Celebran, conmemoran, lembran en Italia este ano os anos de chumbo. O '77, como eles escriben, forma parte sustancial do seu pasado máis inmediato. A aparición, ademáis, dunhas novas Brigate Rosse en Padova trae á memoria de novo o terrorismo daqueles anos. Un excelente programa na Rai (de Carlo Lucarelli, un escritor de novela negra, il giallo, moi coñecido e admirado en Italia) que espero compre algunha canle de televisión por estes pagos, describe con precisión aqueles anos: quedan para sempre as imaxes de Aldo Moro no maletero dunha R4 nunha rúa de Roma, pero nunca escoitara a voz do terrorista que informa por teléfono da morte do secretario xeral da DC a un amigo de Moro. Os xornais en Italia repasan unha e outra vez aqueles anos, con recordos de manifestacións en Bologna, en Milán, en Roma, dun estado policial. Interesa ler a entrevista con Fausto Bertinotti, líder do Partido di Rifondazione Comunista italiano, e actual presidente da Cámara de Diputados, gracias, por suposto, aos votos da Unione, a amalgama de partidos de centroesquerda italiana. Nela afirma que "a non violencia debe converterse no manifesto da esquerda", despois de confesar que "sobre o terrorismo a esquerda non fixo bastante".
P. Presidente Bertinotti, vostede que nos anos 70 estivo entre os que combatiron o terrorismo e despois convertiuse en líder dun partido neocomunista, que pensa agora cando ve que en Italia aínda hai terroristas dispostos a facer a revolución?
R. Tiven un pesadelo. Pensei que nos anos 70 fixeramos tanto para acabar coas Brigate Rosse históricas. Pero non bastante. Pode que non chegaramos ata o fondo, non fomos quen de extirpar o virus do terrorismo do noso corpo.
Tras estas declaracións, Darío Fo, entusiasmado pola risposta da esquerda contra a ampliación da base americana en Vicenza (un dos principais problemas do ex primeiro goberno Prodi), nunha manifestación moi amplia, afirma que resulta "perigoso" non escoitar á sociedade. "Que volvan outra vez os brigadistas paréceme un pesadelo (un incubo, en italiano); non se comprende sobre que plano cultural, estratéxico, ideolóxico se moven. Non hai lóxica: so hai loucura. Dito esto, a política non debe enviar aos xovenes mensaxes de desencanto, señais de que neste mundo pagan sempre os parvos".
A discusión política en Italia, sempre tan interesante polo que de analoxía pode representar ás nosas circunstancias, é moi viva e fascinante.
[Foto: rúa de Ferrara]
2 commenti:
Os anos de chumbo en Italia vivíronse dende aquí cunha sensación rara: chegaban as novas pola prensa e por algunhas revistas de esquerda, pero era difícil facerse unha idea clara do que representaban as Brigadas Roxas. De feito aquí tiñamos un terrorismo semellante, pero minoritario, no GRAPO, tan infiltrado pola policía. Supoño que eran fenómenos diferentes, pero as BR tampouco tiñan nada que ver co que aquí significaba ETA. E aquilo coincidía coa nosa chegada á democracia: e era inquedante ver que un país cunha democracia asentada, dende a segunda guerra mundial e despois de sufrir o fascismo, estaba tamén marcado pola lacra do terrorismo. Polo demáis, creo que daquela a violencia política en Italia tiña fortes apoios dende unha parte do mundo intelectual: queda algo diso aínda por aló?
Amigo Valcárcel:
Darei novas destes derradeiros días. En primeiro lugar, os detidos, e presuntos integrantes das novas Br (o outro día atoparon armas checas que xa non se fabrican que deberon pertencer aos primeiros), pertencen a un "centro sociale" da esquerda e propiamente dos verdes. O grupo ao que pertencían estes xoves (algúns asociados a sindicatos maioritarios como o CGIL) entende que se confunde "o disenso co terrorismo e os activistas do centro social cos herdeiros das Brigadas roxas". Por tanto, desde este punto de vista, a visión parece discutida. Tamén, a raíz das declaracións do comunista católico Bertinotti, outro profesor de esquerdas (sempre cercanos a la Universidad de Bologna, unha das universidades máis combativas) "coñece persoas que frecuentan ex br agora en libertade e nun certo sentido semellan padecer unha especie de fascinación intelectual".
Unha nota máis e moi interesante:
Rifondazione Comunista invita a falar en Padova a Susanna Ronconi, unha ex brigadista que cumpliu cadea durante 12 anos por matar a un carabiniere xubilado e a un xove militante de dereitas. Vai falar sobre drogodependencia, pero unha parte dos Democratici di Sinistra e toda a dereita de Padova rexeitan a súa presencia.
En xeral, semella a clase política preocupada por esta aparición e nótase na vehemencia con que a esquerda, sobre todo a esquerda, rexeita a estes mozos de verbas e armas) revolucionarias.
Posta un commento