos consiliares e outros estatutarios a febre da mocidade ou, no seu defecto, o prurito do acné rebrota no interior dos corazóns tantas veces derrotados. 
Non está mal para superar o outono; o malo é que tanta calor, tanta inflamación febril fai perder o sentidiño, a cabeciña e o mínimo rigor no pensamento: a pérfida ofuscación vén, nestes casos, de contado.  

22 novembre 2009

HELLO SAFERIDE, DAWN LANDES, BASIA BULAT

Para Luna e Rubén. 
Fóra vai frío. Se cadra neva. A saraiba rodea os cristais e un aroma a café ou a té invade o cuarto de paredes de madeira. A chimenea está encesa e na cama, nun edredón branco inmaculado, durme ela. É domingo e as xanelas deixan pasar a luz intensa da mañán.
No porche vai un día de xuño. Tomas un camiño cara o río. Cruzas a vía do tren e entras por un bosque de bidueiros. Vas descalzo ou sintes a lama antes de lanzarte á corriente. O sol empeza a fuxir polo horizonte. O solpor aínda quece o teu corpo espido. 
Cae unha folla bermella. Abrazas un corpo que comeza a sentir a friaxe do serán. Miras as arbres sen pronunciar palabra. As ponlas libran unha pequena lea sen folgos. Co paso do tempo, un intenso vento levanta herba e flores. Non te das levantado. Durmes apertado cun pequeno vals nos ollos. 

18 novembre 2009

ALAKRANADA


A inminencia das eleccións xerais (quedan dous anos de lexislatura, pero eran inminentes hai xa un par de anos) fai que Rajoy despregue hoxe toda a carga parlamentaria contra todo o que cheire a alakranada, nun mix completito de reprobacións, comparecencias, demisións, asunción de responsabilidades e para todo o que se moveu estes días: defensa, xustiza, interior, pesca, exteriores, vicepresidenta, presidente. O que sexa con tal de que non escapen con vida política os culpables de toda a desventura. É moi probable que o goberno o puido ter feito mellor (un amigo hoxe se preguntaba como non eran capaces de ir alí e pegarlle uns bombazos a todo canto pirata aparecera á vista, coa aplicación da chiclosa razón de estado, e iso que eu o teño por persoa medianamente prudente). Se cadra ata moito mellor puido facelo e é obriga implacable para a oposición solicitar canta explicación se deba á opinión pública sobre o ocorrido. 
Pero non debería Rajoy mostrarse tan apresurado e menos tan imprudente en tamaña solicitude. Debería mostrar a elegancia de agardar a que o episodio repouse da súa balbordada indecencia. A cohorte infinita de opinadores e falabaratos ten agora un tempo precioso para alardear de coñecementos sobre o universo bucaneiro (tomados en lectura apresurada de Stevenson), sobre as competencias da audiencia nacional (mal aprendidas tras un par de grolos de patxarán co leguleio de cabeceira), sobre o protagonismo entre soberbio, vaidoso e mesmo luxurioso de Garzón (zazabetado coas formuliñas que ensinan nas escolas de xornalismo copero ou mundano), sobre a torpeza natural da ministra de defensa (presentada coa displicencia esperada do que mira a realidade nacional entre croquetas de Casa Manolo na rúa Jovellanos), sobre a inutilidade manifesta do ministro Moratinos (de seu, por suposto, suliñada mesmo con algunha alusión ao seu apelido, nesa enésima variedade de vituperio contra a moraima que tanto se estila), sobre a petulancia dunha vicepresidenta que mesmo vai a Arxentina en periodo de crise ou sobre a arrogancia, presidencialismo e, por que non dicilo, chulería dun presidente desaparecido no combate durante 41 días coas súas correspondientes noites. 
Estes días son perfectos para lembrar a preparación linfática de todo canto escribidor pulula por este país. Non faltará o que lle bote a culpa, non sei con qué orde, aos piratas por ser piratas, ás axencias de Londres por axenciarse dos cartos, ás millas costeiras por ser costeiras ou á lexislación internacional non por ser internacional senón por ser lexislación e ter que ser cumprida. Outros sinalarán aos mariñeiros (con cautela, non vaia ser que perdan clientela ou certa mirada cómplice en según que sitios) como supostos bandidos ou aos armadores como sospeitosos habituais, mentres na beirarrúa oposta haberá quen presente mocións en Bermeo ou onde cadre para alcumar rúas ou polideportivos cos nomes dos que hoxe mesmo aparecen siareados como os heroes do alakrana, nunha multiplicación por 36 de Eloy Gonzalo. Todos estarán estes días entretidos en atoparen novas culpabilidades nun carrusel eterno de bisturís decididamente ferruñentos.
É golosa a perspectiva de aproveitar a ocasión dunha enésima crise no exterior, principal causa de debilidade gubernamental na historia do último século, pero Rajoy debería agardar un chisco. Non moito, claro está, porque as explicacións deben pedirse sen demora, pero que non presente tales requisitorias amoreadas sen xeito e no medio dunha insoportable berrea de xente sedenta de sangue, máis preocupada en non parecer miñaxoia nestas circunstancias de furor patriótico que en ser riguroso na súa exposición de motivos. 
Nunca estivo a opinión pública tan necesitada de intelixencia, sentido común e prudencia política e nunca tan sobrada de escrotos e excrecencias.  

