Caxigalines nella Reguera'l Campizu

13 febbraio 2007

CANDO GALLAECIA ERA UN UMBILLICUS MUNDI

Chégame desde Compostela, per loca maritima, máis ou menos, este interesante libriño (libriño polo tamaño) dun paisano meu (do centro mesmo da Gallaecia: a Pons Ferrata), César Candelas, especialista en Hidacio de Chaves ou máis ben Hidacio da Limia (Civitas Limicorum), que de por alí, perto da Lagoa de Antela, era. O libro, nun tono ameno e divulgativo, non carente de erudición (histórica, teolóxica, arqueolóxica, urbanística) e dun punto belixerante contra certas concepcións anacronizantes daquel tempo, conta a vida e o mundo galaico de Hidacio a partir do Cronicon, unha especie de blog ante litteram, claro está de maiores pretensións trascendentais e, por suposto, cheo de notas en forma de calendario sobre acontecementos históricos, cotiáns ou mesmo meteorolóxicos, como o que o propio Candelas inclúe no limiar do libro: "Na véspera das nonas de Abril (4 de Abril), martes, ao solpor, o ceo adquiriu a cor vermella do lume e do sangue polo norte, mesturado cunha liñas claras semellantes a lanzas brillantes deformadas polo vermello ígneo". Fermoso texto nun apaixoante relato, que forma parte, como di o autor, do ADN de Galicia.

3 commenti:

Mario ha detto...

Nas edicións estas da universidade de Santiago atópanse de cando en vez auténticas xoias. É unha mágoa que non lles dean máis atención e que raramente as reediten. Polo menos podían pendurar da rede as descatalogadas.

Anonimo ha detto...

Como pode que nos visite o amigo fragmentario da galaxia, seguro que el poderá explicarnos por que non vemos os libros dos distintos servizos de publicacións nas librerías. É unha mágoa, en efecto, porque eu creo que a verdadeira sabidoría dun país atópase nestes lugares, mal vistos ademáis pola propia Academia universitaria, que prefire ver os seus libros publicados en editoriais de certo prestixio (pagados por eles mesmos) ca nos Servizos das súas respectivas universidades. Viu alguén algunha reseña, nunha revista cultural ou nun caderniño xornalístico, dun libro sacado de tales prelos?

Marcos Valcárcel López ha detto...

Ia dicir o mesmo que Mario: hai traballos magníficos nesa colección, p.ex., entre moitos outros os de Pegerto Saavedra, Mar Llinares, Ricardo Polín, Jesús Montoya Martínez e un longo etc. E non son nada promocionados. Ignoro as razóns: quizais haxa quen pense que nese formato non merecen ser comentados con detalle (eu mesmo fixen recensións de algúns, pero non de todos). É unha colección que debía chegar, p.ex., ás Bibliotecas dos Institutos e non outros mamotretos (inservibles) que ás veces mandan...