Caxigalines nella Reguera'l Campizu

11 febbraio 2007

VALLE COXO



No artigo de hoxe en EL PAÍS de Suso de Toro trata o vello tema de Valle e a súa pertenza a Galicia. As loubanzas do escritor santiagués son redundantes porque hoxendía non hai ninguén (a pesar do que sostén sobre a academia: "a Valle lo trata la academia igual que lo trató, con distancia y recelo") que rexeite a idea de que Valle é o máis grande escritor español do século XX. As súas reflexións sobre a relación de Valle con Galicia ou máis ben as relacións de Galicia con Valle ignoran que Valle-Inclán está en mans dos seus herdeiros, quen impiden de forma sistemática por suposto a traducción ao galego dos seus textos así como a edición crítica da súa obra, completamente necesaria e imprescindible. A edición de Valle está limitada á editorial Aguilar, sen ningún xénero de anotación, agás as notas que deixan poñer os seus herdeiros ou as insuficientes de Luces de bohemia que Alonso Zamora Vicente (académico de libro, por certo), non sei con que clase de sorte excepcional, fixo para a devandita empresa editora. Creo que mentres non existan textos fiables e profusamente comentados de Valle, todo o camiño seguirá en máns precisamente de eruditos, capaces de entender o español complexo e riquísimo de Valle, pero non nas dunha maior franxa de poboación a quen o poderío lingüístico de Valle faiselles moi costa arriba, case imposible.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Suso de Toro adoita falar de asuntos dos que sabe moi pouco. Daquela, non é raro que, no mellor dos casos, diga lugares comúns ou, no peor, que meta o zoco.

Anonimo ha detto...

Non é unha crítica a Suso de Toro neste caso, aínda que pode parecer, senón á idea establecida de que Valle e a súa obra pasan incomprendidos.
Non creo que haxa un autor español que reúna unha coincidencia tan grande entre os lectores, estudiosos ou coñecedores da literatura española como Valle. O seu recoñecemento é universal, sen discusión, en tódolos ámbitos, polo que sinalar esa débeda non é moi xusta. Os estudios sobre Valle en Galicia son exemplares: a USC ten un grupo de investigación extraordinario, de sona mundial, que non pode ir máis adiante por imperativos legais cos herdeiros e polo interese que amosan certas institucións en controlaren turística e folclóricamente (o cal non ten por que estar mal) o legado do escritor. A nivel académico, se é iso ao que se refire de Toro, Valle é un autor estudiadísimo e moi ben considerado. Non é en absoluto extravagante, neste sentido.
Outra cousa é tal vez a súa consideración no sistema literario galego, onde non ten lugar nin sentido. É posible que non saibamos ata o de agora como artellar a figura de Valle dentro de Galicia, ou simplesmente a de celebrar de modo permanente a súa figura. Eso é tal vez o que pretende sinalar de Toro: que Galicia aínda non recoñeceu de seu a Valle, que falta algo, tal vez algo tan indefinido coma unha presencia constante, un punto de referencia, ao xeito (particular, claro está) de Rosalía. Creo, en todo caso, que escribir en español (nun galego españolizado, máis ben) non lle axuda moito, pero Suso de Toro, sen querer dicilo, está a demandar unha apropiación total da súa obra e da súa figura para Galicia. E non estaría mal, creo.