15 novembre 2009

O PRESENTE DO LIBRO ELECTRÓNICO


Hoxe no seu habitual artigo dos domingos na Voz Víctor Freixanes plantea o reto e desafío dos ebooks. Manuel Bragado fai outro tanto no seu do Faro de Vigo. Os dous principais editores galegos explicitan, logo, a súa aposta polo novo formato para ler. Pero non sen antes lembrar que aínda queda papel que vender e que as incertezas son grandes nestes momentos. 
A min, que non son editor e si lector de todo o que cai nas miñas mans ou no que sexa, todo me resulta un continuo adiamento do inevitable. Non pretendo ser profético nin moito menos, pero a todas luces parece irreversible o proceso. Supoño que os impresores e os editores teñen moito interese en prolongar a vixencia do formato libro, sobre todo aqueles que teñen unha inversión feita en maquinaria, recursos humanos, en capitalización mesmo de novos recursos electrónicos (penso nas edicións por encarga de impresión personalizada) que teñen no consumo do papel a súa máxima aspiración. As axudas ao sector por parte tanto da parte correspondiente a industria (mesmo do ámbito paradóxico do I +D) como por parte de Cultura ou de Educación (pensemos nos cartos destinados a fornecer de libros as bibliotecas públicas e escolares) tamén contribúen a ralentizar o proceso. 
Sen embargo, ese futuro está xa aquí. Non depende xa dos escritores, moi probablemente os máis interesados en que os seus textos sexan lidos nos formatos que haxa, nin dos lectores, en suficiente número e con suficiente preparación tecnolóxica (e intelectual, por qué non) para esixir canto antes a chegada dese aparello ao parecer tan transgresor. Hai que cuidar, seguro, o nivel de control da producción, dada a marcada tendencia no universo de internet á gratuidade: haberá que estar atento a como se xestionan esas transaccións comerciais entre usuario e escritor, cun editor que ve perigar o seu tradicional posto de intermediario ou intercesor entre os dous elos fundamentais da cadea da lectura. Pero hai que facelo canto antes, sen remisión ou preguiza.
Eu, xa digo, sen profecías de ningunha clase, só lamento a demora. E máis se se me apura no caso da lingua galega, necesitada precisamente dunha visibilidade modernizadora no seu caso. Que os primeiros ebooks que saian ao mercado sexan precisamente en galego, é unha boa noticia para o panorama da lingua: aínda que eu xa boto en falta que non dean un salto cualitativo e non incorporen hipertextos que aglutinen imaxes fixas, en movemento, vencellos en rede e outras marcas distintivas da textualidade virtual, á que están tan afeitos os novos lectores de pantallas sexan como fosen estas. 
Estamos diante da clásica indefinición do mercado cando se aproxima un gran salto cualitativo. Non sei por que lembro aqueles anos de principios dos setenta coa televisión en cores (que se secam ou pal) ou dos sistemas de video ou dos sistemas de grabación sonora, que se fixeron tan longos. Agora probablemente esteamos nunha análoga tesitura. Para decembro parece que hai batalla polos dispositivos lectores dos primeiros ebooks como agasallos de nadal. Probablemente paguemos máis da conta por algún deles, de seguro de tecnoloxía xa superada no momento da compra, como sucede con este mercado mundial que parece global e non deixa de estar xerarquizado en función da maior ou menor penetración do segmento das novas tecnoloxías nos distintos países. Pero o que parece xa seguro é de que non hai volta atrás. E que eu espero que as novidades en galego dos vindeiros meses veñan xa ás casas nesta nova presentación, máis acorde a estes tempos que vivimos de constante conexión coa pantalla xa insustituible nas nosas vidas do ordenador.   

14 novembre 2009

POST COITUM


Sarà vera e calma

felicità la mia.

V. Cardarelli

 

Á noite miras ese fanal

de cores mouras para que

a luz compoña esa ollada

que teño entre as mans

de lume 

que conservo desde

a costa que ascende 

sons limpos de tempo.

Viras eses ollos á auga

que soa en silencio

por eses cons de

sangue, veas e lique;

adoptas ese aceno de auga 

chea coma de lapa e doce

incendio. Semella que o vaso

agradece a brisa, 

o solpor suave

que non existe entre os brazos:

polo húmido vento

pasan dúas linguas de labios

fondos e ardentes.

 

8 novembre 2009

LOPEZVÁZQUEZ


Lopezvázquez era a combinación de apelidos máis respectada na casa. Cando os meus pais decidían ir ao cinema, aló polos finais dos 60 e principios dos setenta, esa palabra era definitiva. Cando poñían (ou botaban ou daban que todos estes verbos valen) unha película na tele obrigatoria e saía ese nome que deixaba de ser unha suma de apelidos comúns para se convertir en fetiche, a aposta polo sofá de escai para mirar o filme era segura. Non mirara eu ningunha película del e xa sabía que, ao lado de termos indiscutibles, tipo Carigrán, Cargable, AlanLad, Carolombard, Lanaturner ou Betedavis, o de Lopezvázquez era irrenunciable. Nacín dando por suposto que algo así chamado podía convertirse en sagrado, aínda que meus pais ao día seguinte enrugaran o aceno e admitiran que a película non valera un peso, pero que Lopezvázquez era único.

A min, logo, xa me gustaba por prescripción familiar e sen velo nin un só instante ese tal Lopezvázquez. De tanto velo en tantas películas, en tantas representacións teatrais, pero, sobre todo, de tanto mirar aos meus pais devotos dos seus esaxerados tics de histrión cómico comecei a gustar del. Debe ser que isto dos gustos nunca nacen do ADN e si do que apreza o entorno máis próximo e a min tocoume por fortuna aprender a admirar aos cómicos, aos actores e ás actrices que fan rir máis que aqueles que acostuman a mover á bágoa ou á compracencia tráxica. E Lopezvázquez facía rir sempre, aínda que con aceno amargo, o cal engadía unha gravidade cómica aos seus personaxes para facelos universais. Desde El pisito de Ferreri (1960) ata calquera desas películas tan infames coma alimenticias dos anos setenta nos que facía de patético homo hispanicus encebolado por mulleres inacadables, capaces de alternar con eminencias da comedia esperpéntica como El verdugo, Vivan los novios o Plácido, as tres dunha Berlanga único. Contar un a un os seus papeis durante estes anos é contar a propia historia do cinema.

O canon social das artes imitativas tende a sublimar os xéneros máis dramáticos. Debeu ser iso o que levou a Lopezvazquez a alternar por uns anos (finais dos sesenta) o rictus grotesco coa faciana adusta en películas de pretendido fondo social, como aquel Peppermint frappé de Saura ou máis adiante con Mi querida señorita de Armiñán, ou co mesmo El bosque del lobo de Olea, no que a historia do lobishome adquiría unha dimensión política engadida. Estes traballos concederon a Lopezvazquez un prestixio único: non só era quen de representar como ninguén ao cómico bufo da vella tradición occidental senón de abordar papeis estraños, difíciles, de corte tráxico e severo.

Uns e outros papeis conforman unha filmografía de máis de 250 películas. Algunhas delas son obras mestras da cinematografía mundial, con el coma principal figura; outras foron concebidas para aproveitar de principio ao fin o seu talento; o conxunto constitúe un caso eminente da historia do cinema. 

Pero bastaría a lembranza dun home calvo berrando cunha frecha de ventosa pegada na fronte e unha cinta de comanche mentres corría por un pasillo demasiado familiar para que todo o demáis só fose o complemento ideal dun home que nos fixo rir a gargalladas (coa necesaria amargura) durante todos aqueles nosos anos en branco e negro.